Pensionistas da CIG reclaman no Parlamento os orzamentos necesarios para garantir unha axeitada atención á dependencia

Concentráronse ás portas do Pazo do Hórreo para denunciar as graves carencias existentes
Nacional - 17 Dec 2024

O colectivo de xubilados e pensionistas da CIG vén denunciando desde hai tempo que os orzamentos que a Xunta aproba anualmente son insuficientes para abordar as graves carencia existentes en dependencia e atención a persoas maiores. Por iso se concentraron esta mañá diante da sede parlamentaria, coincidindo co debate dos orzamentos para 2025, para reclamar que se destinen as partidas necesarias para garantir unha axeitada atención á dependencia.

Entre outras cuestións denunciaron que o tempo de espera é de máis dun ano desde a solicitude da dependencia até que se ten a resolución da prestación. Unha agarda que, matizaron, “pode ser maior aínda, desde a resolución até que se ten a prestación, porque poden pasar mesmo anos”.

Neste sentido denunciaron que segue habendo máis de 2.500 persoas agardando por unha prestación, a maioría delas máis de 6 meses e que a maioría dos servizo teñen copagamento. “As libranzas ou prestacións económicas, dificilmente chegan para cubrir nin o 50% do servizo ou a necesidade para a que se solicita”, aseguraron.

Faltan centros e prazas públicas

O colectivo chamou a atención sobre o feito de que na Galiza existen un total de 286 centros residencias, que teñen un total de 21.952 prazas; que só hai 71 residencias públicas, con 5.016 prazas e que, porén, hai 215 residencias privadas con 16.936 prazas, polo que “o peso das prazas públicas é mínimo”.

Xunto a isto subliñou que o total de prazas de residencias non acada máis que o 3,5% de persoas maiores de 65 anos da Galiza, algo que “queda moi lonxe do 5% que recomenda a OMS como mínimo e isto nun país que ten máis dun cuarto da poboación maior de 65 anos”.

Na mesma liña denunciaron que o mesmo ocorre cos centros de día xa que non hai, sequera, un centro de día por concello e “dos 252 centros de día existentes, só 97 son públicos”.