
Paulo Carril reelixido Secretario Xeral no IX Congreso da CIG
O IX Congreso da CIG, celebrado baixo o lema “A Forza da Nosa Clase. Traballo. Dereitos. Soberanía” elixiu este sábado a nova executiva confederal, a comisión de garantías e reelixiu a Paulo Carril como secretario xeral con 508 a favor, 30 en branco e 3 nulos. Tras dunha intensa xornada de debate, as e os congresistas debateron e aprobaron os relatorios de Acción Sindical por 427 votos a favor e 1 abstención, e de Organización, por 378 votos a favor e 1 abstención. Os documentos recollen as liñas de traballo que han guiar a acción da CIG nos vindeiros catro anos.
A Executiva Confederal recibiu 521 votos a favor, 17 brancos e 4 nulos:
- Paulo S. Carril Vázquez
- Susana Méndez Rodríguez
- Lucía Freire Ces
- Paulo Rubido Bará
- Margarida Corral Sánchez
- Francisco González Sío
- María Xosé Alonso
- Antonio Mera de La Fuente
- Francisco Xabier Cartelle Pérez
- Anxo Noceda Carballo
- Renato Núñez Da Silva
- Dores Martínez Castelo
A candidatura á Comisión de Garantías para o IX Congreso obtivo 511 votos a favor, 20 en branco e 6 nulos:
1.- Birino Marcos Baamonde
2.- Marta Dacosta Alonso
3.- María Mar Peteira Cabana
4.- Nieves Somoza López
5.- Xosé Ramón Losada González
6.- Francisco Villanueva González
A Forza da Nosa Clase

O reelixido secretario xeral, Paulo Carril, foi o encargado de clausurar o Congreso que, tal e como explicou, serviu “para poñer a punto o ideario da central sindical, con novas liñas de actuación coas que facer real o lema do Congreso, A Forza da Nosa Clase, para defender o Traballo, os Dereitos e a Soberanía”. Lembrou ademais que a CIG afrontou este Congreso como a primeira forza sindical en Galiza, cun 31,05% de representación (5.131 delegadas e delegados) e un crecemento afiliativo histórico, superando as 86.000 persoas afiliadas.
Na súa intervención, destacou que estes resultados demostran a capacidade da clase traballadora galega para organizarse de forma soberana, “sen sermos sucursal nin franquía de ningunha organización con centro de decisión fóra de Galiza”. Subliñou ademais que este foi un Congreso de reafirmación do sindicalismo nacionalista e de clase da CIG, fiel aos principios que guiaron as loitas obreiras desde 1972 e á memoria de Moncho Reboiras, asasinado pola policía franquista hai 50 anos.
En referencia ao contexto global fixo referencia á crise do capitalismo neoliberal, o cambio climático e unha ofensiva imperialista liderada polos Estados Unidos, coa complicidade da Unión Europea. Denunciou o xenocidio do pobo palestino por Israel, apoiado por EUA e a UE, como exemplo da “maquinaria de agresións e crimes contra a humanidade” que promove guerras, bloqueos e sancións para manter a dominación colonial.

Fronte a isto, considerou urxente unha Europa dos Pobos e da Xustiza Social, a superación do eurocentrismo, da Europa dos Estados, a dependencia dos EUA, avanzar nas relacións cos BRICs e o recoñecemento do dereito de autodeterminación dos pobos e nacións, como Galiza. “Unha Europa que faga seu o Convenio dos Dereitos Humanos do Consello de Europa e garanta o cumprimento da Carta Social Europea”.
No ámbito estatal, criticou o aumento do gasto militar, que supera o 2% do PIB, mentres se ameazan os servizos públicos con recortes, e sinalou a submisión do Estado español aos ditados do FMI, do Banco Mundial e da Unión Europea.
Medre do fascismo
O secretario xeral da CIG alertou contra o medre do fascismo que considerou resultado “da renuncia a confrontar as políticas neoliberais con programas de Goberno alternativos, a construír unha alternativa emancipadora, de soberanía dos pobos e que supere o capitalismo, poñendo fin á explotación de clase, á OTAN e ao imperalismo”.
