Pensionistas e xubilados/as mobilízanse contra unha suba parcial que nin soluciona nin garante o sistema público de pensións
Pensionistas e xubilados/as mobilizáronse nesta xornada en cidades e vilas galega, convocados/as pola CIG, en demanda da derrogación das reformas laborais, da negociación colectiva e das pensións, para que se garanta emprego en condicións dignas e políticas que reforcen o sistema público de pensións. Xunto a isto denunciaron que a suba aprobada nos orzamentos do pasado mes de xuño non soluciona nada e exixiron, entre outras cuestións, que as pensións mínimas sexan iguais ao 60% do salario medio, ademais de fixar por lei a súa revalorización co IPC.
Durante os últimos anos, ante a ameaza que as sucesivas reformas de PP e PSOE supoñen ao Sistema Público de Pensións, miles de persoas veñen mobilizándose para exixir unhas pensións públicas, dignas e que estean garantidas.
Porén, o colectivo de xubilados e pensionistas da CIG advirte de que agora, pretenden dar por cumpridas as súas reivindicacións a través dunha suba das pensións que, na realidade, non cambia substancialmente a situación, dado que supón unha media dun 2,6% de incremento, co que non se recupera todo o poder adquisitivo perdido por pensionistas desde o ano 2013 en que a reforma do PP eliminou a revalorización das pensións co IPC.
Neste senso, nas recomendación que o Pacto de Toledo vén de emitir, fálase dunha revalorización "en base ao IPC real", sen definir o que isto significa e deixando unha marxe de interpretación tan ampla que permite a introdución doutros mecanismos para calcular a suba das pensións. En todo caso, no texto acordado na comisión non se fai mención á necesidade de derrogar o conxunto de medidas introducidas nas reformas de 2011 e 2013 (atraso na idade de xubilación, aumento dos anos de cálculo para o cómputo da base reguladora, incremento do número de anos para cobrar a pensión completa, introdución do factor de sustentabilidade, etc.), cuxo único obxectivo é dificultar o acceso ás pensións e reducir a contía das mesmas.
Fenda das pensións das mulleres
Dende o colectivo da CIG denuncian ademais, que as galegas que teñen pensións de viuvez, foron as menos beneficiadas pola suba acordada para este ano, xa que só 1 de cada dez viu incrementada a súa pensión. “As mulleres que cobran complemento a mínimos por non chegar á contía mínima, viron reducida a cantidade dese complemento na mesma medida en que subía a pensión, polo que na práctica, non se produciu suba para estas pensionistas”, afirman.
Isto agrava a fenda entre as pensións de homes e mulleres, que, segundo os últimos datos ofrecidos polo IGE, está a aumentar. Tal é así que a diferenza entre a pensión media dun galego e a dunha galega está xa no 37,1%, e se falamos dos grupos de idade de entre 55 e 74 anos, sobe a máis do 42%.
Por iso aseguran que unha suba parcial das pensións non soluciona nin garante un sistema público de pensións forte, nin vai facer que deixen de mobilizarse.
Entenden que só medidas de creación de emprego estábel en condicións dignas e con salarios xustos conseguirán dotar de recursos suficientes o sistema de pensións de agora e o do futuro.
Diante disto demandan a posta en marcha de políticas que dean prioridade á creación de emprego de calidade e ao incremento dos salarios adoptando para iso, como primeiras medidas, a derrogación das reformas laborais, da negociación colectiva e das pensións, tanto a de 2011 como a de 2013.
Demandas da CIG
-Supresión do Factor de sustentabilidade. A súa aplicación está aprazada até 2023, mais é necesaria a súa desaparición.
-Fixación por lei da pensión mínima igual ao Salario Mínimo Interprofesional (a CIG defende que a contía do SMI debe ser o 60% do salario medio) e revalorización anual como mínimo co IPC.
-Xubilación ordinaria aos 65 anos, e voluntaria a partir de ter cotizados 35 anos, reais ou por aplicación dos coeficientes redutores en determinadas profesións.
-Cálculo da base reguladora segundo as bases de cotización, actualizadas á data de reporte da pensión co IPC de todo o tempo transcorrido, dun período de 10 anos elixido pola persoa beneficiaria entre a súa carreira de cotización.
-Suprimir as bonificacións e reducións da cotización empresarial á Seguridade Social en determinados tipos de contratos laborais.
-Eliminar os topes máximos de cotización á Seguridade Social, mantendo uns límites máximos para o importe da pensión.
-O traspaso á administración galega da competencia de xestión do réxime económico da Seguridade Social prevista no Estatuto de Autonomía.