Pepe Maio substitúe a Anxo Noceda como secretario comarcal da CIG-Compostela
A CIG da comarca de Santiago celebrou este sábado a súa VI Asemblea Comarcal, na que saíu elixido como novo secretario comarcal con 165 votos a favor, 4 brancos e 2 nulos Pepe Maio, que substitúe ao que foi, durante os últimos vinte anos, o responsábel desta comarca, Anxo Noceda. As e os delegados elixiron ademais a nova Executiva Comarcal e ás persoas que as/os representarán no Consello Confederal.
A candidatura á Executiva Comarcal recibiu 179 votos a favor, 3 en branco e 1 nulo. Deste xeito, a nova dirección da comarca de Compostela queda conformada por:
- Pepe Maio Abeixón
- Encarna Brión Tubio
- Eduardo Sebio Molguero
- Lucía Freire Ces
- Renato Núñez da Silva
- Carmiña Naveiro Bueno
- Inácio Pavón Barbagelata
- Rosa Ana Pérez Moares
- Pablo Fragoso Dacosta
A candidatura ao Consello Confederal recibiu 181 votos a favor, 4 brancos e 1 nulo. As persoas que representarán á comarca de Santiago neste organismo son:
- Pepe Maio Abeixón
- Encarna Brión Tubío
- Eduardo Sebio Molguero
- Alexandre López González
- Anxo Álvarez Amado
- Inácio Pavón Barbagelata
- Bautista Vega Tato
Principios, eficacia e loita
Pepe Maio arrincou a súa intervención agradecendo ás persoas que formaron parte da executiva comarcal, e que agora a deixan, o traballo desenvolvido nos últimos catro anos, nomeadamente ao secretario comarcal saínte, Anxo Noceda, que entrou a formar parte da Executiva Confederal no VII Congreso, celebrado os pasados días 27 e 28 de maio.
O novo secretario comarcal denunciou a ofensiva do capital e do españolismo en todos os terreos (dereitos sociais e laborais, capitalismo salvaxe, centralismo) e, nomeadamente, “a ofensiva ideolóxica”, da que considerou que emanan todas as demais e que emite de forma sistemática a “mensaxe venenosa” de que “vivimos no mellor dos mundos posíbeis”, a pesar do paro, da miseria, das desigualdades, da violencia machista, das guerras imperialistas... e que trata de convencer á sociedade no seu conxunto e a clase traballadora en particular de que “a loita non serve, a mobilización non serve e organizarse non serve”.
Unha mensaxe que, advertiu, “cala na xente” e facilita o camiño para a resignación e o derrotismo e para que non haxa resistencia. Por iso considerou que a CIG ten a responsabilidade de responder con “Principios, eficacia e loita”, que foi precisamente o lema desta VI Asemblea Comarcal.
“Con principios” dixo, porque “non somos un sindicato de clase que queremos cambiar o sistema por romanticismo”, senón porque “pensamos que este sistema non ten nada que ofrecer ao conxunto da clase traballadora”. Un sindicato nacionalista que “defende un proxecto soberanista e anticapitalista” e que o fai porque entende que “é condición indispensábel para que haxa un futuro digno para a clase traballadora galega”.
Pepe Maio considerou ademais que a central sindical debe ser eficaz na xestión para responder ás necesidades das traballadoras e traballadores que teñen que sentirse “máis protexidos/as e máis seguros/as polo feito de ser afiliados/as da CIG” e que teñen que saber que contan “cunha organización detrás, disposta a reaccionar” diante de calquera agresión que sufran.
Organización e loita
Para o secretario comarcal é esencial tamén que se perciba socialmente que organizarse e loitar é esencial para defender de forma máis eficaz os dereitos. Por iso propuxo facer do sindicato “unha escola de solidariedade obreira”. Un lugar onde cada unha das loitas desborde a súa federación e participen tamén as outras, entendendo que “todas as loitas son unha soa”.
Considerou que a CIG é quen mellor asesora a traballadores/as, delegados/as e comités de empresa; quen mellor negocia convenios; quen mellores resultados está obtendo nas eleccións sindicais e quen máis causas gaña nos xulgados. Porén, asegurou que a CIG é moito máis que iso.
Así lembrou que “o sindicalismo nacionalista que hoxe representa a CIG naceu froito da análise de que, nunha nación colonizada como esta, é á clase traballadora a quen lle corresponde coller o timón na loita polo cambio social, por superar este sistema explotador e na loita por conquistar a soberanía da nosa terra”. Unha análise que fixeron as e os compañeiros que neste último Congreso Confederal cederon a dirección do sindicato a unha nova xeración e que, afirmou, “segue estando plenamente vixente”.