Fronte a iso apostou por reforzar o sindicalismo de confrontación que representa a CIG, promovendo o conflito e a folga como ferramentas para conquistar dereitos. “O tempo que tardamos en mobilizarnos é o tempo que perdemos en gañar dereitos”, insistiu Carril, destacando os incrementos salariais logrados en Galiza, os maiores do Estado, grazas á acción sindical da CIG.

Rueda ao servizo da ofensiva colonial
No caso galego, Carril denunciou o Goberno de Rueda como “complemento perfecto” das políticas neoliberais estatais, que afondan na dependencia económica e política de Galiza. Criticou a negativa da Xunta a impulsar un concerto económico que permita controlar os recursos galegos, a privatización de servizos públicos e a “ofensiva colonial” que condena Galiza a ser un territorio de sacrificio, subministrador de recursos minerais, enerxía e auga. “Vivimos un espolio que destrúe terras, montes e o mar, ameazando sectores produtivos clave e xerando un dano social e ambiental irreversible”, alertou, citando mobilizacións contra proxectos como Altri ou a mina de Touro-O Pino.
O secretario xeral tamén abordou os impactos da dixitalización e da intelixencia artificial, que precarizan o traballo e aumentan a explotación baixo o control de multinacionais. “Non hai planificación pública para o benestar social, só un novo negocio para o capital que empeora as condicións de vida e ameaza empregos e dereitos”, advertiu. Neste contexto, a CIG aposta
Lembrou que a CIG comprometeuse a redobrar esforzos para construír un Marco Galego de Relacións Laborais, con plenas competencias lexislativas, e un modelo galego de negociación colectiva que combata a precariedade e a pobreza laboral. Defendeu, ademais, a necesidade de políticas públicas que prioricen as maiorías sociais, poñendo os recursos galegos ao servizo do emprego digno, da diversificación produtiva e do equilibrio territorial, para frear a emigración e a desertización social.

No ámbito político, o secretario xeral criticou o diálogo social estatal, liderado por CCOO e UGT, como unha “fosa común” que enterra os dereitos laborais, e denunciou a reforma laboral de 2021 como a “institucionalización da pobreza laboral”. Sinalou que a presenza de forzas soberanistas, como a CIG, é clave para frear as derivas centralistas e reaccionarias no Estado español, condicionando decisións políticas a través da loita social.
Carril concluíu cun chamamento á mobilización, asegurando que “a CIG é unha ferramenta de transformación social, comprometida coa emancipación de clase e a soberanía nacional. Non nos limitamos a xestionar a realidade; aspiramos á súa transformación revolucionaria”.
Instou á clase traballadora a organizarse, e ao conxunto do sindicato a “ter máis atrevemento e decisión na acción sindical, con propostas concretas na negociación colectiva e nas empresas, para confrontar as múltiples e variadas caras que hoxe ten a precariedade, a pobreza laboral, a explotación da xente nova que se incorpora ao traballo, para responder ao desemprego, ás desigualdades, á exclusión social, como tamén aos abusos e ao trato inhumano á poboación migrante”. E rematou citando a Castelao que dixo que “a loita nobre e leal das ideas é o que asegura o progreso”.
Actuación musical, acto de despedida e intervencións das delegacións
Durante a sesión de clausura tamén houbo tempo para a actuación musical de Pauliña e déuselle un agasallo de despedida pola súa xubilación á compañeira Nicolasa Castro, até agora secretaria confederal das Mulleres, aos compañeiros Miguel Malvido, até agora secretario confederal de Relacións Institucionais, e Xosé Lois Rivera, até agora responsábel de Relacións Internacionais, a que sen lle agredeceu a súa entrega e traxectoria sindical.
Procedeuse á lectura das resolucións, aprobadas por aclamación, e interviñeron parte das delegacións convidadas. Foi a quenda de Garbiñe Aramburu, coordenadora xeral de Langile Abertzaleen Batzordeak (LAB); Filipe Manuel Marques Pereira, da Dirección da Confederaçao Geral de Trabalhadores de Portugal (CGTP-IN); Sergi Perelló, secretario xeral da Intersindical-Confederación Sindical de Cataluña (I-CSC); Mitxel Lakuntza, secretario xeral de Eusko Langileen Alkartasuna (ELA); Maaina Fiha Salma Elrguibi, da Unión Xeral de Traballadores/as de Saguia El Hamra e Río de Oro, do Sáhara Occidental (UGTSARIO); e Soussan Taisser Abdel Salam, secretaria xeral da Unión Nacional de Xerusalén de Traballadores/as Palestinos/as e vicepresidenta da Federación Sindical Mundial (FSM).
