O persoal de Albada mobilizarase contra a precariedade salarial, o mal estado da planta e a demora na licitación dos novos pregos
O comité de Albada advertiu “do inicio dun período de conflitividade” en resposta ao empeoramento das condicións económicas e laborais que está a sufrir o persoal, polo estado lamentábel da planta de tratamento de residuos de Nostián e o incumprimento dos requirimentos da Inspección de Traballo; a falta de persoas traballadoras suficientes; e a demora na publicación dos novos pregos de condicións. O calendario de mobilizacións arrancará o vindeiro xoves, 9 de abril, cunha concentración ás 09:30h na Praza de María Pita coincidindo coa celebración do pleno municipal.
“Xa levamos máis de seis anos de prórroga forzosa, e mentres estamos esperando a que a nova licitación se faga efectiva, padecemos as calamidades diarias dunha planta que cae aos anacos”, alertou o presidente do comité, Hadrián Canosa. Criticou que a planta non recicla e que non está adaptada aínda ao quinto colector. “Por moito que se anunciara o cambio do sistema, mentres non se reforme, non se van ver os resultados positivos anunciados”.
Neste contexto, rexeitou que a paga de produtividade se reduza en máis do 80%, malia ser un complemento “para o que traballamos todo o ano”. Porén, neste exercicio hai traballadoras e traballadores que non acadaron “nin 60 miserentos euros, que a día de hoxe non chega nin para encher o depósito de combustíbel”. Salientou o presidente do comité que “esta inxustiza” está agravada pola moratoria asinada con Ecoembes para que non se reduciran os ingresos pola implantación do quinto colector “que parece que non se lle quere aplicar ao persoal”.
Este incumprimento, engadiu, resulta máis prexudicial tendo en conta que a última suba salarial que aplicou Albada foi no ano 2012, é dicir, hai xa 14 anos. “É moita hora de que se corrixa esta situación”, afirmou Canosa.
Estado “lamentábel” das instalacións
Durante a comparecencia, o comité volveu denunciar a “situación lamentábel das instalacións”, da que vén advertindo dende hai anos. “Chove dentro das naves, sobre os cadros eléctricos, sobre os puntos de luz e sobre as zonas de paso; as vías están cheas de fochancas e precisan dunha reforma integral; e a limpeza das instalacións é moi deficiente debido ao estado das cintas transportadoras”, describiu Canosa. A isto súmase que os acopios de voluminosos están a rebentar e ocupan as vías polas que ten que pasar a maquinaria pesada como camións e pas, “que teñen que circular por fóra dos carrís, co que risco que isto supón para as persoas que pasan por esa zona”.
Estas problemáticas, aclarou, xa foron denunciadas na Inspección de Traballo, que lle requiriu á empresa actuacións para corrixir estas graves deficiencias, impóndolle un prazo “que rematou o pasado día 3 de marzo, sen que arranxara nada do aquí denunciado”. Lembrou que é o cadro de persoal quen sofre estas irregularidades e incumprimentos en materia preventiva, polo que lle pediu á Inspección de Traballo que aplique as medidas coercitivas oportunas e ao Concello, como titular da planta, que aplique as sancións que correspondan por estas eivas.
Falta de persoal para recuperar materiais
Alén do estado da planta, o comité informou que falta de persoal suficiente nas cintas para recupera materiais, o que provoca que se escape o cartón e o plástico para o vertedoiro, ao non haber traballadoras/es para recollelo. Para máis abundar, “os foxos están a rebordar e tamén o acopio da nave de reciclaxe”. Segundo relatou Canosa, na planta de Nostián hai lixo acumulado dende o nadal aínda sen procesar e moitos destes materiais “degrádanse tanto que quedan inservíbeis e non lle queda outro destino que o vertedoiro”.
Describiu a nave de compostaxe como “toda remendada” e lembrou que, a pesar da cidadanía separar a materia orgánica nos seus domicilios, toda ela “vai para o vertedoiro e supón arredor do 40% do residuo sólido urbano que entra na planta. Durante os vinte anos de concesión máis todo o que levamos de prórroga (seis anos máis) nunca se vendeu nin un só quilo de compost”, denunciou.
A este respecto, a representación social explicou que as instalacións deben ser renovadas e adaptadas ao novo modelo do quinto colector, para o que reclamaron axilidade na nova adxudicación, “sen máis atrasos”.