A patronal prolonga deliberadamente o conflito no metal e os sindicatos exíxenlle que abandone a actitude de bloqueo

O empresariado apenas modificou as súas propostas iniciais e, malia a convocatoria de novas xornadas de folga, negouse a continuar negociando e a intensificar os contactos para procurar un acordo
A Coruña - 12 Xun 2026

A reunión celebrada no día de hoxe volveu confirmar que a patronal do metal da provincia da Coruña continúa instalada na irresponsabilidade, o inmobilismo e o desprezo cara ás reivindicacións dos traballadores e traballadoras. Lonxe de tomar nota da contundente resposta dada polo persoal nas seis xornadas de folga desenvolvidas até o momento, a representación empresarial segue empeñada en manter bloqueada a negociación do convenio colectivo e en provocar deliberadamente a prolongación deste conflito.

Na primeira parte da reunión, a patronal limitouse a repetir practicamente as mesmas propostas formuladas nas anteriores xuntanzas, introducindo modificacións meramente superficiais. Fica claro que estes movementos, aínda que cativos, foron resultado da forza demostrada polo persoal e da presión exercida durante a seis xornadas de folga que obrigaron a patronal a convocar a reunión deste venres.

Porén, a patronal continuou defendendo un convenio de cinco anos e apenas incrementou medio punto as táboas salariais de 2026 e outro medio punto para o ano 2030. Unha proposta claramente insuficiente e totalmente afastada da realidade económica, que suporía un incremento acumulado do 9% ao remate da vixencia do convenio, cando só para este ano as previsións máis moderadas sitúan a inflación arredor do 3%.

Tras un receso, a parte sindical trasladou con total claridade que estes movementos eran absolutamente insuficientes e reclamou unha proposta seria que permitise desbloquear dunha vez por todas a negociación. Porén, a patronal respondeu asegurando que esa era a mellor oferta que podían formular.

Máis grave aínda, os representantes empresariais chegaron a afirmar que as empresas se atopan "moi tranquilas" e presentaron unha suposta proposta definitiva que cualificaron como o seu "último esforzo". “A realidade é que esa pretendida oferta final apenas variou respecto da anterior: limitouse a reducir a duración do convenio de cinco a catro anos e a introducir cuestións de escasa relevancia. Unha mostra evidente da soberbia coa que a patronal está afrontando este proceso e da súa absoluta falta de vontade para alcanzar un acordo”, denuncia as tres centrais.

Responsabilidade e vontade negociadora da plataforma sindical unitaria

Cómpre salientar que, tras un intenso proceso de diálogo e procura de consensos, CIG, UGT e CCOO realizaron un importante exercicio de responsabilidade e de vontade negociadora, conformando unha proposta sindical unitaria que incorpora avances nas propostas e mesmo acepta determinadas formulacións da patronal, rebaixando algunhas das reivindicacións iniciais co único obxectivo de facilitar un acordo de convenio.

Lonxe de corresponder a esta actitude construtiva, a patronal limitouse hoxe a solicitar máis tempo para estudar a proposta sindical. Ante esta situación, a representación dos traballadores e traballadoras propuxo continuar negociando esta mesma tarde, despois do xantar, e ofreceu incluso a posibilidade de manter reunións durante a fin de semana se existía unha verdadeira vontade de poñer fin ao conflito.

Porén, a resposta da patronal foi unha negativa rotunda. Rexeitou continuar as conversas e decidiu aprazar a súa resposta ata o vindeiro luns, ás 09:00 horas, con hora límite ás 16:00 horas.

Para CIG, UGT e CCOO, esta decisión constitúe unha nova mostra de irresponsabilidade e evidencia que a patronal segue sen comprender a magnitude do malestar existente no sector e continúa menosprezando a forza demostrada polos traballadores e traballadoras nas mobilizacións.

“A representación sindical acudirá á reunión do luns coa mesma vontade de acordo e coa mesma responsabilidade que vén demostrando desde o inicio das negociacións. Mais tamén quere deixar claro que xa non hai marxe para máis dilacións nin para máis manobras destinadas a gañar tempo. É a patronal quen ten a obriga de mover posicións e presentar propostas que permitan avanzar cara a un convenio digno e xusto para o conxunto do sector. E agardamos que a patronal acuda á reunión do luns con ese ánimo”, aseveran.

Advirten que se a representación empresarial “continúa instalada na soberbia, no inmobilismo e no desprezo cara ao clamor expresado polo persoal nas rúas e nos centros de traballo, será a única responsable do endurecemento e da prolongación deste conflito”.

Neste sentido, cómpre lembrar que xa está aprobado un novo calendario de folgas para os días 16, 17 e 30 de xuño e 2 de xullo. “A patronal aínda está a tempo de rectificar, pero se decide seguir ignorando a mensaxe enviada polos traballadores e traballadoras deberá asumir todas as consecuencias da súa irresponsabilidade”.

Porque o persoal do metal xa deixou claro “que non está disposto a aceptar un convenio que non recolla auténticos avances nin a renunciar aos seus dereitos. E tamén deixou claro que manterá a mobilización e a loita ata conquistar un convenio digno e xusto para o conxunto do sector”.