Intervención íntegra do secretario xeral, Paulo Carril, na clausura do IX Congreso
Delegacións internacionais, delegacións nacionais, compañeiras e compañeiras, obrigados pola vosa asistencia.
Poñemos remate ás sesións do IX Congreso Confederal coa posta a punto do noso ideario, con novas liñas de actuación coas que facer real o lema do noso Congreso, coas que dar a valer A FORZA DA NOSA CLASE para defender o TRABALLO, os DEREITOS e a SOBERANÍA.
Afrontamos este Congreso sendo a 1ª forza sindical en Galiza:
- cunha maioría sindical reforzada no último proceso de eleccións sindicais, tendo o 31,05% de representación, o que se traduce en 5.131 persoas delegadas;
- e cun medre afiliativo que se traduce en 9.000 novas afiliacións en catro anos, tendo xa máis de 86.000 afiliados e afiliadas; a cifra máis alta da nosa historia.
Estes resultados son a demostración de que a clase traballadora galega, que o pobo galego, somos quen de nos valermos por nós, de nos organizar de forma soberana, sen sermos sucursal nin franquía de ningunha organización que ten o seu centro de decisión fóra de Galiza.
Polo tanto, este IX Congreso é un congreso de reafirmación do sindicalismo nacionalista e de clase, da CIG como 1º forza sindical, que hoxe é unha realidade imparábel e que nos chama a seguir actuando de acordo aos mesmos principios, á mesma acción e defendendo as mesmas ideas que levamos facendo desde as loitas do 72 e desde o asasinato de Moncho Reboiras, hai 50 anos, en 1975, pola policía franquista.
Afrontamos este congreso no medio dunha crítica situación internacional, baixo os efectos do cambio climático e marcada por unha ofensiva do capitalismo neoliberal que, coa guerra, busca reforzar a explotación de clase, a dominación colonial dos pobos e nacións; e tamén o afrontamos condicionados por unha carreira desenfreada pola depredación dos recursos naturais mentres se aceleran as transformacións da economía pola descarbonización e dixitalización dos procesos produtivos.
Estamos ante a radicalización do capitalismo, dun sistema económico e de produción en crise, incapaz de xerar un desenvolvemento que garanta o benestar social, incapaz de resolver as necesidades básicas da humanidade e de ser respectuoso coa natureza.
Nesta fase histórica, a chamada globalización neoliberal, o imperialismo, dirixido polos Estados Unidos, coa subordinación da Unión Europea, aposta polo camiño da guerra para a súa continuidade, xestionado a través dunha rede de bases militares dos EUA e da OTAN, colocadas estratexicamente para acosar, intimidar e actuar. Un imperialismo que está a validar resultados electorais ilexítimos, a promover tentativas golpistas, a impoñer bloqueos, sancións comerciais e financeiras, así como tamén aranceis e sancións aos estados que non se sometan. Estas son as formas de actuación desta potente maquinaria de agresións e xenocidio de pobos, que se suman ás coñecidas invasións e intervencións militares baixo a bandeira de accións humanitarias.
O exterminio e xenocidio do pobo palestino por Israel, decididamente apoiado polos EUA e a UE, son exemplo de todo isto, do nada que lles importa alimentar o crime contra a humanidade que sofre Palestina.
A este reforzo do papel imperial responden as ordes de aumento do gasto militar dos Estados integrados na OTAN, para o cal non hai control de déficit público mentres aumentan as ameazas de recortes sociais e dos servizos públicos.
Aí temos o caso do Estado español. Nos últimos anos os desembolsos para gastos militares veñen superando o 2% do PIB, dado que hai desvíos de entre 20%- 30% das previsións dos últimos orzamentos do Estado.
