Paros e protestas contra os incumprimentos laborais e a represión sindical en Hermanos López de Mos
A práctica totalidade do cadro de persoal Hermanos López secundou hoxe o paro de tres horas convocado pola CIG para rexeitar os incumprimentos e a represión laboral e sindical na empresa mosense dedicada á colocación e o mantemento de instalacións eléctricas.
Un grupo de traballadores/as aproveitou para desenvolver unha concentración diante das instalacións da compañía no polígono da Veigadaña de 8:00 a 11:00 horas. Dende a Unión Local da CIG do Porriño denuncian que a dirección de Hermanos López leva meses a incumprir tanto o convenio colectivo en materia de xornada como o acordo pactado entre as partes para flexibilizar a xornada, “xa que presiona os empregados/as máis vulnerábeis para que fagan horas”.
Neste contexto, a empresa está a levar a cabo unha política interna de represión laboral e sindical para desfacerse daquelas persoas que non acatan as súas imposicións e de paso desfacer o núcleo de traballadores/as vinculados/as á CIG. Con este obxectivo hai meses despediu a un empregado, que optou por non denunciar, e máis recentemente rescindiulle o contrato a outro que levaba máis de oito anos na compañía.
En resposta, a CIG decidiu convocar tres xornadas de paros de tres horas que comezaron esta mañá e que continuarán os vindeiros martes 15 e 22 de febreiro de 8:00 a 11:00 horas. Coincidindo cos paros celebraranse, ao igual que no día de hoxe, concentracións ás portas da empresa. Segundo destacan dende a CIG-Porriño, o seguimento do paro foi practicamente total entre un cadro de persoal integrado por unhas 30 persoas.
Con estas medidas de presión a central sindical quere denuncia a actitude represiva da empresa e reclamar a inmediata reincorporación do traballador despedido, para o que xa presentou demanda no xulgado solicitando a nulidade da decisión de rescindirlle o contrato.