Peche no CHUO para esixir a mediación da Xerencia no conflito do servizo de mantemento
Os traballadores do servizo de mantemento do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO), que suman xa 36 días de folga para esixir a Ferrovial Servizos o cumprimento do convenio e a fin da discriminación laboral, proseguiron este mércores coas concentracións semanais diante do hospital. Nesta ocasión, un grupo de persoas mantivo un peche no quinto andar do complexo para reclamar a intervención do xerente no conflito e que obrigue a empresa a sentar "e iniciar unha negociación real".
"Como titular da contrata, a Xerencia non pode seguir mirando para outro lado", denuncia Indalecio Gómez, secretario comarcal da CIG-Industria de Ourense, quen cualificou de "irresponsábel" o desinterese amosado polo Sergas neste conflito, a pesar de que se está a producir un deterioro das instalacións "que están intentado ocultar", e que cada mes o servizo de limpeza, mantemento e seguridade "cústalle a todas as ourensás e ourensáns máis de 700.000 euros".
Neste senso, considera "incríbel" que despois de 36 días de folga, a Xerencia siga sen pronunciarse. "Sabemos que esta folga non é tan visíbel como podería ser unha folga da limpeza, pero o conflito está aí e as instalacións necesitan de mantemento". Neste senso, Gómez denunciou que o hospital ten unha parte do servizo con persoal propio, "que se está usando para facer esquirolaxe, pois asígnanselle tarefas que son propias dos traballadores de Ferrovial".
Durante o encerro, dende a equipa da Xerencia explicaron que o responsábel non se atopaba na provincia, pero "trasladáronnos o compromiso de que terá unha reunión con nós o próximo luns", apunta Gómez. Tras acadar este compromiso, o persoal abandonou o peche.
Falta de vontade negociadora de Ferrovial
Sobre as conversas coa empresa, o secretario comarcal da CIG-Industria, rexeitou a actitude sostida por Ferrovial Servizos "que dende o inicio do conflito non tivo vontade real de negociar". "O resultado das tres últimas reunións revelan que a empresa está apostando por desgastar e afogar economicamente o persoal para que abandonen a folga", sinala, demostrando así un absoluto desprezo ás reivindicacións da parte social e sen importarlle o máis mínimo a situación na que se atopa ao servizo do que é adxudicataria.
Gómez lembrou que, "a pesar de flexibilizar as nosas demandas, co obxectivo de facilitar un acordo", na última xuntanza "a empresa apareceu cun documento no que se recollen supostas sabotaxes nas instalacións do centro sanitario e utilizouno como escusa para levantarse da mesa de negociación".
Diante disto, os empregados/as de mantemento anunciaron a súa intención de continuar coa folga indefinida e coas medidas de presión até lograr que Ferrovial asuma o cumprimento do convenio, remate coas discriminacións laborais e reforce os cadros de persoal.