Paulo Carril defende a mobilización social, a soberanía e a democracia no XIV Congresso da CGTP-IN
A CGTP-IN celebrou en Lisboa, entre os días 14 e 15 de febreiro, o seu XIV Congreso, no que o até o de agora secretario xeral, Armenio Carlos, foi substituído por Isabel Camarinha, presidenta do Sindicato do Comércio e Serviços de Portugal. Ao Congreso asistiron 96 delegacións sindicais internacionais, entre elas a CIG, que estivo representada polo secretario xeral, Paulo Carril, Francisco González Sío, secretario confederal de Negociación Colectiva, e Xosé Lois Rivera, responsábel de Internacional.
Carril, interveu na Conferencia Sindical Internacional, que tivo lugar na xornada previa, onde afirmou que “a loita de clases non é cousa do pasado” e que, lonxe disto, “tense incrementado enormemente nas últimas décadas pola intensidade nas políticas neoliberais, pola globalización e polo imperialismo de sempre”.
Neste sentido, asegurou que “xa sexa baixo as vellas ou as novas formas de presentación da explotación, da precariedade, en calquera caso estamos ante explotación de clase”; apelou á responsabilidade do sindicalismo de “recuperar a centralidade do traballo na sociedade, fronte a desmobilización que o capital está causando” e chamou a abrir o debate e actualizar as alternativas “para superar o capitalismo e crear modelos sociais alternativos camiño, do noso punto de vista, do socialismo”.
Paradoxo do capitalismo
O secretario xeral da CIG fixo unha análise do actual estadio do capitalismo mundial que, ao seu entender “está no paradoxo de que tendo todo o seu dispor, como nunca antes tivo, todos os instrumentos para acumular máis taxa de ganancia, o seu crecemento é menor, a economía mundial medra menos”, coas conseguintes negativas consecuencias; a busca dun incremento do beneficio “na destrución masiva do traballo, na sobreexplotación da clase traballadora e no espolio das nacións e dos pobos”.
Transición ecolóxica
Carril analizou tamén a chamada transición ecolóxica ou descarbonización da economía na que advertiu que “o capitalismo se presenta cun verniz ecoloxista, cunha mudanza aparente nas formas pero para manter un sistema depredador, espoliador das materias primas, dos recursos naturais e que provoca catástrofes ecolóxicas, guerra inxustas, exterminio de pobos e movementos masivos de poboación”.
Por iso subliñou a importancia que para a CIG ten “defender unha visión de clase” para confrontar unha transición ecolóxica que “debe de ser xusta no social e no territorial, mais tamén defender a idea de soberanía dos pobos e das nacións a decidir sobre os seus recursos e a decidir sobre o seu modelo económico e social”.
A Unión Europea “ao servizo do gran capital”
No decurso da súa intervención denunciou que a Unión Europea “é unha estrutura xurídico-política ao servizo do gran capital”; asegurou que “non é social” e a considerou “contraria e negadora dos intereses populares e das nacións sen estado” ademais de “impulsora de políticas neoliberais de recortes de dereitos laborais e sociais e gobernada por institucións financeiras que non teñen ningún tipo de lexitimación popular”.
Ao seu entender exemplo do carácter antidemocrático da UE foi o proceso do Brexit porque “fixo o posíbel para que non se levara adiante” e sinalou que “alén dos apoios que proceden da dereita británica e do populismo, foron as clases populares quen conformaron unha maioría social contraria a seguir unha Unión Europea”.
A este respecto matizou que as coincidencias do voto “non determinan a identificación de intereses, porque o que determinou o resultado do Brexit, como das eleccións, foi a necesidade que tiña a maioría social de pór fin a unha situación de desigualdade e de pobreza, o deterioro das condicións de vida e de traballo, o deterioro dos servizos públicos e os danos causados polas políticas da UE”.
De aí que apelara a non permitir que a saída do Reino Unido da UE “se empregue para mesturar a quen defendemos o dereito a construír unha Europa diferente e dos pobos, coas posicións máis reaccionarias que avanzan no conxunto do continente”, aínda sabendo que “pretenden reforzar a nivel mundial a anglosfera e seguirán a condicionar as políticas económicas amparadas pola OMC”.
Para o secretario xeral da CIG é claro que “o caldo de cultivo do fascismo é a inxustiza social das políticas que se practican na UE, tanto pola dereita, como pola socialdemocracia”. De aí que considerara que “a esquerda política debe buscar xa o seu papel e buscar os mecanismos para recuperar o seu lugar”.
Dereito de autodeterminación e emancipación social
Con rotundidade afirmou que “o dereito de autodeterminación e o pleno exercicio da soberanía, polos pobos e as nacións, é inseparable á emancipación social” e que “non hai homes e mulleres libres e emancipados socialmente en nacións asoballadas incapaces de decidir sobre o seu futuro”.
Puxo o Estado español de exemplo de “como o combate, a represión e as reivindicacións das nacións sen Estado que existimos dentro do Estado español é consubstancial para manter un sistema que consagrado nunha constitución do 78 en crise que fai posible que as elites económicas españolas intensifiquen a concentración da riqueza en base á nosa dependencia nacional”.
Sindicalismo, un instrumento útil
Paulo Carril rematou o seu discurso apuntando que “o sindicalismo debe ser un instrumento útil, un instrumento e unha ferramenta capaz de estar á altura e pór en práctica, máis que nunca, a unidade de clase e a solidariedade de clase; a capacidade de levar á práctica o conflito laboral á mobilización social e á negociación colectiva”.
Advertiu que o diálogo social “é unha lacra que lexitima o neoliberalismo, desmobiliza á clase traballadora e é unha renuncia á loita de clases”, ademais de “trasladar a perversa idea de que a conciliación de clase, de que a convivencia pacífica entre o capital e o traballo é unha realidade”. Por iso lembrou que “os avances da historia, dos pobos, das clases traballadoras e das clases populares, a conquista de sociedades libres, democráticas e xustas pasa por confrontar, por debilitar, por derrotar, o poder establecido, e para iso a mobilización social a organización, a construción de poder popular, loita a loita, é para nós a vía para conseguir esas políticas alternativas, na que haxa modelos ao servizo da clase traballadora e dos pobos como auténtica garantía de paz e de benestar”.