Mais esta ofensiva do imperialismo está tamén reforzada pola acción tiránica do FMI, do BM e da dolarización da economía mundial, que completan os mecanismos cos que ter presos e castigados os países, coa imposición de duros programas de axustes, redución do gasto público, privatización de todas as actividades, defensa fanática do libre mercado, con permanentes desregulacións, como a dos bens e capitais, ou do mercado laboral, recortando os salarios e precarizando o traballo.
Neste contexto, é manifesta a crise actual da Unión Europea e a evolución cara á súa irrelevancia no contexto global.
É o fracaso da concepción dunha UE como correa de transmisión do sistema internacional comandado polos EUA. É o fracaso da Europa do capital, da unión económica e monetaria. É a crise do modelo de libre circulación de capital, mercadorías e persoas baixo a disciplina férrea do Banco Central Europeo, tan servil á Reserva Federal dos EUA e ao capital, como implacábel para ditar, sen ningún tipo de control democrático, políticas laborais, sociais e fiscais inxustas.
É a "Europa dos Estados", construída desde a negación dos pobos e nacións que a integran, que no pasado se revestía de adobíos de progreso económico e social, máis que fica ao descuberto con axustes salvaxes, coa chamada austeridade e coas profundas reformas que supoñen os fondos “Next Generation”. Non hai solidariedade entre os estados membros, senón duros programa de recortes e relanzamento das receitas neoliberais, como as da crise financeira, con especiais consecuencias no ámbito laboral e nos servizos públicos.
Neste contexto, a UE e algúns gobernos adoptan medidas máis restritivas en materia de migración e asilo, o que leva a unha Europa máis pechada sobre si mesma, que volve propoñer controis fronteirizos estatais para as persoas, sendo incapaz de implementar políticas firmes contra a intolerancia e o fascismo ou de promover medidas que garantan a integración das persoas migrantes.
A necesidade dunha Europa dos Pobos e da Xustiza Social é tan urxente, como a superación do eurocentrismo, da Europa dos Estados, da dependencia aos EUA, e como o avance nas relacións cos BRICS ou o recoñecemento do dereito de autodeterminación dos pobos e nacións que a integran, como o caso de Galiza. Unha Europa que faga seu o Convenio Europeo dos Dereitos Humanos do Consello de Europa e garanta o cumprimento da Carta Social Europea.
Nos Relatorios que aprobamos analizamos como o sistema capitalista está xerando máis pobreza; como a economía financeirizada, que opera a golpes de burbullas especulativas, prevalece sobre os Gobernos e sobre a economía produtiva; como o capital, obsesionado por un crecemento constante sen límites para aumentar a taxa de lucro, acelera a concentración da riqueza nunha minoría, sen importar as consecuencias devastadoras para a maioría social.
Máis de 820 millóns de persoas no mundo (unha de cada dez) pasan fame.
Da crise da COVID-19 e das cadeas de abastecemento, saltamos á crise inflacionista. A carestía da vida por causa da inflación, a caída do poder adquisitivo dos salarios e a suba esaxerada dos tipos de xuro durante os últimos anos constatan que cada vez o capitalismo neoliberal é máis inestábel, con recesións máis prolongadas e crises cíclicas, que manteñen no tempo os seus efectos ruinosos para os pobos e as clases traballadoras.
Nos últimos anos as rendas do traballo perderon case 4 puntos de participación no PIB.
A permanente presión exercida polos oligopolios sobre os mercados para controlar os prezos e manter a marxe de ganancia, foi xerando un suba esaxerada destes e un medre descontrolado da inflación.
A suba dos tipos de xuro fixo que se socializase a carestía da vida mentres a banca acumula beneficios astronómicos, aumentando os sectores populares impedidos de acceder a dereitos básicos como alimentación e a vivenda, especialmente entre a xente nova e as mulleres.
Así é que no ano 2024 a riqueza das persoas máis millonarias medrou tres veces más rápido que en 2023.
O capitalismo condúcenos a unha tormenta perfecta de desemprego, desigualdade, desindustrialización, recesión, insostibilidade, inestabilidade financeira e precariedade xeneralizada.
A actual ofensiva do capital está nunha fase máis intensiva e violenta de explotación e sobreexplotación á clase traballadora e aos pobos.
