Paulo Carril: "A ministra non é benvida en Galiza mentres non haxa solución para a nosa industria"
A CIG concentrouse esta tarde diante da fábrica de Ferroatlántica en Arteixo, no marco das mobilizacións que a central sindical está a desenvolver para esixir solucións á crise das industrias electrointensivas, e nomeadamente a creación dunha tarifa eléctrica máis xusta, predicíbel e competitiva que garanta a continuidade dos postos de traballo e da actividade produtiva. Ás portas da factoría de Sabón, con dous fornos parados e un ERE temporal en marcha, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril reiteraba que o proxecto de estatuto elaborado do Goberno español non só resulta "insuficiente" para atallar a grave crise da industria electrointensiva, cunha especial afectación en Galiza, senón que mesmo dificulta unha solución efectiva para o sector.
"Non pode ser que no país da enerxía nos queiran apagar a luz, non poden seguir espoliando e roubando os nosos recursos para que se industrialicen outros territorios do Estado, mentres en Galiza pechan fábricas e nos vemos condenados e condenadas á emigración, como se dunha maldición histórica se tratara, por non termos emprego digno", asevera.
Por iso, diante da visita o vindeiro luns, 1 de abril, da ministra de Industria, Reyes Maroto, a Santiago de Compostela, o secretario xeral avanzou que a CIG se vai concentrar dende ás 08:30 horas diante do Hostal dos Reis Católicos "para demostrarlle que non é benvida en Galiza mentres a nosa industria está nunha situación dramática e mentres non teñamos unha solución que garanta o emprego no conxunto da industria electrointensiva".
Carril chamou os traballadores e traballadoras do sector a secundar esta protesta para rexeitar que, "unha vez máis, a ministra veña paseara polo noso país, cando a nosa industria agoniza, cando corre o calendario de maneira fatal para Alcoa e cando se aveciñan novas ameazas para o persoal de Ferroatlántica, porque se pretende de novo poñer a venda as centrais hidroeléctricas e tirar por terra a loita que nos anos 2016 e 2017 realizaron os traballadores e traballadoras para evitar esta manobra que levaría ao peche definitivo das fábricas de Cee e Dumbría".
Neste senso, o secretario xeral lembrou que a CIG ten unha proposta feita dende o pasado mes de outubro, que xa remitiu até en catro ocasións ao Goberno español, que trasladou á Xunta, aos grupos parlamentares, á patronal do sector, que levou ao comisario europeo de Enerxía e que mesmo recibiu o apoio dos plenos dos concellos de Arteixo e da Coruña a través dunha moción. E malia todo iso, malia ter a condición de sindicato máis representativo e ser a primeira forza sindical en Galiza, "a CIG nin sequera aparece entre as centrais que fixeron achegas ao proxecto de estatuto de consumidores electrointensivos".
Mobilización o 26 de abril en Alcoa San Cibrao
"A CIG leva meses mobilizándose para esixir solucións e seguiremos coa loita até conseguir que o Goberno español aprobe unha regulación xusta e que permita garantir os postos de traballo", advertiu. Carril insistiu no feito dramático de que en Galiza periguen empregos, se reduza actividade produtiva e se fale de peches de fábricas a causa do elevado prezo da electricidade.
"Tendo Galiza espoliados os seus recursos naturais, sendo gran produtora e exportando o 40% da enerxía que xeramos, resulta inconcibíbel que nos poidamos atopar nunha situación de peche definitivo da fábrica de Alcoa na Coruña, co desmantelamento progresivo das fábricas de Ferroatlántica ou coa posta en cuestión da continuidade da fábrica de Alcoa en San Cibrao".
Precisamente, será nas instalacións de Alcoa da Mariña onde a CIG dea continuidade ás mobilizacións o vindeiro 26 de abril, cunha concentración ás 13:30 horas, ás portas da fábrica de alumino.