Perplexidades do “milagre arxentino”

Atilio A. Boron - 20 Dec 2024

A listaxe dos horrores producidos ao longo deste primeiro ano de goberno libertario sería interminábel. No social, este experimento produciu ricos máis ricos grazas á teima con que Milei loitou para “agrandar os seus petos”; e pobres moito máis numerosos -mínimo a metade da nosa poboación, cunha metodoloxía que subestima as dimensións reais da pobreza- e tamén máis pobres que antes

 O goberno de Javier Milei cumpriu un ano e o balance dificilmente podería ser máis desolador. O “axuste máis grande que tivo a humanidade”, tal como o cualificou con moita fachenda o presidente no seu discurso, reduciu o PIB en polo menos un 4 %; fixo caer o consumo das clases populares; empobreceu a grandes segmentos das capas medias; provocado a desaparición de case trescentos mil postos de traballo e o peche de 16.500 pemes e 10.000 quioscos. A xente come moito menos carne, os nenos toman moito menos leite: un millón destes van para a cama sen cear, e segundo a UNICEF a cifra ascende a catro millóns e medio de persoas se se ten en conta aos adultos.

 Con ingresos cada vez máis recortados as familias deben gastar moito máis que antes en auga, gas, electricidade, telefonía e transporte. Quen teña a desgraza de enfermar terá grandes dificultades para ser atendido no hospital público, con orzamentos ferozmente recortados e o seu persoal loitando desde hai anos por unha imprescindíbel recomposición salarial. Engádase ao anterior que as cotas do copagamento das medicinas fóronse á estratosfera e por iso xa son lexión aquelas familias das clases medias que antes podían pagalas pero xa non, e que agora se dirixen infrutuosamente á sanidade pública.

 Isto para nin falar do prezo dos medicamentos requiridos pola poboación -sobre todo da terceira idade- outrora distribuídos gratuitamente polo PAMI e hoxe reducidos a unha mínima expresión. A imaxe de avós e avoas pregando que nas farmacias lles vendan un blíster ou lle regalen unha mostra médica porque non poden pagar o medicamento converteuse nun clásico do panorama social da Arxentina libertaria. Doentes necesitados de remedios oncolóxicos baten coa indiferenza dun goberno que fixo da crueldade un dos seus trazos definitorios. E se se fala da educación, o goberno profundou até límites descoñecidos o infrafinanciamento da educación pública en todos os seus niveis, sendo o ataque ás universidades nacionais un dos seus obxectivos máis encarnizadamente perseguidos.

 A situación é igualmente alarmante se se falase da educación escolar e a escola secundaria, tamén afectadas por unha falta de financiamento que vén de moito atrás. Como é posíbel que no distrito máis rico da Arxentina, a Cidade Autónoma de Bos Aires, as súas escolas públicas non teñan suficientes vacantes para atender a poboación infantil?

 Ante unha situación como esta, na que o estado se desentende das funcións esenciais que garanten o benestar da súa poboación (cousa que non ocorre nos capitalismos metropolitanos) non deixa de sorprender a indiferenza oficial ante tanto sufrimento. Pero abonda con lembrar que o emblema que sintetiza a ideoloxía deste goberno é “onde hai unha necesidade hai un mercado”, frase que a Casa Rosada contrapón ao suposto “exceso populista” de Evita, cando dixo con razón que “onde hai unha necesidade nace un dereito”, algo que constitúe unha lexítima reivindicación democrática. Aquel emblema, que emparenta a necesidade co mercado, demostra a ignorancia que prevalece nas fileiras do oficialismo, o seu fenomenal descoñecemento da historia do capitalismo “realmente existente”, que nada ten que ver coas idílicas imaxes de dilixentes empresarios privados respondendo os estímulos de mercados, promovendo o benestar xeral e actuando no marco dunha total deserción de estados cuxa única preocupación é que ningunha regulación gobernamental entorpeza a actuación destes “heroes” civilizatorios A idea de que a necesidade xera un mercado non só é empiricamente errónea, tamén adoece dunha imperdoábel inmoralidade.