A chamada «transición enerxética», que atinadamente analizamos no anterior Congreso, forma parte do proceso de profundamento na División Internacional do Traballo e dunha nova ofensiva neocolonial que está forzando a migración de millóns de persoas.
É unha transición ao ditado co capital, que está sendo social e territorialmente inxusta, como estamos a ver en Galiza. Non hai transición; hai demolición en diferentes sectores produtivos e reconversión industrial pura e dura.
Son as nacións e pobos da periferia e da semiperiferia as condenadas a subministrar materias primas, recursos naturais e minerais para alimentar unha transición enerxética e a chamada dixitalización, que aumenta a demanda de novos materiais e que reabre unha fase de espolio extractivista de catastróficas consecuencias sociais e ambientais.
Todo isto que analizamos non sucede lonxe de nós, nin nos é alleo; é o que estamos a vivir en Galiza, cun recruar do histórico espolio e dominación colonial do noso país, coa ofensiva eólica na terra e no mar, coa apropiación da nosa enerxía eléctrica e coa ameaza mineira.
Por iso nos mobilizamos e berramos ALTRI NON e MINA DE TOURO-O PINO TAMPOUCO.
A dixitalización está provocando importantes transformacións de grande impacto, tamén na liña do analizado no VIII Congreso. Valorización do capital fronte ao traballo, ao tempo que este se desvaloriza a través das reformas laborais, da negociación colectiva, individualizando e precarizando as relacións laborais.
Estamos ante un proceso do que se ten apropiando o capital, onde os gobernos actúan ao seu ditado, no que se están a gastar cifras millonarias de diñeiro público para a súa posta en marcha e operatividade. Non hai unha planificación pública en favor do desenvolvemento do conxunto da sociedade. Estamos ante un novo e perigoso negocio para un reducido número de multinacionais, empeorándose as condicións de vida e no que se ven afectados os dereitos da clase traballadora, das maiorías sociais, as liberdades públicas e o impacto no medio ambiente, pola multiplicación dos consumos de enerxía e de auga, que son necesarios e claves para o funcionamento dos centros de almacenamentos de datos.
A Intelixencia Artificial é a expresión actual deste proceso que está tendo xa importantes e diferentes impactos negativos, como tamén advirte a OIT e o mesmo FMI. Previsións do medre exponencial das ameazas para o mundo do traballo, ao estimar que se verán destruídos moitos empregos xunto a unha importante caída dos salarios.
O capitalismo está nunha tendencia cada vez máis regresiva e reaccionaria no social, no económico e no político. Foméntase, no centro e na periferia do sistema, a ultradereita e a extrema dereita, renovando o fascismo. Xa marcan e dirixen a axenda de moitos gobernos e institucións internacionais, nomeadamente en Europa e nos EUA, e vai acompañada de mensaxes machistas, xenófobas, autoritarias e belicistas.
Non é un feito casual, como nos ensina a historia, senón está oportunamente alimentado polo capital. É parte da resposta que buscan as elites económicas cando ven ameazado o seu status, cando necesitan reforzar os mecanismos de dominación ante o aumento do descontento social pola dureza das políticas económicas que xeran desemprego, baixos salarios e aumento da pobreza.
No caso do Estado español, son unha versión que fai causa no españolismo e na españolización, na negación da realidade plurinacional do Estado español, na fanática unidade de España, na defensa do mercado único español e na centralización das relacións laborais.
Este emerxer fascista ten as condicións idóneas para existir ante a debilidade de importantes sectores da esquerda política, sindical e social, que viven instalados na idea da conciliación e convivencia pacífica das clases sociais e da “España das autonomías”. Todo isto, ao tempo de non estar á altura na súa acción de goberno, de idealizar o diálogo social e fomentar a desmobilización social.
O fascismo actual, que tamén sitúa na rúa a súa axenda, é o resultado da renuncia a confrontar as políticas neoliberais con programas de goberno alternativos, a construír unha alternativa emancipadora, de soberanía dos pobos e que supere o capitalismo, poñendo fin á explotación de clase, á OTAN e ao imperialismo.
