Paulo Carril, elixido novo secretario xeral da CIG

O Congreso Confederal escolleu tamén a Executiva Confederal e a Comisión de Garantías
Nacional - 28 Mai 2017

» ACCEDE AQUÍ AOS VÍDEOS DO VII CONGRESO 

O VII Congreso Confederal remataba a última hora da mañá deste domingo elixindo á nova Executiva Confederal e a Paulo Carril Vázquez como novo secretario xeral da CIG, en substitución de Xesús Seixo. Concluía así o proceso de renovación de cargos e organismos confederais coa posta a punto do ideario programático e no cal se definiron e aprobaron as liñas que guiarán a acción sindical da CIG no vindeiro período.

Tanto para a Executiva Confederal como para a Secretaría Xeral ou a Comisión de Garantías presentábase unha única candidatura. A da Executiva Confederal foi referendada por 506 congresistas (95%), 22 votaron en branco e 3 emitiron voto nulo. Mentres, Paulo Carril Vázquez resultaba elixido novo secretario xeral, con 511 votos (96%), 17 brancos e 3 nulos.

Composición da nova Executiva Confederal

1.- Paulo Carril Vázquez.
2.- Margarida Corral Sánchez.
3.- Francisco Xabier Cartelle Pérez
4.- Susana Méndez Rodríguez
5.- Fernando Acuña Rúa
6.- Lucía Freire Ces
7.- Miguel Malvido Cabirto
8.- Nicolasa Castro Monteiro
9.- Paulo Paio Rubido Bará
10.- Anxo Noceda Carballo
11.- Renato Núñez da Silva
12.- Francisco González Sío.

Reforzar a organización como mellor defensa da clase obreira

O  novo secretario xeral foi o encargado de clausurar o VII Congreso cunha intervención na que chamou a reforzar o asemblearismo, a participación, a construción da organización, a seguir na contestación social permanente e no compromiso constante "como mellor defensa dos intereses da clase traballadora galega". Un propósito na liña do lema elixido para este proceso congresual: "Coa CIG somos máis fortes". Polo que, destacou, cómpre seguir traballando para que a CIG sexa un instrumento reivindicativo útil e capaz, con competencia para ofrecer alternativas e solucións para a clase obreira.

Comisión de Garantías

A Comisión de Garantías contou con 514 votos a favor, 14 en branco e 2 nulos e estará integrada por:

1.- Birino Marcos Baamonde.
2.- Marta Dacosta Alonso.
3.- María Mar Peteira Cabana.
4.- Nieves Somoza López.
5.- Luís Burgos Díaz.
6.-  Xosé Ramón González Losada.

Por iso, enviou unha mensaxe a toda a militancia: debemos ser colectivamente atrevidos/as á hora de lanzar as nosas alternativas, para termos presenza nos centros de traballo e pórse á fronte das loitas sociais. Este será o camiño para lograr a toma de conciencia da nosa explotación de clase e nacional, "no obxectivo da transformación revolucionaria que o noso proxecto estratéxico defende dunha Galiza ceibe e sen explotación".

Un proxecto en confronto directo coa ofensiva do capitalismo neoliberal, caracterizado pola inxente concentración da riqueza e que pula por consolidar unhas relacións laborais altamente precarizadas e individualizadas. Neste senso, Carril foi moi crítico co papel xogado pola Unión Europa na imposición deste sistema, coa "obediencia cega" do goberno español ás instrucións ditadas pola troika e "co papel servil" da Xunta de Feijoo "incapaz de tomar ningunha iniciativa a favor do desenvolvemento económico e social de Galiza".

Neste contexto, defendeu que a CIG ten que ser o principal activo para enfrontar esta situación, levando aos centros de traballo unha mensaxe que transforme a resignación, o individualismo, a pasividade e os medos, en afiliación, organización, participación sindical e acción colectiva organizada".

Acumular forzas de cara a unha folga xeral

Lembrou que a central nacionalista leva meses defendendo que é o momento de acumular forzas e mobilizármonos para chegar á convocatoria dunha folga xeral que obrigue ao PP a retroceder nas súas posicións antiobreiras e antisociais. "Unha folga xeral para demostrar a nosa disposición á resistencia, á loita pola recuperación dos nosos dereitos e como a mellor defensa ante unha inminente e regresiva reforma das pensións", aseverou.

Porén, censurou o "papel submiso" das centrais UGT e CCOO co goberno español e a patronal, que nestes momentos "cociñan un novo pacto social e un novo Acordo Estatal de Negociación Colectiva", e colaborando deste xeito coa perda de dereitos, a aplicación da reforma laboral e das novas formas de empobrecemento da clase traballadora.

Tamén tivo palabras criticas o novo secretario xeral da CIG coas forzas da oposición e da esquerda no Parlamento español, incapaces até agora de aproveitar a perda da maioría absoluta do PP para promover proxectos de lei encamiñados a derrogar as contrarreformas laborais e as políticas austericidas.

Carril salientou a urxencia de "rescatar" os nosos sectores produtivos básicos para crear emprego digno e a "urxente necesidade" de pór o desenvolvemento da economía ao servizo da maioría social. Obxectivos para os que "precisamos ter capacidade de decidir. Non queremos que sigan decidindo máis por nós nin os de fóra, nin os banqueiros, nin os especuladores".

"Dende a CIG chamamos, aínda nestes tempos duros, a participar nunha contestación social permanente e dun compromiso constante para avanzar na conquista dun sistema económico ao servizo da clase traballadora, sen explotación e na que o pobo galego, a nación galega, poida existir en pé de igualdade con todos os pobos e nacións do mundo", concluíu.

Delegacións convidadas

Ademais das/os congresistas, na clausura do VII Congreso participaron numerosas delegacións convidadas de organizacións políticas, sociais e culturais de Galiza e de organizacións sindicais internacionais.

Relevo xeracional e agradecementos

Paulo Carril comezou a súa intervención subliñando que estamos ante un congreso histórico porque as compañeiras e compañeiros que ergueron a central sindical nacionalista dan o relevo a unha nova xeración que será, en diante, a encargada de dirixila. Compañeiros como o xa ex secretario xeral, Xesús Seixo, máis tamén Francisco Miranda Vigo, Antolín Alcántara e Ramiro Oubiña (que até agora ocupaban as secretarías confederais de Comunicación e Propaganda, Negociación Colectiva e Saúde Laboral, e Finanzas, respectivamente), a tristemente finada Elvira Patiño ou o Manuel Currás Meira; que, cun enorme sacrificio persoal, coherencia e un compromiso inquebrantábel co noso país e coa clase traballadora galega, foron quen de erguer o sindicalismo nacionalista até convertelo no que hoxe é a CIG.

Un agradecemento que foi acompañado dunha ovación pechada por parte dos e dos congresistas, e seguida dunha emocionada intervención de Seixo que fixo subir ao escenario e outros compañeiros de xeración que, coa súa loita inquebrantábel, axudaron a construír e consolidar a CIG. As palabras de Seixo foron contestadas por un prolongado aplauso e a posta en pé de todos e todas as presentes no Pazo de Congresos.

Xunto a eles, Carril agradeceu tamén o traballado desenvolvido por Anxo Pérez Carballo, até agora secretario confederal de Medio Ambiente, que non repite na nova Executiva, así como a Anxo García Torres.