Pepe Maio, reelixido secretario comarcal da CIG de Santiago-As Rías na súa VII Asemblea
A CIG Compostela-As Rías celebrou esta mañá a súa VII Asemblea na que foi reelixido Pepe Maio secretario comarcal por 117 votos a favor e 2 abstención. A Asemblea ratificou ademais con 122 votos a favor, 0 en contra e 0 abstencións o Informe de Xestión no que se recolle o traballo desenvolvido nestes catro anos. Un período no que a CIG se consolidou como primeira forza na comarca, rematando 2020 co 30,67% da representación, a case 5 puntos de distancia de CCOO, que rematou ese período co 25,93% e UGT co 24,9%; cun incremento de afiliación do 11% en todas as federacións e coa previsión de que a representación siga aumentando.
A nova Executiva comarcal, á que se presentou unha única candidatura, foi referendada con 118 votos a favor e 1 abstención. Deste xeito que conformada por:
Pepe Maio Abeixón
Renato Núñez da Silva
Lucía Freire Ces
Encarna Brión Tubio
Carminha Bueno Naveiro
Pablo Fragoso Dacosta
Anxela Martínez Parada
Eduardo Sebio Molguero
Ao Consello Confederal presentouse tamén unha única candidatura que recibiu 119 votos a favor e 1 abstención. Polo tanto representarán á comarca neste organismo:
Pepe Maio Abeixón
Xoan Francisco García Suárez
Encarna Brión Tubio
Pilar Rouco Seoane
José Antonio Antas Noche
Inacio Pavón Barbagelata
Diego Boquete Sánchez
Liberalismo-socialdemocracia, dúas caras da mesma moeda
O recén reelixido secretario comarcal, Pepe Maio, foi o encargado de pechar a Asemblea cunha intervención na que advertiu que “o capitalismo pode ser xestionado coa súa careta liberal -é dicir, dereita pura e dura- ou coa súa careta socialdemócrata -isto que agora chaman progresía-)”. Asegurou que “ambas as dúas non se diferencian no fundamental”, que a esencia “é un sistema que se sostén na explotación das clases traballadoras”, por unha minoría de capitalistas que “acumulan cada vez máis e máis riqueza en menos mans”.
Dúas formas de xestionar o capitalismo que considerou que se diferencian nas formas. Así asegurou que “os ultraliberais nunca reparan en ir a saco” e que, na súa concepción de que a sociedade é unha “selva”, “non dubidan en condicionar todo o marco lexislativo para este fin e, deste xeito, sacralizan o mercado como un deus que o regula todo”.
Un mercado no que, denunciou, individualizan as relacións laborais precarizando o emprego, debilitan o movemento sindical ou, directamente aplican leis represivas para sementar o medo cun único obxectivo: “que as ganancias dos capitalistas non corran perigo”.
Fronte a estes situou a socialdemocracia que, dixo, “coñecen as limitacións do capitalismo, saben que a lei da selva ten o inconveniente de que os de abaixo poden algún día decatarse da súa forza, coñecer o inxusto que é o sistema e darlle a volta a tortilla”. Por iso, explicou, promoveron o “estado de benestar coa colaboración dos sindicatos amigos a través do pacto social”, que consiste en “darlle algúns dereitos sociais e laborais a clase traballadora a cambio da paz social”.
Modelos ambos os dous, que teñen o mesmo obxectivo, “que as ganancias dos capitalistas non corran perigo” e dos que considerou que unha organización como a CIG ten que o ter absolutamente claro. “Vainos a vida niso porque nos próximos tempos vannos bombardear permanentemente coa falsa disxuntiva entre a dereita de PP-Vox e os progresistas de PSOE-Podemos”.
Cara a folga xeral
Fronte a iso apelou á necesidade de “ter argumentos sólidos” que fortalezan “a nosa aposta soberanista e anticapitalista”. Considerou que “son tempos de valentía, de sermos decididas e decididos”. Advertiu que “a crise viu para quedarse” e que os “cantos de serea da recuperación “serán en breve recortes que imporá a nova troika para compensar os fondos europeos”.
Afirmou que á CIG, como primeira forza sindical, correspóndelle “tomar a iniciativa” e chamou a traballar nunha campaña “que podería rematar na convocatoria dunha folga xeral”, de non haber un verdadeiro plan de recuperación económica e de industrialización, derrogación das contrarreformas, unha nova lexislación laboral que devolva os dereitos roubados e medidas nacionalizadoras da banca e das eléctricas. “Alternativas”, aseverou, “que impliquen disputarlle o poder económico ao capital, que é a única forma de disputarlle o poder político”.
