Carril no 1ºM: “A loita é o camiño para recuperar dereitos e avanzar cara a unha Galiza con emprego, salarios e pensións dignas”
O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, centrou a súa intervención ao remate da manifestación central da CIG con motivo do 1º de Maio, que tivo lugar en Vigo, na importancia da loita nas empresas e na rúa para lograr a recuperación dos nosos dereitos laborais e sociais e avanzar cara a unha Galiza con emprego, salarios e pensións dignas.
Galerías de imaxes de Vigo, Pontevedra, Ourense, Vilagarcía, A Estrada e Cangas
Milleiros de persoas participaron na ducia de mobilizacións convocadas pola CIG ao mediodía por todo o país (a manifestación de Cangas sae ás 18:30 horas do Concello) para conmemorar o Día Internacional da Clase Obreira, unha xornada que para o sindicalismo nacionalista “é de reivindicación e de solidariedade de clase na loita permanente por conquistar os nosos dereitos fronte á explotación da que somos vítimas por parte do sistema capitalista e por mellorar as nosas condicións de vida”, tal e como se encargou de sinalar o máximo responsábel da CIG no seu discurso ao remate da marcha de Vigo.
Carril lembrou que para a CIG esta loita é inseparábel da loita pola soberanía nacional, “polo dereito a decidir por nós mesmos/as a noso futuro, as nosas condicións laborais e sociais”.
Incidiu en que a mobilización é o camiño para recuperar os nosos dereitos laborais e sociais para avanzar cara a unha Galiza con emprego, salarios e pensións dignas e fixo fincapé na importancia da loita e o conflito “como factor chave para forzar un cambio real e profundo nas políticas executadas coa escusa da crise”. Unha crise que continúa e que agora ameaza cunha nova recesión, e que está a consolidar a precariedade, a pobreza laboral, o empobrecemento xeneralizado, a perda de poder adquisitivo, a extensión dos baixos salarios, o aumento da exclusión social e as discriminacións de xénero”.
Neste punto botou man dos últimos datos da EPA, que veñen confirmar o descenso da ocupación activa “vía emigración e vía avellentamento da poboación”; o aumento da poboación asalariada con contratos temporais e a tempo parcial; o medre do paro de longa duración e do número de fogares sen ingresos; e a falta de futuro para unha mocidade galega expulsada á emigración ou ao paro e que no mellor dos casos ingresa un salario miserábel.
Diante disto, advertiu da situación de emerxencia nacional e social na que se atopa o noso país, “nun momento no que ademais estamos a vivir un desmantelamento industrial como consecuencia das políticas neoliberais, desta economía especulativa esmagadora do tecido produtivo, que se está a provocar peches de empresas, deslocalización, ERTES e despedimentos.
Segundo denunciou, este proceso de desindustrialización é consecuencia directa das políticas impostas polo Goberno do PP, e que o do PSOE mantivo durante os últimos 10 meses, “permitindo esa combinación explosiva que representa o sistema económico marcado pola Unión Europea, descarada expresión da dictadura dos mercados e das grandes empresas e o modelo de relacións laborais nacido das reformas aprobadas en 2010 e 2013”.
Censurou que esta situación se vexa agravada pola inacción do presidente da Xunta, “que actúa con submisión e pasividade aplaudindo as políticas neoliberais que veñen de Madrid e Bruxelas, negándose a exercer as competencias que ten e sen aplicar ningunha medida para crear emprego digno na nosa terra que permita un mínimo desenvolvemento económico, industrial e social de Galiza”.
Galería de imaxes da Coruña, Compostela, Ferrol, Lugo, Cee e San Cibrao
Carril lamentou que sexa máis ben ao contrario e acusou a Xunta de promover privatizacións e recortes nos servizos públicos e de facilitar o expolio dos nosos recursos enerxéticos e naturais a través da Lei de Fomento Empresarial e das súas políticas industriais, fiando a competitividade unicamente a contar con salarios baixos e favorecendo o emprego e a industria doutros territorios do Estado español.
Fronte a todo isto, reiterou o compromiso da CIG coa loita e a mobilización nos centros de traballo e na rúa para esixir a derrogación das reformas laborais, das pensións e da negociación colectiva, “pero tamén a eliminación de leis implantadas polos Gobernos españois do PP e do PSOE que supuxeron un importante retroceso nos dereitos laborais e sociais e tamén nos democráticos, nas liberdades públicas e no respecto á pluralidade política, sindical e social”. Xa que, tal e como indicou, nos últimos tempos foise configurando “unha grave realidade de desigualdade e inxustiza, pero tamén de represión, forte españolización e recentralización a todos os niveis”.
Finalmente, apelou á necesidade de nos rearmar e de actuar “dacordo á nosa mellor tradición de loita, combinando a resistencia coa capacidade de facer propostas, demostrando a nosa disposición a seguir dando resposta, a forzar os cambios necesarios para conquistar as políticas alternativas que permitan que na Galiza teñamos emprego, salarios e pensións dignas.