Por nós non vai quedar e imos dar resposta a esta situación e ás políticas neoliberais, por iso neste Congreso reafirmámonos no noso modelo sindical, que combina a formulación de propostas concretas coa mobilización para conquistar dereitos e conseguir políticas alternativas ante os gobernos e a patronal. Para iso, apostamos por:
- reforzar o noso sindicalismo de confrontación, de contrapoder, organizando e promovendo o conflito porque o tempo que tardamos en ir á mobilización e á folga é o tempo que perdemos en gañar dereitos;
- a folga debe ser sempre o camiño a buscar para afrontar un conflito pero sempre desde unha planificación e preparación colectiva de todo o proceso, como temos analizado e debatido moitas veces, procurando a complicidade social. A loita sindical é tamén unha loita de carácter sociopolítico, porque un dos nosos obxectivos é estender a solidariedade e apoio social coas nosas reivindicacións, como así fixemos estes anos con resultado positivo, superando o pacto de rendas do V AENC e sendo Galiza a que maior incremento salarial tivo no Estado estes últimos anos.
E como así seguiremos a facer, pese a unha realidade adversa e a oposición do sindicalismo entregado a un diálogo social convertido nunha fosa común na que se enterran os nosos dereitos laborais como vemos no Estado español.
A realidade do Estado español está marcada pola obediencia ao deseño europeo e internacional que vimos comentando, reforzando a centralización e a engrenaxe institucional nacida da Constitución do 78, fundamentada na negación a calquera proceso de recoñecemento dos dereitos das nacións que, como a galega, existimos dentro do Estado español.
A permanente autopropaganda do Goberno sobre o avanzado das súas medidas, cunha dereita e ultradereita que contribúe a esaxeralas cando as critica, está acompañado do papel servil e submiso do diálogo social, de CCOO-UGT. Medidas que, por certo, tanto defenden a dereita como esquerda política e sindical española, e que teñen como resultado o cumprimento da axenda coa que a patronal e o capital están asegurando o aumento dos seus beneficios e a concentración da riqueza en menos mans e nuns poucos territorios do Estado, onde Galiza e a clase traballadora estamos claramente prexudicadas.
Esta valoración non implica para nós indiferenza sobre quen goberne, senón deixar claro que a realidade que temos diante non é a da confrontación dos modelos esquerda-dereita que nos poñen diante.
Cada ano que pasa, a realidade plurinacional do Estado ten máis presenza e condiciona en maior medida a política española. Precisamente se a dereita e ultradereita non gobernan aínda no Estado, se o Goberno español non é tan neoliberal e centralista como quere ser, é grazas á presenza e capacidade das forzas sindicais, sociais e políticas soberanistas, que son quen de condicionar a toma de decisións a través da loita social e da conformación de maiorías electorais nas nacións do Estado, freando as derivas españolistas e reaccionarias.
A reforma laboral do 2021 non derrogou a reforma laboral do 2012 do PP; a continuidade e ampliación das reformas do sistema público de pensións (consolidando a xubilación aos 67 anos, aumentando o período de cálculo aos 29 anos, a eliminación da xubilación parcial aos 61 anos), a imposición dos plans de emprego de pensións nos convenios colectivos, a reforma da Lei Orgánica da FP, as medidas no ámbito da igualdade salarial e de xénero, a reforma do subsidio por desemprego, a reforma do SEPE e da Lei de Emprego, etc., son algúns exemplos de importantes cambios que van desde medidas insuficientes a verdadeiros recortes e retrocesos. Reformas que non restitúen nin aproban novos dereitos e que non crean emprego digno, en igualdade e con dereitos.
Cada mes que pasa desde a entrada en vigor da reforma laboral do 2021, vense reforzadas as razóns e críticas da nosa oposición. Esta reforma é a institucionalización da pobreza laboral, é a legalización da inestabilidade e inseguridade laboral.
Unha reforma laboral á que se suma o fomento dos ERTE permanentes e a extensión dos baixos salarios. Así, deste xeito, as empresas transfiren ao sector público os custos sociais de toda esta realidade de precariedade xeneralizada, ao tempo que se dificulta o acceso, a duración e as contías das prestacións por desemprego.
