Pensionistas da CIG mobilízanse contra o desmantelamento da sanidade pública

Reclaman a reversión do proceso de privatización, reforzo da Atención Primaria, redución das listas de agarda e unha atención sanitaria pública, universal e de calidade
Nacional - 20 Mai 2026

O colectivo de Persoas Xubiladas e Pensionistas da CIG mobilizouse esta mañá en centros de saúde das sete cidades galegas en defensa da sanidade pública e para reclamar unha atención digna e de calidade. As concentracións, nas que ademais recolleron sinaturas en apoio ás súas demandas, enmárcanse na campaña que veñen desenvolvendo desde hai meses para denunciar a privatización do sistema sanitario público galego.

O colectivo manifesta a súa preocupación e desacordo coa situación actual de progresivo desmantelamento e privatización da sanidade pública galega. Unha realidade que “está a ter consecuencias cada vez máis graves para as galegas e galegos en xeral e, de maneira moi especial, para as persoas xubiladas e de idade avanzada.

Explican que son, precisamente, as persoas de idade as súas usuarias habituais “non só para a atención de doenzas crónicas , senón tamén para o seguimento médico continuado, a prevención e o diagnóstico temperán”.

Por iso, alertan do debilitamento do sistema sanitario público galego, provocado “pola falta de investimento, a derivación de recursos cara o sector privado e a precarización do persoal sanitario”. Unha situación que entenden que está a traducirse nun “empeoramento evidente da calidade asistencial”.

Listas de agarda

Sinalan como un dos efectos máis alarmantes desta situación o incremento constante das listas de agarda, que xa non afectan só a probas diagnósticas ou intervencións cirúrxicas, senón mesmo tamén á atención primaria.

Nese sentido, consideran “inaceptable que hoxe en día se teñan que agardar varios días, ou mesmo semanas, para conseguir unha cita cun médico ou médica de cabeceira, atrasando diagnósticos, tratamentos e seguimentos imprescindíbeis para a nosa saúde e benestar. Algo especialmente grave no caso das persoas a partir dunha idade, para quen o factor tempo é clave na evolución da saúde”.

Denuncian que esta realidade non só deteriora a calidade asistencial, senón que xera unha clara desigualdade social e unha clara discriminación por razón de idade “penalizando especialmente a quen non dispón de recursos económicos para recorrer á sanidade privada, que é o obxectivo de quen promove estas políticas privatizadoras”.

A este respecto, advirten de que quen non se pode permitir acudir á sanidade privada vese na obriga de soportar demoras que poden agravar o seu estado de saúde e deteriorar a súa calidade de vida. Por iso entenden que “a sanidade pública debería garantir unha atención digna , accesíbel e en condicións de igualdade para todas as persoas, con independencia da súa idade ou situación económica”.

Rexeitan, en consecuencia, que a sanidade se converta nun privilexio e non nun dereito, o que, afirman “supón unha quebra flagrante dos principios de equidade, universalidade e xustiza social, que deberían rexer a sanidade pública”.

Diante desta situación exixen que se adopten as medidas necesarias para frear o proceso de privatización e desmantelamento da sanidade pública, reforzar a atención primaria, reducir as listas de agarda e garantir unha atención sanitaria pública, universal e de calidade, que respecte os dereitos das persoas maiores e do conxunto da poboación”.