Pensionistas da CIG demandan ao próximo Goberno da Xunta cinco medidas urxentes para dignificar a vida das persoas maiores
O colectivo de persoas xubiladas e pensionistas da CIG vén de pór en marcha unha campaña para demandarlle ao próximo Goberno da Xunta que adopte cinco medidas urxentes para dignificar a vida das persoas maiores na Galiza. Aproveitando a convocatoria de eleccións ao Parlamento galego, o colectivo trasladará a táboa reivindicativa ás organizacións políticas que presentan candidatura e, de xeito paralelo, iniciará unha campaña para informar á cidadanía e presionar para que estas reclamacións sexan asumidas polo futuro Goberno galego.
Representantes do colectivo de diferentes comarcas compareceron este venres en rolda de prensa en Compostela para presentar a campaña e avaliar as complicacións e dificultades ás que se enfrontan as persoas maiores en Galiza para desenvolver unha vida en condicións de dignidade, tras 14 anos de políticas de recortes e minoramento dos servizos públicos aplicadas polo Partido Popular, primeiro con Alberto Núñez Feixó e agora con Alfonso Rueda.
Así, Xepe Torres, en nome do colectivo, denunciou o desmantelamento e a privatización da sanidade pública, con listas de agarda interminábeis e unha Atención Primaria abandonada; os indecentes atrasos na valoración da dependencia e no acceso á prestación efectiva que padecen miles de persoas nun país tan avellentado como o noso; ou a exclusión das persoas maiores das Administracións Públicas ou das oficinas bancarias a causa da fenda dixital.
No ámbito económico, lembrou que as pensións galegas son as segundas máis baixas do Estado, e no caso das mulleres perciben contías moi inferiores ás dos homes, case 400 euros menos ao mes. Xunto a isto salientou que hai moitas galegas e galegos maiores vivindo unha soidade non desexada, en moitos casos en aldeas e vilas do rural con escasos servizos e atención. Por todas estas razóns, concluíu que “non podemos máis que continuar a nosa loita pola dignificación da vida das persoas maiores da nosa nación. Se estes mínimos que demandamos se poñen en marcha, algo empezaría a cambiar nas nosas vidas como galegos e galegas maiores”.
Cinco medidas urxentes
Para explicar as cinco medidas urxentes que o colectivo entende que deben de se poñer en marcha de inmediato interviñeron Carme Mallo e Rosa Martínez que apuntaron as seguintes:
1.-Recuperar a sanidade pública galega. Levar a cabo un reforzo urxente da Atención Primaria e reverter todas as privatizacións existentes no servizo sanitario. Reforzar os cadros de persoal e poñer en marcha un Plan de Choque que atalle as enormes listas de agarda existentes, tanto en Atención Primaria como en Especializada. Estabelecer itinerarios específicos para persoas maiores de 65 anos.
2.-Posta en marcha dun Sistema Público Galego de Servizos de Atención ás Persoas que aglutine os actuais e dispersos servizos de atención á dependencia e ás persoas maiores (centros de día, residencias, SAF,...), que serán xestionados desde a Xunta e con melloras nas condicións laborais do persoal. Exixir o traspaso das competencias en materia de dependencia e poñer en marcha un programa de infraestruturas que a medio prazo aumente considerabelmente as prazas públicas até acadar, cando menos, as ratios recomendadas pola OMS de prazas por habitante maior de 65 anos (o 5% como mínimo).
3.-Recuperar a atención presencial e directa sen cita previa en todas as oficinas e servizos da Administración Galega, estabelecendo por lei uns mínimos na atención ás persoas maiores noutro tipo de estabelecementos, como as oficinas bancarias.
4.-Poñer en marcha un ambicioso Plan Galego de Envellecemento Activo e Prevención da Dependencia, coa participación das organizacións de persoas maiores e de profesionais da atención ás persoas (terapia ocupacional, traballo social, educación social, persoal sanitario de distintos eidos...), que chegue a cada recuncho do país para mellorar o día a día das persoas maiores e atallar a soidade non desexada.
5.-Defender e reforzar o sistema Público de pensións, para acadar a revalorización das pensións co IPC real e garantir por lei a pensión mínima igual ao SMI. Exixir o traspaso á Administración Galega da competencia de xestión do réxime económico da Seguridade Social prevista no Estatuto de Autonomía, para que sexa a Xunta de Galiza quen xestione as pensións das galegas e galegos.
Campaña informativa
Tal e como anunciaron, a campaña informativa desenvolverase en cidades e vilas de todo o país e iniciarase xa o vindeiro día 30 de xaneiro en Pontevedra para continuar o 31 en Ferrol e Ourense; o 2 de febreiro, en Lugo; o 5 de febreiro en Santiago; o día 6 na Coruña e o día 8 en Vigo. Os repartos informativos continuarán ao longo de toda a campaña electoral.