Pensionistas e xubiladas/os da CIG mobilízanse en defensa de pensións públicas dignas
O colectivo de persoas xubiladas e pensionistas da CIG mobilizouse esta mañá, en todas as cidades galegas e vilas como Cangas, en demanda dun servizo público galego de atención ás persoas; o incremento dos orzamentos destinados á atención á dependencia e un aumento de prazas públicas de Centros de Día e Residencias. O colectivo está pendente dos contidos da anunciada reforma das pensións, logo de se aprobar no Congreso as recomendacións do Pacto Toledo, que veñen consolidar os peores aspectos das reformas de 2011 e 2013.
As pensións galegas seguen sendo as segundas máis baixas do Estado. Máis da metade das persoas pensionistas na Galiza cobran menos de 706€. Unha situación que empeora no caso das mulleres porque a pensión media dun galego é case 300€ maior que a dunha galega. Das persoas que teñen as pensións máis baixas, máis do 60% son mulleres.
Estes datos xa xustificarían, para o colectivo, as mobilizacións. Porén nas súas demandas van máis alá. Exixen a derrogación das reformas das pensións de 2011 e 2013 e das reformas laborais que tanto o PSOE como o PP impuxeron no seu momento. Entenden que é así como se pode garantir a viabilidade do sistema público de pensións e entenden tamén que tan só depende de que haxa vontade política.
Reforma das pensións
Están á expectativa do que ocorra coa reforma das pensións porque, á vista das recomendacións do Pacto de Toledo, todo indica que se consolidarán os peores aspectos das reformas de 2011 e 2013. Recomendacións entre as que, ademais, non se contemplan mecanismos para establecer unha pensión mínima garantida por lei, que para a CIG tería que ser equivalente ao SMI, e este o 60% do salario medio, tal e como estabelece a Carta Social Europea. Un principio que, de ser asumido, suporía elevar o salario mínimo até os 1.142 euros/mes e, polo tanto, equiparar as pensións máis baixas a esa contía.
Alertan de que, porén, esas recomendacións si inclúen os chamados ‘sistemas complementarios’ na negociación colectiva. “Son os plans privados de sempre que pretenden impulsar así porque é unha exixencia da UE para acceder aos fondos de reconstrución”.
Adiantan xa que non aceptarán propostas que supoñan introducir máis reformas regresivas so pretexto da crise e defenden que a solución, entre outras cuestións, pasa por un mercado laboral forte, con emprego estable e salarios dignos, “único xeito de garantir un futuro con pensións que permitan ás persoas levar unha vida digna”.
Fronte ás cuestións baralladas no Pacto de Toledo, o colectivo de xubilados/as e pensionistas da CIG pon sobre a mesa as súas principais demandas, que ademais da necesaria suba da pensións mínima inclúen a supresión do Factor de sustentabilidade; a xubilación ordinaria aos 65 anos, e voluntaria a partir de ter cotizados 35 anos, reais ou por aplicación dos coeficientes redutores en determinadas profesións ou o cálculo da base reguladora segundo as bases de cotización, actualizadas á data de reporte da pensión co IPC de todo o tempo transcorrido, dun período de 10 anos elixido pola persoa beneficiaria entre a súa carreira de cotización.
Demandan tamén a supresión das bonificacións e reducións da cotización empresarial á Seguridade Social en determinados tipos de contratos laborais; a eliminación do IPREM (índice que se emprega para o cálculo das pensións non contributivas); a supresión dos topes máximos de cotización á Seguridade Social, mantendo uns límites máximos para o importe da pensión e o traspaso á Administración galega da competencia de xestión do réxime económico da Seguridade Social prevista no Estatuto de Autonomía.
Atención ás Persoas
Miles de persoas seguen sen obter aínda a prestación de dependencia que teñen recoñecida. Só 86 concellos galegos contan cun centro de día público (15 deles de titularidade municipal), algo que para o colectivo de xubiladas/os e pensionistas da CIG é inadmisible nun país como Galiza, cada día máis envellecido e onde cada vez máis persoas viven a súa vellez en soidade.
A isto hai que lle engadir que só un 25% das residencias de persoas maiores ou dependentes son de titularidade pública e que “sumando públicas e privadas, só hai 3 prazas por cada 100 persoas maiores de 65 anos”.
Por iso demandan a posta en marcha dun Sistema Público Galego de Atención ás Persoas que aglutine as actuais residencias, centros de día, servizos de axuda no fogar, e outros, de xeito que todas as galegas e galegos vexan cumprido o seu dereito a unha vida digna cando as súas circunstancias lles impiden poder facelo autonomamente, máis nun país como o noso, onde se cobran pensións das máis baixas do Estado
A súa necesidade evidenciouse especialmente nos momentos máis duros da pandemia ante a ineficacia da prestación dos servizos de atención social e de coidados por parte de empresas privadas; as carencias de persoal e material; a falla de protocolos homoxéneos de funcionamento; os abusos patronais e os importantes niveis de explotación e precariedade existentes -e que teñen unha clara compoñente de xénero-tanto nos servizos de axuda no fogar como nas residencias da terceira idade e de persoas con discapacidade.
Servizos de Axuda no Fogar
Outra das cuestións que poñen sobre a mesa é a demanda de Servizos de Axuda no Fogar prestados en condicións dignas. Lembran que os SAF son competencia da Xunta de Galiza, que desde hai anos vén derivando nos concellos o que provoca que en cada un deles se oferte o servizo de xeito diferente, pero sempre cunhas condicións precarias para as traballadoras.
Por iso defenden a súa inclusión nun único ente público e que rematen as miserentas condicións laborais e salariais das mulleres que desempeñan este traballo de coidados cada vez máis necesario.