Pensionistas da CIG mobilízanse en todas as cidades galegas en defensa das pensións públicas
O colectivo de persoas xubiladas e pensionistas da CIG mobilizouse esta mañá nas cidades de A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Ferrol e Vigo para denunciar as mentiras sobre o sistema público de pensións. O colectivo vén de pór en marcha unha campaña con este motivo e afirma que “Goberne quen goberno, as pensións deféndense”.
No inicio dunha nova lexislatura no Estado español e en vésperas das eleccións galegas, entramos no terceiro ano da entrada en vigor da reforma das pensións que, segundo o goberno central, recuperaba a revalorización das pensións anualmente de acordo ao IPC. Mais, como xa viña advertindo o colectivo de persoas xubiladas e pensionistas da CIG, esa revalorización ten truco xa que se fai con respecto ao IPC medio do ano, en lugar de ter en conta o IPC acumulado.
Denuncian que con este mecanismo de cálculo aumenta a perda de poder adquisitivo das pensións mentres a carestía da vida continúa, mesmo con picos de aumento, co que “cada día é máis difícil afrontar consumos básicos para a nosa vida diaria”. Mais cando as pensións na Galiza son as segundas máis baixas do Estado despois de Estremadura, cun importe de 1.154,08, un 14% inferior a pensión media no estado de 1320,41€.
Lembran que recentemente tiveron coñecemento de que o Fondo das Pensións chegou a acadar un importe de 69.000 millóns de euros no ano 2012 e que “foi baleirado polo Goberno español até deixalo con apenas 2000 millóns en 2019”.
Gasto inferior á media da UE
En 2023 estímase un gasto en pensións no Estado español do 11,5% do PIB, un 0,9% menor que en 2020. “Un gasto en pensións inferior á media da UE”, subliñan.
Neste sentido apuntan que todos os dados oficiais confirman que o sistema de pensións “só precisa emprego e salarios dignos para a clase traballadora”, porque “a precariedade, en forma de contratos fixos descontinuos, a tempo parcial, as ETT e a eventualidade son as que poñen en perigo as pensións”.
Como dato indican que as persoas traballadoras de menos de 35 anos teñen unha cotización media de 5,35 anos e as de 44 anos de 13,5. Por iso inciden en que “a viabilidade do sistema pasa porque haxa traballo estable”.
Recuperación de dereitos para recuperar as pensións
Por iso, desde o Colectivo de Xubiladas e Pensionistas da CIG proclaman que “Goberne quen goberne, as pensións deféndense” e demandan:
- A revalorización das pensións conforme ao IPC acumulado a final de ano e a fixación por lei da pensión mínima igual ao Salario Mínimo Interprofesional (que no 2024 debe ser de 1.253€, que é o 60% do salario medio) como recomenda a Carta Social Europea.
- A recuperación dos dereitos perdidos en canto ás pensións, demandando a derrogación das reformas das pensións,empezando pola de 2011, a de 2021 e a última do 2022.
- Unha auditoría para saber a onde foron parar eses 67.000 millóns de euros, depurar responsabilidades e que nos devolvan o roubaron.