Por iso, porque “sabemos que existen motivos de sobra para unha Folga Xeral”, fixo un chamamento ás delegadas e delegados presentes para que leven esta mensaxe ás empresas. “Sexamos o aguillón que azúe a clase traballadora nos centros de traballo, repitamos até cansar que non hai outro camiño que organizarse, mobilizarse e pelexar, confiemos en nós mesmos e na clase traballadora galega, fagamos o que se espera de nós, fagamos o que hai que facer”, concluíu.
“A única central sindical que non se rende, nin se vende, nin se desentende”
A VII Asemblea arrincou cun saúdo da secretaria confederal de Organización, Susana Méndez, quen puxo en valor o traballo e a entrega da afiliación da central sindical que, co seu compromiso militante fixo da CIG o que hoxe é, “a primeira central sindical en representatividade, en afiliación e, por suposto, en combatividade e mobilización”.
Con todo advertiu que seguir sendo primeira forza “incomoda” e que “os poderes económicos e políticos van facer todo o que estea na súa man para eliminar a CIG da ecuación”. Por iso fixo un chamamento a que ese compromiso militante se converta na “forza para avanzar” loitando contra a precariedade e a pobreza; polos servizos públicos; en defensa da sanidade pública; por unhas residencia e centros de atención á terceira idade dignos; por un ensino público e galgo; contra a españolización e o centralismo; contra o patriarcado e a violencia machista que xera e contra o capital e os poderes que o serven.
E concluíu que “se algo coñece todo o mundo da CIG é que somos guerreantes, que somos o sindicato máis combativo, a única central sindical da Galiza que non se rende, nin se vende, nin se desentende”.
Consolidación da central sindical na comarca
O Informe de Xestión, que foi presentado á Asemblea por Pepe Maio en representación da Executiva comarcal saínte, salienta a consolidación da central sindical na comarca tanto en representación como en afiliación.
Neste sentido, Maio incidiu na importancia do aumento de afiliación “para manter a nosa independencia económica” mais tamén, e sobre todo, para “aumentar a nosa base social e facer chegar as propostas e campañas a un número máis amplo de persoas” coa fin de ter “unha maior capacidade de incidencia na sociedade”.
Subliñou ademais que a maioría da afiliación da CIG son mulleres no conxunto da central sindical na comarca e, nomeadamente, nas federacións de Servizos, Saúde, Ensino, Banca e Administración.
Respecto das eleccións sindicais apuntou que a CIG é a primeira central sindical en representación na comarca e, en concreto, nas federacións de Administración, Construción, Industria, Saúde e Servizos.
En todo caso matizou que a CIG mantén un maior número de representantes en empresas de menos de 50 traballadoras/es o que, dixo, “supón un moito maior esforzo por parte da nosa central sindical”. Unha situación que “xunto coa proliferación de candidaturas elaboradas polas empresas e presentada baixo siglas das centrais sindicais que se prestan a ese fin, fai que nos permitamos congratularnos dos resultados”, concluíu.
O secretario comarcal fixo un percorrido polos múltiples conflitos liderados pola CIG durante estes catro anos, ademais das mobilizacións do colectivo de xubilados/as e pensionistas e, sobre todo, polas masivas mobilizacións de mulleres que tomaron as rúas nos últimos anos no 8 de Marzo e as folgas convocadas polo feminismo de clase no que a CIG é referente.
Deu conta do intenso traballo desenvolvido polas asesorías xurídicas; do funcionamento do Plan de Axuda Alimentar; da importancia da formación da afiliación e dos cursos que se impartiron neste período; das dificultades para a negociación colectiva pola COVID-19, que foi aproveitada pola patronal para dificultar a comunicación coas traballadoras e traballadores, mais que a CIG teimou en manter.
E rematou parafraseando ao secretario xeral, Paulo Carril, quen na súa intervención no acto de clausura do VIII Congreso da CIG afirmou que “ a nosa loita comprende obxectivos de defensa dos intereses inmediatos da clase traballadora galega, pero tamén obxectivos estratéxicos. Acumular máis forzas, porque onde hai sindicato hai melloras reais nas nosas condicións laborais e de vida. En definitiva, poder sindical para irmos construíndo poder popular, para a transformación revolucionaria da sociedade galega, no obxectivo estratéxico que temos na CIG da conquista dunha Galiza ceibe e socialista”.
Propostas de resolución
Foron múltiples as propostas de resolución aprobadas en apoio á manifestación de SOS Sanidade Pública, da folga xeral ou contra o espolio das eléctricas e os eólicos, entre outras moitas. Pero houbo dúas nas que se fixo fincapé na asemblea, unha en denuncia da actuación policial contra o despexo do Centro Social Escarnio e Maldizer e outra en demanda dunha inmediata absolución para Chema Naia, que se enfronta a penas de prisión por mobilizarse contra ese despexo.