Pechados/as no Meixoeiro concéntranse diante do hospital para agradecer as mostras de apoio doutras áreas sanitarias
A concentración, convocada pola xunta de persoal e SOS Meixoeiro, tivo lugar na entrada principal do centro médico vigués a partir das 12.00 horas, onde durante 20 minutos os participantes no peche e numerosos/as traballadores/as berraron consignas como “Xerente dimisión”, “O Meixoeiro querémolo enteiro” ou “Conselleiro dimisión”.
Acto seguido regresaron ao interior do edificio para continuar co peche iniciado o pasado día 1 de xuño para rexeitar o desmantelamento do hospital vigués e reivindicar a súa importancia dentro do sistema sanitario público. Alí seguiron gritando consignas até as 12.30 horas, tempo no que se uniron numerosos/as usuarios/as e empregados/as do centro médico.
Segundo explicaron os promotores/as, con esta concentración pretenden trasladar o seu agradecemento ao persoal das distintas áreas sanitarias de Galiza que hoxe se mobilizaron -O Barbanza, O Salnés e Santiago, entre outras- para denunciar o peche de camas durante o verán e en solidariedade co peche que manteñen os empregados/as do hospital vigués.
Ao remate da protesta lembraron que todas as mobilizacións que están a desenvolver son para defender a sanidade pública universal, gratuíta e de calidade, agradeceron a presenza dos traballadores/as e dos usuarios/as e fixeron un chamamento a participar na manifestación convocada para o vindeiro mércores día 22 de xuño.