 A listaxe dos horrores producidos ao longo deste primeiro ano de goberno libertario sería interminábel. Abstéñome de falar da política exterior porque neste caso o catálogo de aberracións e chafalladas sería aínda máis extenso. No social, este experimento produciu ricos máis ricos grazas á teima con que Milei loitou para “agrandar os seus petos”; e pobres moito máis numerosos -mínimo a metade da nosa poboación, cunha metodoloxía que subestima as dimensións reais da pobreza- e tamén máis pobres que antes. Non é o socialismo senón o “anarco-capitalismo” gobernante o que merece o adxectivo de “empobrecedor”, que Milei adxudica a todo goberno progresista ou de esquerda. Ou hai algunha dúbida de que a gran maioría dos arxentinos fomos empobrecidos por este goberno?

 Á parte diso, como cualificar a destrución do sistema científico, o ataque ás artes e á cinematografía, o desprezo por todo o que se afaste desa lóxica de arrabalde que reduce as máis excelsas creacións do xénero humano á condición de mercadoría, obxectos só valiosos na medida en que poidan ser fonte de lucro? Ese é o verdadeiro significado da batalla cultural que propoñen os libertarios. Non deixa de ser abraiante que esta verdadeira desfeita económica, social, cultural e política producida en apenas un ano sexa cualificada polo presidente como “o milagre arxentino”. Unha frase que, sen dúbida, pasará á historia, seguramente que non por boas razóns.

 Para terminar permítanme dicir unhas palabras sobre as cifras que o presidente botou ao chou no seu discurso. Reparemos apenas naquelas relacionadas coa inflación, onde o tenebroso número de 17.000 por cento aparece por enésima vez como un espectro terríbel que se axita no fondo da caverna onde se gardan as pócimas máxicas do “anarco-capitalismo”. É evidente que Milei busque fortificarse apelando ao “éxito” do seu combate á inflación. A última cifra, de novembro, foi do 2.4%, e foi celebrada na Casa Rosada como un logro histórico. Pero unha simple ollada á veciñanza achega un necesario baño de sobriedade xa que demostraría que, por exemplo, en outubro ese valor foi do 0.33 % en Uruguai, 0.56 % en Brasil e 1 % en Chile, ao tempo que en Colombia o indicador foi negativo: -0.13 %. Compréndese a necesidade que ten este goberno de convencer a opinión pública de que controlou á inflación dado que a súa vitoria na segunda volta electoral do ano pasado se explica en boa medida pola ineptitude do goberno do Frente de Todos para conter ese castigo. Pero presentar como positivo un índice de inflación mensual que é unhas oito veces superior ao de Uruguai e case cinco ao de Brasil soa como un tanto excesivo, por dicir algo.

 Ademais, tanto Milei como os seus numerosos voceiros no ecosistema mediático, ademais dos políticos que avalan os seus proxectos no Congreso e nas provincias, moito se coidan de dicir que o relativo control da inflación é resultado da terapia de shock que castiga o conxunto da economía.

 A caída nos niveis de consumo a causa da deterioración nos salarios do sector formal e informal e das pensións tivo como efecto reducir o consumo e deste xeito “amoldar” os prezos, creando a ilusión de que a inflación -que ten causas estruturais e non é un tema de exceso de emisión monetaria como di o goberno- foi derrotada. A inflación é expresión da poxa distributiva e reflicte o control que os oligopolios formadores de prezos exercen sobre os mercados, os mesmos que no momento actual poden actuar ao seu antollo sen temer ningún tipo de regulación gobernamental. Que hai un cambio de tendencia nos índices da inflación é indubidábel; pero nin foi derrotada nin nada leva a pensar que ao que se supere a recesión actual a inflación non vaia volver con anovados ansias. Os factores estruturais que a explican non foron controlados no máis mínimo por un goberno que concibe a súa misión como “destruír o estado desde dentro” e que se desvive por eliminar todas as restricións que as autoridades deben impor para evitar o darwinismo social de mercado, unha de cuxas consecuencias é precisamente a inflación.

 

[Artigo tirado do xornal arxentino Página12, do 12 de decembro de 2024]