7.000 pesoas maniféstanse en Cee contra a venda das centrais hidroeléctricas e a segregación de actividades
A pesares dos abusivos servizos mínimos impostos pola dirección, a xornada de folga nas fábricas de Ferroatlántica Cee e Dumbría, as centrais hidroeléctricas e as empresas auxiliares (ás que se estendía o paro) rexistrou un amplísimo seguimento entre o cadro de persoal. Canda os traballadores/as, unhas 7.000 persoas participaron na manifestación que percorreu as rúas de Cee para amosar o rexeitamento unánime da comarca á operación especulativa e ilegal que o Grupo Villar Mir pretende levar adiante.
(Imaxes cedidas por Xurxo M.R. Baña)
A marcha saía por volta das 19:30 horas da fábrica de Brens e foi até a Praza do Concello de Cee, onde o xornalista Fran Hermida deu lectura ao manifesto do persoal. Agradeceu, en nome dos/as traballadores/as, o apoio cidadán á mobilización e a solidariedade trasladada polos comités de importantes empresas da comarca como Stolt Sea Farm, Carrefour, Caolines de Vimianzo ou o Concello de Cee.
“Se as nosas centrais dos ríos Xallas e Grande serviron, sen necesidade de vendelas, para financiar proxectos fóra da comarca e fóra do país, teñen tamén que servir agora para financiar un proxecto industrial para modernizar as nosas fábricas e crear novos empregos. É unha débeda histórica froito da explotación e espoliación dos nosos recursos naturais”, afirmouse na manifestación.
Con estas verbas, traballadores/as e veciños/as rexeitaban as pretensións do Grupo Villar Mir, que en 1992 adquiriu as fábricas e centrais hidroeléctricas da Costa da Morte mediante un “leasing” a 10 anos. No ano 2003 subscribiu un novo acordo con Caixa Galicia para construír o cuarto rañaceos da Castellana en Madrid (chamada “Torre Espacio”), e en 2013 asinou outro máis para comprar a urbanización de luxo “Canalenejas”, tamén en Madrid. “Sumando entre os tres uns 450 millóns de euros. E isto sen contar os millóns obtidos pola posterior venda de Torre Espacio, nin os beneficios declarados pola venda da enerxía, nin os conseguidos pola venda de ferroaliaxes procedentes de Cee e Dumbría”.
Apoio da CIG da Coruña
A Unión Comarcal da CIG da Coruña acordou conmemorar o Día da Clase Obreira Galega sumándose e participando na manifestación do persoal de Ferroatlántica. Así, alén da presenza do sindicato nos piquetes informativos, a central puxo autobuses para facilitar o traslado das persoas que quixeron solidarizarse con esta loita.
Por iso, para o persoal non deixa de sorprender que Ferroatlántica ligue agora o tan cacarexado “Plan Industrial” á venda das centrais, “cando a explotación dos recursos hidráulicos lle reporta de xeito anual máis de 35 millóns de euros. Cifra máis que suficiente para cubrir a posta en marcha da planta de carbón vexetal e as actuacións nas fábricas de Cee e Dumbría, mesmo incluíndo o famoso forno 23”.
Critican que o mencionado plan nunca foi presentado ante o Comité de empresa ou as administracións locais e autonómica e que “non é máis que un baile de cifras de supostas inversións” difundidas en distintos medios de comunicación. Polo que non consideran críbel ningún destes compromisos. “Só se anuncia propaganda e fume co que a empresa intenta confundir a opinión pública e xogar coa necesidade de emprego dunha comarca deprimida e esquecida historicamente e que ten como único tecido industrial as fábricas de ferroaliaxes”, censurouse.
Os traballadores e traballadoras advertiron unha vez máis que ese plan, na práctica, representa a perda de emprego, o desmantelamento e o peche progresivo das fábricas de Cee e Dumbría.
Salvagardar o interese público
No manifesto, apelouse á responsabilidade da Xunta de Galiza como titular das concesións dos aproveitamentos hidroeléctricos, apuntando que salvagardar o interese público non consiste en modificalo, “senón facer en cumprir o que vén determinado na propia concesión; único garante do emprego a través da vinculación das actividades e da non segregación”.
Paro total entre o persoal
A xornada de folga, que comezou ás 06:00 horas deste venres 10 de Marzo e remata ás 06:00 horas do sábado, rexistra un seguimento de practicamente o 100% do persoal en cada unha das tres quendas, incluso entre os traballadores/as das empresas auxiliares (ás que tamén se estendeu a convocatoria do paro).
“A Xunta de Galiza ten que velar e obrigar a empresa a que reinvista en proxectos que supoñan máis creación de emprego e fortalecemento do tecido produtivo da comarca e do país e iso pasa polas potencialidades e rendibilidade económica que as concesións teñen”. Unhas concesións que, por certo, se prolongan até o ano 2069.
Na tesitura actual, pregúntanse “que tería sido da comarca se hai 25 anos, Villar Mir conseguira a segregación? A que nos acolleríamos durante estes anos se a Xunta de Galiza autorizara a segregación e o grupo empresarial tivese gañado os xuízos para conseguir a separación das centrais?”.
Terceiro intento de segregar actividades
Lembraron que este é o terceiro intento de Villar Mir de segregar as actividades. “Levan anos traballando en distintas artimañas, dende a separación de liñas (non necesarias) para cumprir cos cambios no marco regulador do sector eléctrico, ou argumentar que o interese público mude en función da inversión ou o mantemento do emprego”.
Porén, todas estas manobras “levan o mesmo camiño de situarse na ilegalidade”; situación da que o grupo empresarial é consciente.
De aí, engade a representación social, que recorran a campañas “de acoso, chantaxe e extorsión” tanto ás entidades entre as que reparten algún tipo de axuda -no que chaman responsabilidade social corporativa- como no resto dos centros de traballo “aos que ameaza mesmo con EREs ou despedimentos se non asinan eses proxectos industriais inexistentes cos que pretenden lexitimar ante a administración unha operación de venda especulativa”.
Fronte a estas pretensións, os traballadores e traballadoras urxen a administración galega a actuar xa e deixar claro e sen ambigüidades que revolverá negativamente calquera solicitude de autorización que presente a empresa. “Non actuar así faría que a Xunta, ademais de cómplice con Villar Mir, incorrese no delito de prevaricación”. De darse esta situación, avisan: "iremos até as últimas consecuencias".
E nesta liña, chaman a comarca a loitar coa mesma resistencia e dignidade que cando na primeira metade da década dos 90 a mobilización social logrou frear as tentativas de segregación. “Unha loita polas persoas que morreron por enfermidades profesionais na construción das canles e dos lugares que desapareceron baixo as augas dos encoros; nunca foi compensada tanta inxustiza”.
Folga tamén nas fábricas francesas
O persoal quixo agradecer especialmente a solidariedade amosada polos compañeiros e compañeiras das fábricas que o grupo ten en Francia (da división FerroPem), que hoxe tamén estaban chamados/as á folga. Nun comunicado remitido ao Comité de Ferroatlántica, a CGT francesa reclámalle a empresa, entre outras cuestións, "o abandono do proxecto de venda das centrais hidroeléctricas". Cómpre lembrar que, ademais dos aproveitamentos da Costa da Morte, o plan do Grupo Villar Mir inclúe outros saltos que explota no estado español e en Francia.