Pensionistas da CIG concéntranse diante de San Caetano para trasladarlle ao novo goberno as súas demandas
O colectivo de xubilados/as e pensionistas da CIG concentrábase esta mañá ás portas do edificio administrativo da Xunta de Galiza para trasladarlle ao novo goberno galego as súas 5 demandas esenciais para dignificar a vida das persoas maiores. Con esta mobilización púxose o colofón a unha campaña de repartos informativos en cidades e vilas galegas, que tivo unha grande acollida, e que se iniciou tras do anuncio da convocatoria das eleccións galegas.
Aproveitando a convocatoria de eleccións ao Parlamento de Galiza o colectivo de persoas xubiladas e pensionistas da CIG puxo en marcha unha campaña na que, alén de trasladar a súa táboa reivindicativa ás organizacións políticas que presentaron candidatura, desenvolveron repartos en cidades e vilas para informar á cidadanía e presionar para que estas reclamacións fosen asumidas polo futuro Goberno galego.
O colectivo lamenta que sexa de novo o Partido Popular o que vaia levar as rendas do goberno da Xunta de Galiza, porque iso vai dificultar que se resolvan as complicacións e dificultades ás que se enfrontan as persoas maiores en Galiza para desenvolver unha vida en condicións de dignidade, tras 14 anos de políticas de recortes e minoramento dos servizos públicos aplicadas primeiro por Alberto Núñez Feixó e despois con Alfonso Rueda.
Demandas “de mínimos”
O colectivo denuncia, entre outras cuestións o desmantelamento e a privatización da sanidade pública, con listas de agarda interminábeis e unha Atención Primaria abandonada; os indecentes atrasos na valoración da dependencia e no acceso á prestación efectiva que padecen miles de persoas nun país tan avellentado como o noso; ou a exclusión das persoas maiores das Administracións Públicas ou das oficinas bancarias a causa da fenda dixital.
No ámbito económico, lembra que as pensións galegas son as segundas máis baixas do Estado, e no caso das mulleres perciben contías moi inferiores ás dos homes, case 400 euros menos ao mes.
Salienta, ademáis, que hai moitas galegas e galegos maiores vivindo unha soidade non desexada, en moitos casos en aldeas e vilas do rural con escasos servizos e atención. Por iso, trasladaron de novo as súas demandas, que cualifican “de mínimos” a quen conformará o vindeiro día 13 de abril, entendendo que “se estes mínimos que demandamos se poñen en marcha, algo empezaría a cambiar nas nosas vidas como galegos e galegas maiores”.
Cinco medidas urxentes
1.-Recuperar a sanidade pública galega. Levar a cabo un reforzo urxente da Atención Primaria e reverter todas as privatizacións existentes no servizo sanitario. Reforzar os cadros de persoal e poñer en marcha un Plan de Choque que atalle as enormes listas de agarda existentes, tanto en Atención Primaria como en Especializada. Estabelecer itinerarios específicos para persoas maiores de 65 anos.
2.-Posta en marcha dun Sistema Público Galego de Servizos de Atención ás Persoas que aglutine os actuais e dispersos servizos de atención á dependencia e ás persoas maiores (centros de día, residencias, SAF,...), que serán xestionados desde a Xunta e con melloras nas condicións laborais do persoal. Exixir o traspaso das competencias en materia de dependencia e poñer en marcha un programa de infraestruturas que a medio prazo aumente considerabelmente as prazas públicas até acadar, cando menos, as ratios recomendadas pola OMS de prazas por habitante maior de 65 anos (o 5% como mínimo).
3.-Recuperar a atención presencial e directa sen cita previa en todas as oficinas e servizos da Administración Galega, estabelecendo por lei uns mínimos na atención ás persoas maiores noutro tipo de estabelecementos, como as oficinas bancarias.
4.-Poñer en marcha un ambicioso Plan Galego de Envellecemento Activo e Prevención da Dependencia, coa participación das organizacións de persoas maiores e de profesionais da atención ás persoas (terapia ocupacional, traballo social, educación social, persoal sanitario de distintos eidos...), que chegue a cada recuncho do país para mellorar o día a día das persoas maiores e atallar a soidade non desexada.
5.-Defender e reforzar o sistema Público de pensións, para acadar a revalorización das pensións co IPC real e garantir por lei a pensión mínima igual ao SMI. Exixir o traspaso á Administración Galega da competencia de xestión do réxime económico da Seguridade Social prevista no Estatuto de Autonomía, para que sexa a Xunta de Galiza quen xestione as pensións das galegas e galegos.