O debate actual sobre a xornada de traballo ou a medra do salario mínimo interprofesional é o exemplo máis recente de como este Goberno, con UGT-CCOO colaborando no branqueo, queren deixar sen efecto unha importante reivindicación para un avance real de dereitos, como é reducir a xornada semanal ás 35 horas, camiño das 32 horas, e situar de forma real o salario mínimo no 60% do salario medio, en cumprimento da Carta Social Europea.
Nesta realidade en Galiza o Goberno de Rueda fai destas políticas estatais complemento perfecto do seu programa de acción que combinan co reforzo á dependencia económica e política de Galiza ao sistema español, en favor doutros territorios, negándose a un desenvolvemento galego propio co que frear o aumento do empobrecemento e as desigualdades das clases populares.
Especialmente lamentábel é o papel do Goberno de Rueda no que ten a ver coa fiscalidade e financiamento autonómico. Facilita o non pagamento de impostos aos ricos pero négase a que Galiza, mesmo desde a condición constitucional de nacionalidade histórica, dispoña dun sistema de financiamento propio, cun réxime de concerto económico co Estado, que poña remate ao sistema de financiamento vixente no que Galiza perde millóns de euros da nosa recadación de impostos e capacidade fiscal.
Con estas políticas, os efectos do cambio na economía e tecido produtivo galego están tendo peor impacto. A intensificación do proceso de valorización do capital fronte ao traballo combínase con afondar o papel de colonia de Galiza, obrigada por decisións políticas a ser territorio de sacrificio e condenada a ser subministradora de recursos minerais, forestais, auga, enerxía e a ter unha industria de enclave en favor doutros territorios, mentres continúa a desertización social e industrial de moitas comarcas.
Estamos ante unha política fatal para a sociedade galega que se completa cun turismo desordenado e descontrolado, coa eucaliptización do país, mentres agonizan importantes sectores produtivos. Vivimos unha brutal ofensiva que no franquismo destruíu os ríos e agora vai polas terras, montes e mesmo o mar, que pon en perigo sectores sociais que, grazas ao seu traballo, proporcionan alimentos básicos á poboación, e que, tal como está planificada, causa un prexuízo económico, social e ambiental irreversíbel.
Todo o público está á disposición do negocio e a rendibilidade do capital e dos fondos de investimento. Seguimos proporcionando man de obra barata a través dunha emigración que nos está a deixar sen xente, nun país cada vez máis avellentado, onde o saldo vexetativo empeorou máis dun 70% nos últimos anos. Nin sequera a crecente chegada de migrantes frea a perda de poboación en idade de traballar.
Un Goberno do PP obsesionado coa privatización dos servizos públicos, do ensino universitario e non universitario, da sanidade e coa mercantilización das empresas da dependencia e coidados, nun país que segue sen ter un sistema galego público de atención ás persoas maiores e dependentes.
Estamos ante un Goberno galego ao que non lle abonda con facilitar a imposición deste proxecto para Galiza, senón que o complementa reforzando unha agresiva acción de españolización e desgaleguización, xerando a día de hoxe unha auténtica e grave emerxencia lingüística, pretendendo impoñer a extinción do noso idioma, chamando a un pacto que só busca o enterramento do galego.
Ante este mal goberno temos que dar resposta, e a CIG neste Congreso reafirmamos que somos un sindicato implicado na transformación social de Galiza, do que derivamos dúas consecuencias moi importantes.
A primeira, estar na CIG é tamén un compromiso cos obxectivos colectivos, de clase e nacionais. Toda loita que afrontamos debe ter clara esta cuestión para entender que para nós o conflito é unha oportunidade para a toma de conciencia, para ir máis alá da reivindicación concreta. Toda a planificación que fai posíbel o conflito exixe propostas, debate, asemblea, participación e protagonismo das persoas traballadoras. O que reivindicamos debemos poñelo en relación ao marco económico, político e social no que se da á loita na que estamos.
A segunda, somos unha central sindical que aposta por facer fronte común, tecer alianzas nunha axenda galega para desde a mobilización avanzar en dereitos, igualdade, xustiza e benestar social. Por iso tamén acordamos neste Congreso ampliar as alianzas, o traballo en pé de igualdade e respecto mutuo polo conxunto do Movemento Nacionalista Galego.
