Pérez Rumbao de Ourense despediu un afiliado da CIG para alterar as eleccións, coa complicidade da UGT
A federación de Industria da CIG de Ourense anunciará nos vindeiros días as mobilizacións que vai desenvolver para rexeitar un novo caso de represión sindical no grupo Pérez Rumbao, tras o despedimento dun afiliado da central co obxectivo de alterar o resultado das eleccións. Dende a CIG acusan a UGT de complicidade con esta manobra da empresa, xa que o sindicato estatal impugnou o proceso, no que o seu candidato perdeu, porque o traballador despedido puido votar por decisión da mesa electoral.
O empregado de Copersa, do grupo Pérez Rumbao, foi despedido o pasado xoves ás oito da tarde, 13 horas antes de que se celebrasen as votacións para escoller o delegado/a de persoal, que prevista para as oito da mañá do venres, “nunha clara manobra da dirección para alterar o resultado das eleccións sindicais”, denuncia o secretario comarcal da CIG-Industria de Ourense, Indalecio Gómez. Diante disto, o responsábel sindical anuncia que o compañeiro vai a recorrer o despedimento “por antisindical e represivo”.
Con todo, o afectado puido votar finalmente por decisión da mesa electoral, obtendo 4 votos o candidato da CIG e 3 o da UGT, que era o delegado anterior, “e que por certo non secundou a recente folga para reclamar un convenio provincial digno no sector do siderometal”.
Tres despidos no grupo
Mais a UGT reclamou ante a mesa, anunciando a impugnación das eleccións gañadas polo candidato da CIG. “Agardamos que reconsidere a súa posición, xa que non todo vale, e do contrario evidenciarían ser cómplices da represión sindical”. Aínda que Gómez lembra que tampouco sería a primeira vez que o sindicato estatal actúa deste xeito, xa que na empresa Revi negouse a condenar os despedimentos dos candidatos da CIG, “que finalmente conseguimos que foran readmitidos pola empresa”.
En canto á represión sindical no grupo Pérez Rumbao, sinala que até o de agora xa foron despedidos/as tres afiliados/as da CIG, dous en Apersa e agora un en Copersa. Polo que quere deixar moi claro que máis alá das demandas xudiciais, haberá conflito. “Nós vindeiros días anunciaremos as distintas accións que temos previsto levar a cabo contra a política antisindical e represiva da empresa”.