Pensionistas e xubiladas da CIG lanzan unha campaña para reclamar atención presencial
Pensionistas e xubiladas da CIG compareceron esta mañá en rolda de prensa para denunciar a exclusión dixital á que se está abocando a unha parte importante da poboación e anunciar a posta en marcha dunha campaña de recollida de sinaturas -que teñen previsto presentar na Valedora do Pobo- para que se garanta atención presencial nas oficinas da Seguridade Social; nas administracións públicas galega, estatal e local; na sanidade pública e nas oficinas bancarias.
Así o denunciou a secretaria confederal de Organización, Susana Méndez, quen lembrou que esta exclusión afecta sobre todo ás persoas de certas idades, que “non son nativas dixitais, nin teñen en moitos casos os medios, as ferramentas, as capacidades ou a paciencia de relacionarse coas administracións ou cos servizos aos que acoden a través de aparellos electrónicos”.
Méndez denunciou que esta situación é consecuencia da “agresiva dixitalización na que o capitalismo ten inmersa a sociedade, no seu descontrolado afán por xerar beneficios a custo do que sexa” e que ten derivado “nunha cada día maior fenda dixital”. Unha fenda que, afirmou, “está levando a algúns colectivos e, nomeadamente, ao colectivo de persoas maiores, a unha nova situación de desigualdade e vulnerabilidade que pode provocar, mesmo, a súa exclusión social”.
Campaña pola atención presencial
Por iso anunciou a posta en marcha dunha campaña, que veñen de arrincar, dirixida a denunciar e rexeitar esta exclusión dixital, mais tamén para “exixir que se tomen medidas para que non se deixe atrás ás persoas maiores nesta sociedade dixitalizada”.
No decurso da mesma, o colectivo recollerá escritos asinados en toda Galiza e dirixidos á Valedora do Pobo pedindo solucións a esta situación. Xunto a isto, teñen previsto realizar mobilizacións comarcais o vindeiro 16 de marzo nas oficinas do INSS e unha concentración coincidindo co acto de entrega dos escritos asinados na Valedora do Pobo.
E é que, tal e como explicaron as propias xubiladas e pensionistas que participaron na rolda de prensa, administracións como a Seguridade Social, eliminaron desde a pandemia a posibilidade de acceder libremente a unha oficina para calquera tipo de trámite. Neste sentido, Xepe Torres, pensionista, asegurou que “ou o fas de xeito telemático, ou pides unha cita previa que, no mellor dos casos, pode tardar máis de 15 días, cando a consegues, porque son moitas as persoas que malia intentalo unha e outra vez, non conseguen cita na súa oficina”.
Torres subliñou que estes impedimentos están obrigando a moitas persoas a pedir a cita noutra localidade co que, a todos os problemas engádese a obriga do desprazamento. “Agora o colapso que padecen as oficinas da Seguridade Social, derivado da escaseza de persoal, entre outros motivos, desde o goberno pretenden arranxalo limitando o tempo de atención”. Unha decisión diante da que denunciou que aínda se vai restrinxir máis o acceso e que provocará problemas, sobre todo a este colectivo, porque “é nesas oficinas onde precisamente se tramita todo o relacionado coas nosas pensións”.
Administracións galega, estatal e local
Rosa Martínez, tamén pensionista, denunciou que esa situación non se está a dar só nas oficinas da Seguridade Social, senón que se repite en practicamente todas as administracións, nas que tamén teñen restrinxida a atención presencial. “Só se pode acceder mediante cita previa e, en moitos casos, para conseguila hai que falar cunha intelixencia artificial que moitas veces non entende a nosa lingua, nin a vocalización e o timbre de voz das persoas de certa idade”, explicou.
Martínez apuntou ademais que, malia a Xunta anunciar que vai retirar o requisito de cita previa “se isto non vai acompañado doutras medidas, como incremento de persoal, a posibilidade dunha atención presencial de calidade vese igualmente diminuída”.
Saúde a distancia
Especialmente grave considerou Xosé Manuel González, enfermeiro actualmente xubilado, a situación que se está a dar na sanidade pública, na que á imposibilidade de acceder a unha atención sanitaria mínima cara a cara con profesionais por mor da pandemia se suma o desmantelamento e privatización programados polo PP.
Neste sentido explicou que “se xa antes da pandemia conseguir cita pasaba por falar cun robot ou tramitala desde un aparello electrónico, sen moita posibilidade de facelo falando cunha persoa real, desde o ano 2020 chegaron tamén as consultas telefónicas, e recentemente mesmo as consultas por videochamada, como se unha exploración médica se puidese facer a través dunha pantalla”.
González denunciou contundentemente estas medidas postas en marcha polo goberno de Feixó e Rueda “derivadas da falta de persoal e das políticas destrutivas do PP” que, advertiu, “incrementarán a exclusión das persoas maiores da atención sanitaria”.
Atención bancaria
A tamén xubilada Xela Fernández, pola súa banda, reclamou recuperar a atención nas oficinas bancarias. Lembrou que como pensionistas “estamos na obriga de ter conta bancaria para poder cobrar as nosas pensións”. Denunciou que “cos nosos cartos, a banca especula e obtén beneficios” mais que “para nós, todo son trabas”.
Asegurou que acceder, a día de hoxe, a realizar algún trámite bancario supón “armarse de paciencia, perder un montón de tempo pelexando coas máquinas e, se non hai sorte, igual ata acabar contratando unha xestoría”.
Atribuíu esta situación á dixitalización da banca mais tamén, e sobre todo, ao “afán de ganancias” que fai, dixo, “que se traslade a carga de traballo das oficinas á clientela” o que, ao seu entender “levou á redución de horarios de atención presencial nas oficinas e mesmo ao peche dalgunha delas, coa conseguinte perda de postos de traballo”. E denunciou que, “iso si, as comisións abusivas das entidades bancarias si que nolas cargan na conta”.