Pensionistas e xubiladas da CIG reclaman que a pensión mínima sexa igual ao SMI
O colectivo de xubiladas e pensionistas da CIG mobilizouse na Coruña, Compostela, Ferrol, Lugo, Ourense, Cangas e Pontevedra para reclamar que a contía mínima das pensións sexa igual ao Salario Mínimo Interprofesional (SMI) para poder “vivir con dignidade e sen penurias”. Denuncian que a pensión media galega está a case 15 puntos por debaixo da estatal, chegando os 173 euros menos ao mes, o que sitúa a Galiza de segunda, pola cola, coas pensións máis baixas de todo o Estado. Porén, na provincia de Ourense a pensión media si é a máis baixa.
Por iso reclamaron que se fixe por lei a igualación das pensións mínimas e do SMI, que “debería ser de 1.253€, que é o 60% do salario medio, tal e como se recolle na Carta Social Europea” e que as pensións se revaloricen conforme o IPC acumulado a final de ano. Única forma de recuperar o poder adquisitivo perdido coa introdución, en 2021, do índice do IPC medio.
A fenda de xénero das pensións é do 33,6%
Neste sentido indicaron que a pensión mínima contributiva está, na actualidade, fixada en 825,20 euros ao mes e a pensión mínima non contributiva é de 517,9 euros. Contías “claramente insuficientes para unha vida minimamente digna dada a constante escalada de prezos”.
As mulleres pensionistas galegas cobran de media 421,88 euros menos que os homes, situando a fenda de xénero das pensións no 33,6%. Isto é así porque aos 65 anos a fenda das cotizacións é de 11 anos, xa que “mentres os homes teñen de media cotizados 35,6 anos, as mulleres teñen 24 anos e medio”.
Xunto a isto o colectivo alerta de que actualmente, “ningún galego e ningunha galega cando chega aos 65 anos ten de media os 38 anos e medio que se requiren para se poder xubilar a esa idade”. Por iso advirten que a situación non vai mellorar se non se derroga a perversa reforma das pensións, que ten como obxectivo non só dificultar, aínda máis, o acceso á pensión para moitos traballadores e traballadoras, senón tamén reducir as súas contías.