“É necesario que hoxe, aínda máis, o sindicato sexa instrumento de politización da clase traballadora”, asegurou, para “levar o nacionalismo e a conciencia de clase a cada un dos centros de traballo”. Afirmou que “cando consigamos iso, a clase traballadora comprenderá de forma máis nítida o papel que realmente desenvolve nesta sociedade” porque “somos nós, a clase traballadora, o motor real, porque somos quen creamos todo o que existe”.
Informe de Xestión
A VI Asemblea Comarcal tamén aprobou o Informe de xestión da Executiva saínte, no que se sintetiza o traballo desenvolvido ao longo destes catro anos, cunha única abstención. Anxo Noceda, que foi o encargado de defendelo, comezou facendo un breve percorrido pola situación sociopolítica e económica que se viviu neste período tanto a nivel internacional como no Estado, para pasar a analizar, de seguido, a situación en Galiza e na propia comarca.
A este respecto sinalou que este período supuxo o fin das grandes mobilizacións laborais, que foron substituídas por loitas sociais e laborais máis atomizadas e con menor participación. Unha situación que atribuíu tanto ao resultado das últimas eleccións xerais, como a que o propio sistema “soubo inculcar na clase traballadora a falsa ilusión de que se podían aplicar cambios pola vía parlamentaria e electoral sen necesidade de loita e organización popular”.
Denunciou que nestes últimos catro anos o poder económico, sustentándose na maioría absoluta do PP no Congreso dos deputados, aproveitou para impor e desenvolver a contrarreforma laboral en toda a negociación colectiva; expulsar do seu traballo a centos de miles de traballadores/as por medio de ERE, ERTEs, etc.; afondar na aplicación doutras reformas pendentes de desenvolver, como a das pensións ou a LOMCE, os repagamentos sanitario e farmacéutico, os recortes nos servizos sociais, no ensino e na sanidade, ou mesmo aprobando novas leis, como a chamada “Lei Mordaza”. Unha Lei da que dixo que “ten como único obxectivo a intimidación dos traballadores e traballadoras e da sociedade, en xeral, por medio de sancións económicas arbitrarias e abusivas sendo, obviamente, o seu fin o de eliminar calquera posibilidade de mobilización e resposta social”.
Noceda denunciou tamén o colaboracionismo de CCOO e UGT, aos que responsabilizou dunha “praxe sindical” que contribuíu “a asentar as contrarreformas laborais e as restantes normas regresivas”.
Resposta sindical
O secretario comarcal saínte fixo tamén un percorrido pola situación sociolaboral e económica en Galiza e as distintas actuacións e mobilizacións que en contra disto se convocaron en Compostela. Lembrou que a capital de Galiza, entre os anos 2013 e 2014 bateu récords en número de desempregados/as, só superada por Ferrolterra, por mor da caída do sector da Construción, a paralización da xeración de emprego público e as rebaixas salariais padecidas por este sector, con repercusión en todos os demais.
Lembrou tamén todas as mobilizacións convocadas en defensa dos traballadores/as da comarca afectados por EREs, cando non despedimentos de todo o cadro de persoal, na defensa dos delegados/as que sufriron tamén despedimentos e represión polo seu labor sindical ademais das mobilizacións convocadas polas distintas plataformas das que a CIG forma parte.
Salientou o traballo desenvolvido en formación, os esforzos realizados para reforzar a capacidade de traballo da asesoría xurídica, o traballo realizado desde a secretaría da Muller e, nomeadamente, a implicación da central sindical na loita contra a violencia machista.
Eleccións sindicais e independencia económica
Respecto dos resultados acadados no último período de eleccións sindicais, Noceda salientou os avances en representatividade, cun medre do 1,35% no global, que a situou como segunda forza a tan só o 1,45% de distancia respecto da primeira forza.
Con todo, Anxo Noceda fixo especial fincapé na “situación financeira totalmente saneada” da CIG de Compostela, que ademais acadou un importante incremento de afiliación, superándose a esta altura as/os 9.000 afiliadas/os. Unha situación que, advertiu “non debe ser motivo para que non se continúen xestionando as finanzas do sindicato coa máxima austeridade e rigor, e sen baixar a garda no medre de afiliación, único garante da nosa independencia e da nosa acción sindical insubornábel”.