O persoal do Concello de Cariño retoma as mobilizacións ante parálise na negociación da RPT

Este venres fixeron unha cazolada na Casa Consistorial e mañá, sábado día 1, sairán en manifestación para exixir condicións dignas e uns servizos públicos de calidade
Cariño - 31 Xul 2026

O persoal do Concello de Cariño retomou este venres o calendario de mobilizacións ante a falta de avances na negociación e aprobación da Relación de Postos de Traballo e a incapacidade do Goberno local na xestión dos servizos públicos. Este mediodía, traballadoras e traballadores realizaron unha cazolada ás portas da Casa Consistorial e para mañá, sábado 1 de agosto, teñen convocada unha manifestación polas rúas da vila que sairá ás 12h do Sagrón.

Ademais, o próximo xoves día 6 -coincidindo coa celebración do pleno municipal- teñen previsto concentrarse ás 19:45h diante do Concello para que o Goberno local e a Corporación “escoiten as nosas demandas e poñan solución a este conflito”.

A representación social lembra que logo de catro meses de intensas mobilizacións, a principios de maio o persoal decidiu suspender provisionalmente a folga indefinida que ía comezar o día 5 dese mesmo mes, despois de que a alcaldesa presentara un borrador de RPT. Aínda que o documento estaba incompleto e “cheo de erros”, estabeleceuse un calendario de negociacións co obxectivo de aprobar de maneira inicial a relación de postos de traballo no prazo dun mes, quedando suspendidas as mobilizacións.

“Esta convocatoria de negociacións manifestouse como unha nula vontade de aprobar a RPT e a súa única intención foi paralizar a folga indefinida”, critica a representación do persoal, quen explica que a última reunión se produciu o 8 de xuño “e non hai indicios nin tampouco vontade de seguir a negociar”.

A esta parálise hai que engadir que a rexedora perdeu o recurso preentado no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza contra a sentenza do xulgado de Ferrol que obriga a negociar a RPT. Neste senso, a representación sindical salienta que “esta nova sentenza obriga a negociar e aprobar a RPT con imposición de multas persoais ou denuncia penal á Fiscalía en caso de incumprimento”.

“Os traballadores e traballadoras do Concello queremos negociar e pedimos unha negociación de boa fe. Estamos fartas e fartos de escoitar escusas, de que non se presente o capítulo 1 dos orzamentos para 2026, de que isto non avance e de que se finxa que se está facendo algo simplemente para evitar as folgas e as sancións do xulgado”, critican.

Deterioro dos servizos públicos

Salientan ademais que a falta dunha RPT actualizada non só lle afecta ás condicións laborais e salariais do persoal, que levan anos empeorando, senón que impide dotar os servizos públicos dos efectivos necesarios. A este respecto, advirten da falta de persoal e da sobrecarga laboral que provoca “a deterioración dos servizos e incluso que nalgúns casos non se poidan prestan”, tal e como acontece no SAF, que neste momento conta só con tres traballadoras para realizar o servizo.

Por iso, o persoal reclama a aprobación “dunha RPT que permita a dignidade salarial e laboral e que garanta uns servizos públicos dignos e de calidade no Concello de Cariño”.