Persoal civil de Defensa mobilízase na Escola Naval de Marín en demanda de melloras salariais
Persoal civil no Ministerio de Defensa continuou este mércores coas mobilizacións para reclamar melloras salariais. Nesta ocasión, convocada pola CIG, a protesta desenvolveuse diante da Escola Naval de Marín, aproveitando a xornada festiva para o naval e co obxectivo de “converter a data deste ano nunha xornada de reivindicación para este colectivo”.
Esta é a cuarta mobilización do persoal civil de Defensa convocada en Galiza en pouco máis de dous meses, despois das dúas de Ferrol e unha en Marín, para reclamar melloras retributivas para un persoal público “que recibe os salarios máis baixos en relación ao persoal doutros Ministerios da Administración Xeral do Estado”.
A representación da CIG no sector subliña que a mobilización activa e concienciación do persoal civil de Defensa é a única que pode reverter a situación de baixos salarios e, sobre todo, “dar solución á situación manifestamente discriminatoria na que incorreu o Ministerio de Defensa ao destinar unha partida millonaria, vía Real Decreto, a incrementar os salarios do seu cadro de persoal, na que unha parte quedou excluída pola súa condición de persoal civil”.
Esta situación inxusta mesmo foi recoñecida polas declaracións da Ministra de Defensa na reunión realizada o 23 de xuño en Madrid coas organizacións sindicais con representación na Mesa Xeral de Negociación. Nese encontro, a responsábel política reclamou paciencia e un período de tempo prudente para que o seu Departamento elaborase unha proposta de aumento retributivo para o persoal civil, que afirma comezou a estudarse en finais do mes de maio.
“Da CIG consideramos que a prudencia que nos reclama a Ministra non debe confundirse con deixarnos levar pola pasividade e a inacción”, advirten. Por iso, a central nacionalista deu hoxe continuidade ás mobilizacións e convocará as que sexan precisas, “porque sabemos que estas foron as que conseguiron poñer a traballar o Ministerio na elaboración dunha proposta de mellora salarial, feito que tamén recoñeceu a Ministra nomeando a primeira concentración feita en Ferrol”.