Persoal civil de Defensa mobilízase no Arsenal de Ferrol en demanda de salarios dignos

A representación da CIG lembra que é o colectivo peor remunerado da Administración Xeral do Estado
Ferrol - 07 Mai 2025

Persoal civil empregado público no Ministerio de Defensa en Ferrol concentrouse este mércores diante da porta do parque do Arsenal en demanda duns salarios xustos e dignos. A representación da CIG nesta administración considera un agravio sen precedentes que ante unha partida económica inmensa destinada a incrementar o salario do cadro de persoal do Ministerio, “só sexa unha parte a beneficiada, deixando ao persoal civil nunha clara situación inxusta, e a todas luces discriminatoria e clasista”.

A representación da CIG lembra que no contexto de perda continuada de poder adquisitivo do persoal público, o persoal civil de Defensa “non ve que se poda paliar esta situación con acordos sobre complementos salariais, como si acontece noutros Ministerios, colocándonos na posición do persoal da Administración Xeral do Estado peor remunerado”.

A CIG leva anos presentando nos organismos de negociación –Mesa Delegada e Subcomisión Paritaria de Defensa- propostas concretas de melloras salariais, mais a resposta “é a indiferenza por parte dun Ministerio que non é quen de abrir unha mesa negociadora específica sobre retribucións coa xustificación de que non é o momento ou que non hai partidas económicas suficientes”.

“Somos persoal de terceira”

Por iso, apuntan que se o persoal xa se sentía desatendido e que se ignoraban as súas propostas, agora ante a publicación do RD 248/2025, de 25 de marzo, dun aumento salarial lineal duns 200€ mensuais de media para o persoal militar, o persoal civil “séntese profundamente discriminado. Se xa eramos persoal público de segunda categoría, agora xa somos de terceira”.

Salientan que con menos do 10% dos 400 millóns asignados á suba do persoal militar, as 7.500 persoas empregadas como persoal laboral, as 3.600 do persoal funcionario e as 2.500 do persoal estatutario, que integran actualmente o cadro de persoal civil de Defensa, tamén verían incrementado o seu salario de maneira lineal en 200€ ao mes de media.

“Tal como se tomou a decisión política de asignar esta partida económica, tamén se pode tomar de maneira semellante e inmediata unha suba para o persoal civil que retribúa dunha maneira xusta as nosas funcións. Este proceder da Administración evidencia que, se hai vontade real, pódese mellorar a curto prazo as condicións económicas. Só fai falta vontade de negociación por parte do Ministerio”.

Propostas da CIG

Neste senso, a CIG propón as seguintes medidas, que entende perfectamente factíbeis no curto prazo:

  • Aumento lineal do salario do persoal civil na mesma contía media que se lle subiu ao persoal militar (entre 200 e 300€/mes). Isto levaríase a cabo elevando o Complemento Específico do persoal funcionario (tal como se fixo co persoal militar), e ao persoal laboral introducindo un complemento salarial, de carácter non absorbíbel, para que poda aumentar ante futuros incrementos salariais.
  • Cláusula de garantía salarial: a central defende a necesidade de vincular os salarios ao IPC acumulado a final de ano, para que o aumento dos prezos se vexa reflectido no noso poder adquisitivo. Esta cláusula debe ser protexida por lei e aplicarse a todo o persoal con carácter anual ou plurianual. Para 2025, a CIG propón un aumento do 5%.
  • A negociación dunha Instrución de Produtividade para todo o persoal civil, independentemente do seu réxime xurídico -laboral, funcionario ou estatutario-, que recolla de maneira transparente os criterios para asignar este concepto retributivo así como as partidas económicas das que dispón o Ministerio para isto. A que está vixente é do ano 2013 e o ámbito de aplicación é para o persoal funcionario en exclusiva.

Ademais, para o persoal laboral:

  • Mellorar significativamente a cantidade do complemento E6 (actualmente nos 30€/mes) vinculada ao persoal de Defensa, aprobada desde hai uns meses no Grupo de Traballo de Complementos do IV Convenio Único da AXE, acordo sobre complementos que a CIG non asinou por claramente insuficiente.
  • Aumentar a cantidade da paga de final de ano coñecida como MUA (Mellora Unilateral da Administración), e que a partida económica que a financie sexa independente do concepto de produtividade para este tipo de persoal.

Para o persoal funcionario:

  • Reclasificación dos grupos funcionariais e niveis para os Corpos de Arsenais con motivo da nova Lei de Función Pública. Actualmente, unhas 950 persoas integran o conxunto destes Corpos a nivel do Estado.
  • Negociación da contía da paga de final de ano de Produtividade por Obxectivos do Departamento, para que non estea sometida à arbitrariedade da Administración.

“A mobilización do persoal público civil é a única que pode reverter esta situación de desconsideración por parte da Administración”, aseveran, por iso chaman a este persoal a “mostrar o seu descontento e facerse valer, mostrar dignidade, porque se non o facemos nós, o Ministerio de Defensa ten demostrado que vai seguir postergando de maneira indefinida calquera tipo de mellora para o noso colectivo”.