Perigosa ineptitude europea

Rafael Poch de Feliu - 12 Mar 2025

Europa non quere acabar a guerra de Ucraína, porque a súa burocracia oligárquica atopou na confrontación con Rusia a fórmula para consolidar o seu poder, a súa razón de ser. Esta chea de circunstancias explica o seu actual despropósito: pretender gañar sen os Estados Unidos unha guerra, que no seu actual estado e ao longo de tres anos perdeu cos Estados Unidos

 A elite política europea caracterízase pola súa ineptitude. En case a súa totalidade trátase de xente que durante décadas externalizou aos Estados Unidos a función de pensar politicamente, adoptando o infantilismo político, o narcisismo e a fachenda duns “principios e valores” que, desde logo, a Unión Europea non encarna, practicando unha política baseada na imaxe, e acreditando na súa propia propaganda mediática sobre o motivo e orixe do conflito de Ucraína, quer dicir: o desexo dun malvado ditador de ampliar o seu imperio e recrear unha especie de URSS.

 A Unión Europea non pode resolver un conflito do que non entende os seus motivos. É incapaz, polo tanto, de negociar, porque descoñece os seus propios intereses: non os formulou, limitándose a seguir os de Estados Unidos, que agora xira e a deixa ao pairo.

 Europa non quere acabar a guerra de Ucraína, porque a súa burocracia oligárquica atopou na confrontación con Rusia a fórmula para consolidar o seu poder, a súa razón de ser. Esta chea de circunstancias explica o seu actual despropósito: pretender gañar sen os Estados Unidos unha guerra, que no seu actual estado e ao longo de tres anos perdeu cos Estados Unidos. De onde van saír os 800.000 millóns anunciados para o rearmamento? Alemaña a súa principal potencia está ás portas doutro ano de recesión. De onde sairán os homes dispostos a morrer na enésima cruzada da historia europea contra Rusia? As súas principais potencias militares, Inglaterra, Alemaña e Francia, dispoñen cada unha delas de menos dunha decena de sistemas de defensa antiaérea e antimísiles, pero para cubrir minimamente o espazo ucraíno (cidades e industrias clave) na época soviética dispúñanse alí de centenares deses sistemas. É só un exemplo.

 Certamente, os orzamentos de defensa combinados dos estados europeos suman cifras enormes, ben superiores ás de Rusia, pero iso non cambia a realidade dun mosaico operativamente incoherente de retallos de diferentes sistemas de armas, cuxa complicada interacción demostrou a estratexia militar occidental en Ucraína. Respecto da invocada “invasión rusa de Europa” é unha fantasía. Choca coa propia realidade do lento e penoso avance militar ruso en Ucraína e coa propia narrativa europea. Durante anos, a UE mantivo que a inclusión de Ucraína na OTAN é a garantía de seguridade, porque Rusia non se atrevería a atacar a OTAN, pero ao mesmo tempo afírmase esa posibilidade ao axitar o “que veñen os rusos”.

 O que deberían facer os políticos europeos é abrir a súa propia negociación con Rusia en lugar de mendigar un posto na mesa de Trump. Antes deberían recoñecer que a única “garantía de seguridade” de Ucraína é a súa neutralidade. Seguramente sexa pedirlles demasiado…

 A seis semanas do seu inicio -cando se escriben estas liñas- e no medio dunha desconcertante e ás veces contraditoria sucesión de declaracións e anuncios, segue sen haber apenas perspectiva para prognósticos e conclusións. É difícil imaxinar que se realice, por exemplo, o que di o axudante presidencial Elon Musk de que os Estados Unidos se vaian desa OTAN que o secretario de defensa, Pete Hegseth, quere “máis forte e letal”. Aínda máis que abandone Europa, peza fundamental da proxección do poder americano no mundo. Con todo, o simple feito de que o primeiro na cadea de mando da guerra entre a OTAN e Rusia que se libra en Ucraína exprese comprensión cara aos intereses rusos e insista en acabar a guerra, crebou a narrativa occidental sobre o conflito e crea unha enorme confusión nas fileiras europeas unidas na súa hostilidade a Rusia, o que abre unha xanela de oportunidade a Moscova.

