Periga o servizo de axuda a domicilio e á dependencia do Concello de Ourense polas baixas ofertas presentadas ao concurso
A CIG vén de alertar que as baixas ofertas presentadas ao concurso de adxudicación da axuda a domicilio e á dependencia do Concello de Ourense fan perigar o servizo. Dende a central nacionalista denuncian que as cantidades que manexan as empresas son insuficientes para asumir gastos salariais e de funcionamento e reclaman a municipalización do servizo se a concesión non garante o cumprimento da lei e do convenio colectivo.
A CIG considera que o futuro do servizo de axuda a domicilio e á dependencia do Concello de Ourense non está garantido s”e temos en conta a oferta que presentaron as cinco empresas que se disputan a adxudicación”.
Dende a central sinalan que o Goberno local estableceu para o concurso un prezo por hora de 15 euros máis IVE, mentres que o salario bruto po hora dunha auxiliar é de 10,81 euros (incluídas as cotizacións á Seguridade Social, desemprego, Fogasa e FP), o que representa o 72,07% do custe total do que parte o Concello.
Ao mesmo tempo, lembran que co 27,93 % restante (4,19 euros/usuario/hora) a empresa que asuma a concesión ten que facer fronte aos seguintes gastos:
-Persoal de coordinación do servizo: a actual concesionaria ten cinco coordinadoras e unha coordinadora xeral, todas elas persoal titulado, con salarios superiores aos das auxiliares.
-Instalacións e equipos.
-Cobertura do persoal en situación de baixa por enfermidade ou accidente, e do persoal que goce das correspondentes vacacións.
-Abono de antigüidades do persoal (18,61 euros/trienio).
-Traballo en festivos (18,58 euros).
-Quilometraxe e desprazamentos entre domicilios (0,18 euros/km).
-As horas empregadas nos desprazamentos de todas as traballadoras/es entre os diferentes domicilios.
-Roupa de traballo e equipos de protección individual.
-Vixilancia da saúde das traballadoras/es.
-Xestión diaria, contabilidade, etc.
-Outros gastos imprevistos.
Diante disto, na CIG consideran que se tarta dunha marxe “estreitísima” xa que o Concello parte dun prezo por hora “excesivamente baixo”.
Por se fose pouco -indican-, a totalidade das cinco empresas ofertaron á baixa:
Empresa | % á baixa | Prezo hora |
UTE Serra Martiñá S.L. Troncoso Casares S.L. | 0,65 % | 14,90 € |
OHL Servicios INGESAN S.A. | 1,63 % | 14,76 € |
SERALIA S.A. | 1,40 % | 14,79 € |
VALORIZA Servicios a la Dependencia S.L. | 3,39 % | 14,49 € |
SERVISAR Servicios Sociales S.L. | 9,20 % | 13,62 € |
Deste xeito, tal e como se pode ver, cos prezos ofertados a marxe redúcese aínda máis. “Chama a atención a oferta de Servisar, xa que neste caso só o salario das auxiliares representaría preto do 80% do prezo ofertado, e co 20% restante (3,09 euros/usuario/hora) tería que afrontar os gastos aos que nos referimos anteriormente”, indican.
Por todo isto, entenden que o resultado dun concurso público destas características non é outro que o incumprimento do convenio colectivo por parte da empresa, “deixando a deber (como é o caso da actual concesión) cartos ás traballadoras/es en salarios, desprazamentos e quilometraxes, que se vén na obriga de telos que reclamar en demandas xudiciais”.
Munipalización do servizo
Ademais, na CIG consideran que se trata dun concurso no que as empresas acoden a sabendas de que non van cumprir o convenio colectivo e a lexislación vixente, “e no que o Concello de Ourense mira cara a outro lado, con plena e absoluta consciencia de que ese incumprimento se vai producir, pagando o pato, coma sempre, as traballadoras/es do servizo”.
Segundo critican, o Concello faise así cómplice desta conculcación da lexislación, “polo que nos veremos na obriga de actuar tamén contra el como responsable último da adxudicación; mesmo estudaremos ampliar as demandas económicas que temos presentadas e presentaremos no futuro para que responda como responsable subsidiario”.
Finalmente, esixen unha actuación seria, rigorosa e responsable do Concello, “realizando unha concesión que garanta o cumprimento da lei e do convenio colectivo, ou, no seu caso, a municipalización do servizo de axuda a domicilio e da dependencia”.