Persoal de Atención Primaria senta na porta da Consellaría á espera de poder negociar melloras laborais e asistenciais

Con motivo da nova xornada de folga convocada pola CIG-Saúde en resposta á falta de propostas da Xunta
Nacional - 26 Mar 2026

Persoal de centros de saúde e PAC protagonizou esta mañá unha sentada diante do edificio de Sanidade en Compostela para simbolizar “a espera” na negociación coa Consellaría e a falta de solucións e medidas estruturais para a Atención Primaria. A acción de protesta desenvolveuse con motivo da nova xornada de folga convocada pola CIG neste ámbito da sanidade pública, que terá continuidade os días 9 e 23 de abril.

A secretaria nacional da CIG-Saúde, Ana Lestón, lembrou que no día de onte se produciu unha reunión coa Consellaría de Sanidade “para intentar buscar solucións a este conflito e analizar cada un dos 25 puntos da nosa táboa reivindicativa”, pero o único que se conseguiu “foi facer unha exposición das nosas demandas sen obter ningunha proposta concreta e suficiente por parte da administración”.

Lamentou que malia a vontade da central sindical para seguir negociando, “estamos esperando por unha nova convocatoria de xuntanza, que en principio se ía celebrar hoxe, pero que a Consellaría xa nos avanzou que queda adiada para outro momento, agardemos que para antes da xornada de folga do día 9”.

Lestón reiterou que a solución ao conflito aberto na Atención Primaria “pasa pola adopción de medidas urxentes para todas as categorías” e mentres non existan propostas concretas “continuaremos coas nosas reivindicacións e facendo as mobilizacións que sexan necesarias”.

Reiterou que o problema na Atención Primaria non está nunha única categoría profesional e neste senso, cualificou de insuficiente e falto de concreción o acordo acadado entre a Consellaría e o sindicato médico para a limitación de axendas “porque nin sequera hai garantía de que se poñan límites reais”.

A secretaria da CIG-Saúde incidiu en que ademais do persoal médico de familia “hai outras e outros profesionais que tamén sofren sobrecarga laboral e están asumindo axendas interminábeis”, polo que cómpre abordar a situación da Atención Primaria no seu conxunto para poder garantir o seu futuro, a mellora das condicións de traballo e unha atención sanitaria de calidade á cidadanía.

Empeoramento das condicións laborais nos PAC

No decurso da protesta, Lestón sinalou que para mañá venres está convocada reunión da Mesa Sectorial na que a CIG solicitará á retirada do decreto de modificación horaria dos Punto de Atención Continuada, “que a Consellaría pretende impor de maneira unilateral e sen negociación”.  Advertiu que os cambios formulados pola administración suporán aumentar a xornada en fin de semana, máis carga de traballo sen ningunha compensación económica nin laboral e un empeoramento directo das condicións de traballo “a custo cero”.

Tamén informou que, coincidindo coa Mesa Sectorial, o colectivo de traballadoras e traballadores dos PAC van desenvolver unha concentración, ás 10:30h, diante da Consellaría de Sanidade que a CIG apoia e na que chamou a participar.