Cando neste Congreso facemos figurar soberanía ao final do lema é porque somos un sindicato galego, nacionalista e de clase. Somos unha central sindical dunha nación dependente e subordinada, onde a loita pola emancipación de clase é inseparábel da loita pola emancipación como pobo.
A clase traballadora galega, o pobo galego, temos dereito a decidir sobre o noso modelo económico e social, no que poidamos vivir e traballar dignamente na nosa Terra, sentando as bases da construción do socialismo, obxectivos estratéxicos da CIG.
Como escribiu Castelao no Sempre en Galiza, a liberdade das nacións afecta ao proletariado máis que á burguesía.
Por iso nos Relatorios acordamos redobrar esforzos por materializar un modelo galego de negociación colectiva e facemos unha posta a punto para avanzar na construción dun Marco Galego de Relacións Laborais e Sociais, con plenas competencias lexislativas e normativas.
Polo tanto, queremos decidir sobre o noso modelo económico e social e reivindicamos un sistemático e completo paquete de políticas públicas que concentren todos os recursos en favor das maiorías sociais, única maneira real de ter emprego, salarios e ingresos dignos para a clase traballadora galega, garantindo unha protección social plena, sen exclusións, consolidando o respecto polos dereitos laborais e a mellora das condicións de traballo.
Avanzar para ter plenas competencias como piar fundamental para que poidamos aproveitar todos os recursos que temos dispoñíbeis no noso país: produción de enerxía, recursos minerais, riqueza forestal, actividade de produción e transformación no sector agrario e pesqueiro, etc., para poñelos ao servizo de crear emprego digno e con dereitos; e que complete os ciclos produtivos no propio país, aumente o valor engadido, reforce os sectores básicos da nosa economía, diversifique as nosas capacidades produtivas e industriais, procurando un mellor equilibrio territorial e ambiental, garantindo unha rendibilidade social e non privada e evitando a destrución de emprego e a emigración.
Polo tanto, o lema COA FORZA DA NOSA CLASE. TRABALLO, DEREITOS, SOBERANÍA expresa a nosa vontade de actuar e a importancia da organización sindical para revitalizar a solidariedade, a unidade da clase traballadora e construción do feminismo galego e de clase, demostrando a enorme capacidade de acción que temos cando hai sindicato, cando hai CIG.
As loitas, para afrontalas con éxito, e os obxectivos transformadores que defendemos na CIG, exixen unha grande acción colectiva, tendo en conta que non nos limitamos a xestionar a realidade, senón que aspiramos á súa transformación revolucionaria, para o que é imprescindíbel sumarmos e organizarmos máis conciencia nacional e de clase e activala en forma de militancia activa.
Somos a 1ª central sindical e iso obríganos a achegar máis persoas traballadoras á nosa organización; a ter máis atrevemento e decisión na acción sindical, con propostas concretas na negociación colectiva e nas empresas para confrontar as múltiples e variadas caras que hoxe ten a precariedade, a pobreza laboral, a explotación da xente nova que se incorpora ao traballo, para responder ao desemprego, ás desigualdades, á exclusión social, como tamén aos abusos e ao trato inhumano á poboación migrante.
A CIG tamén somos unha ferramenta para a integración laboral, social e cultural no noso país das persoas migrantes para avanzarmos no dereito a vivir e traballar dignamente na nosa Terra.
Nos próximos meses vai ser clave a mobilización e o noso esforzo pola construción de organización social, de poder popular a través das diferentes loitas ante as agresións que estamos a recibir.
Non temos máis camiño que apostar de forma decidida e convencida polo enorme forza e capacidade que ten a loita social, que é o motor de cambio real de políticas.
Estas son as nosas resolucións congresuais; estas son as nosas propostas, feitas con toda a lexitimidade que nos dá ser a 1ª forza sindical en Galiza, por estar nas rúas e nos centros de traballo todos os días, loita a loita, confrontando esta situación e dando alternativas na conquista dun futuro digno como clase traballadora e como pobo galego.
Por todo isto, coa forza que nos dá a razón da xustiza do que defendemos e CONVENCIDOS/AS, como dixo Castelao, que a loita nobre e leal das ideas é o que asegura o progreso.
Ánimo e adiante!!!