 No Kremlin pregúntanse até que punto é firme esa oportunidade. Tras décadas de deslocalización e desindustrialización en busca do máximo beneficio curtopracista, a dependencia da economía dos Estados Unidos dos seus subministradores é grande. Os castigos arancelarios anunciados poden crear rupturas e carestías. O mundo xa coñeceu, na Rusia de Boris Yeltsin dos anos noventa, grandes promesas de “volver facer grande” o país saldadas cunha fenomenal desfeita. Nos inicios de Trump, o Presidente (lembremos que sufriu dous atentados durante a campaña electoral) ten ao seu favor a inercia do shock que provoca o frenético anuncio das súas iniciativas políticas entre os seus adversarios nos Estados Unidos e en Europa, pero a súa posición está lonxe de ser firme. A súa maioría no Congreso é exigua, de só tres votos. No dosier ucraíno, todo o partido demócrata e parte do republicano non sintonizan coa viraxe cara a un acordo con Rusia. No probábel caso de que a economía se torza, Trump perderá en dous anos a maioría nas eleccións de “midterm” e recibirá a suma da enerxía opositora que xa se está xestando contra el. Descoñecemos tamén canto durará a unidade no seu bizarro equipo, formado por criterios de fidelidade.

 Sexa como for, ninguén pode garantir que o seguinte presidente dos Estados Unidos non se volva parecer máis a Joe Biden que a Donald Trump. Ese escenario de “paréntese anómala” en Washington, pode ser a esperanza de futuro dos ineptos dirixentes europeos que buscan na continuidade da guerra unha tola saída ao seu desastre. Podería coordinarse ese tolo belicismo europeo coa oposición a Trump no establishment da seguridade dos Estados Unidos e do Partido Demócrata para facer fracasar o vector dunha negociación en Ucraína? Abofé, o propio Trump parece consciente de tal perigo. Nas súas recepcións na Casa Branca maltratou a Zelenski, pero coidouse moito de facer o mesmo con Macron e Starmer, xente que, aliada cos seus inimigos nos Estados Unidos, pode ser perigosa.

 En termos históricos, parece que o hexemonismo occidental se está a esfarelar no mundo. A conduta dos que van a menos no actual tránsito está inzada de perigos. Iso inclúe a Rusia, pero no ámbito dos obxectivos, os de Moscova están claros: 1- restabelecer a neutralidade de Ucraína e evitar o despregamento alí de bases e armas da OTAN, 2- restabelecer os dereitos da poboación rusófila da rexión; e 3- renegociar un sistema de seguridade europeo integrado no que os intereses de Rusia sexan tidos en conta. Os obxectivos americanos están menos claros, aínda que, entre todo o declarado, se extrae unha lóxica de economía de recursos para poder seguir dominando o mundo.

 No caso de Europa, non hai obxectivos definidos. Hai un partido da guerra, con gran peso de bálticos, polacos e nórdicos, que arrastra o resto e que podería dexenerar facilmente nunha guerra do norte na área do Mar Báltico. Mentres todo iso se coce, é indubidábel que se abriu unha xanela de oportunidade para a distensión entre os Estados Unidos e Rusia, na que Moscova podería retirar as súas tropas de Bielorrusia a cambio dunha retirada de tropas americanas de Europa do Leste, así como unha retirada mutua de mísiles de medio alcance de ambos os espazos. O planeta ten outras prioridades urxentes perfectamente claras e definidas. Europa debe deixar de ser a vangarda do despropósito.

 

[Artigo tirado do blog do autor, do 9 de marzo de 2025]


Usamos cookies para mellorar a túa experiencia de navegación e uso. Consulta a nosa política de cookies e a nosa política de protección de datos.
Preme en aceptar para confirmar que aceptas a información presentada e pechar este cadro.