
Persoal civil de Defensa reclama melloras salariais con protestas na Escola Naval de Marín e no Arsenal de Ferrol

Persoal civil do Ministerio de Defensa desenvolveu hoxe novas mobilizacións diante da Escola Naval de Marín e do Arsenal Militar de Ferrol para reclamar melloras salariais, despois de que os acordos asinados nos últimos sete anos polos sindicatos CCOO, UGT e CSIF supuxesen unha perda de poder adquisitivo de máis do 20%.

Segundo denuncian dende a CIG-Administración, o Acordo Marco para unha Administración do Século XXI non só afondou nesta perda, senón que tamén fracasou na súa implantación ao non derrogar a lexislación que impuxo recortes, como os Reais Decretos-Lei 8/2010, 20/2011 e 20/2012. “Tampouco se avanzou en melloras en dereitos laborais, revelando a ineficacia dos sindicatos estatais, que se amosan sometidos aos intereses dos gobernos, e o resultado final do acordo, vendido como un éxito, aumenta o empobrecemento do persoal público”.
Neste senso, sinalan que a suba do SMI déixase notar incluso nos salarios do persoal das Administracións -en moitos casos dos Corpos e Escalas básicas-, que ve como as súas retribucións aumentan co incremento do SMI. “O Goberno central está a permitir que o seu persoal cobre as retribucións mínimas, evidenciando o nivel de empobrecemento alcanzado”.
Neste contexto de perda continuada de poder adquisitivo do persoal público, o persoal civil de Defensa entende que esta situación non pode variar mediante acordos sobre complementos salariais, como si acontece noutros Ministerios, “colocándonos na posición do persoal da Administración Xeral do Estado peor remunerado”.
Por iso a CIG leva anos presentando nos organismos de negociación -Mesa Delegada e Subcomisión Paritaria de Defensa- propostas concretas de melloras salariais, “pero atopámonos coa indiferenza dun Ministerio que non é quen de abrir unha mesa negociadora específica sobre retribucións coa xustificación de que non é o momento ou que non hai partidas económicas suficientes”. Agora, ademais, coa a publicación do RD 248/2025, de 25 de marzo, que contempla un aumento salarial lineal duns 200 euros mensuais de media para o persoal militar, o persoal civil séntese “profundamente” discriminado. “Se xa eramos persoal público de segunda categoría, agora xa somos de terceira”, lamentan.
Ao mesmo tempo, consideran un agravio “sen precedentes” que ante unha partida económica “inmensa” destinada a incrementar o salario do cadro de persoal do Ministerio, “só sexa unha parte a beneficiada, deixando ao persoal civil nunha situación inxusta e a todas luces discriminatoria e clasista”. E lembran que con menos do 10% dos 400 millóns asignados á suba do persoal militar, as 7500 persoas empregadas como persoal laboral, as 3600 do persoal funcionario e as 2500 do persoal estatutario que integran actualmente o cadro de persoal civil de Defensa “tamén verían incrementado o seu salario de maneira lineal en 200 euros ao mes de media”.

Medidas a curto prazo
Diante disto, a CIG propón unha serie de medidas “ perfectamente factibles no curto prazo se hai unha vontade negociadora real”. A primeira delas, o aumento lineal do salario do persoal civil, como mínimo, na mesma contía media que se lle subiu ao persoal militar (entre 200 e 300€/mes). “Que se faría elevando o Complemento Específico do persoal funcionario (tal como se fixo co persoal militar), e introducindo un complemento salarial de carácter non absorbíbel ao persoal laboral para que poida aumentar ante futuros incrementos salariais.
Tamén unha cláusula de garantía salarial, xa que a central defende a necesidade de vincular os salarios ao IPC acumulado a final de ano, para que o aumento dos prezos se vexa reflectido no noso poder adquisitivo. Esta cláusula debe ser protexida por lei e aplicarse a todo o persoal con carácter anual ou plurianual. Para 2025, reclama un aumento do 5%, xa que o acordo de 2022-2024 entre Goberno e sindicatos estatais supuxo a perda dun 3% de poder adquisitivo. ·
A CIG demanda tamén a negociación dunha Instrución de Produtividade para todo o persoal civil, independentemente do seu réxime xurídico-laboral, funcionario ou estatutario, que recolla de maneira transparente os criterios para asignar este concepto retributivo, así como as partidas económicas das que dispón o Ministerio para isto. A que está vixente é do ano 2013 e o ámbito de aplicación é para o persoal funcionario en exclusiva. ·
Para o persoal laboral solicita a maiores unha mellora significativa do complemento E6 (actualmente nos 30€/mes) vinculada ao persoal de Defensa, aprobada hai meses no Grupo de Traballo de Complementos do IV Convenio Único da AXE, acordo sobre complementos que a CIG non asinou por claramente insuficiente. E aumentar a cantidade da paga de final de ano coñecida como MUA (Mellora Unilateral da Administración), e que a partida económica que a financie sexa independente do concepto de produtividade para este tipo de persoal.
E para o persoal funcionario, demanda unha reclasificación dos grupos funcionariais e niveis para os Corpos de Arsenais con motivo da nova Lei de Función Pública. Actualmente, unhas 950 persoas integran o conxunto destes Corpos a nivel do Estado. E considera necesario negociar a contía da paga de final de ano de Produtividade por Obxectivos do Departamento, “para que non estea sometida á arbitrariedade da Administración”.