Paros e concentracións en Teleperformance contra a precariedade e os despedimentos
Traballadoras e traballadores de Teleperformance volveron hoxe mobilizarse para rexeitar os despedimentos e a precariedade laboral e salarial que sofren, así como a falta de resposta por parte da dirección. O persoal desenvolveu dúas concentracións ás portas da empresa (situada no polígono da Agrela), coincidindo cos paros laborais de unha hora convocados na quenda de mañá e na quenda da tarde.
Dende a sección sindical da CIG en Teleperformance, que leva anos mobilizándose en solitario contra a precariedade e os despedimentos nesta empresa, denuncian que a dirección mantén unha actitude totalmente antidialogante e, a pesar das reiteradas solicitudes para resolver os problemas que se rexistran en varias compañas, a única solución que ofrecen é sancionar o persoal por non cumprir obxectivos imposíbeis, ameazar con novos despedimentos, recortar incentivos e incrementar as presións, "pretendendo que sexan as traballadoras e os traballadores quen paguen os erros de xestión, organización e previsión da dirección".
Empeoramento das condicións laborais
O secretario da sección sindical, Tino Fernández, volveu denunciar que a situación dos traballadores e das traballadoras é cada vez peor, con baixos salarios, modificacións arbitrarias das condicións laborais, abuso das contratacións a tempo parcial, despedimentos inxustificados, presións constantes, imposición de plans de incentivos inalcanzábeis, problemas reiterados no cálculo das nóminas, falta de formación, denegación de reducións de xornada con concreción horaria, etc. Todo isto unido a uns ritmos de traballo "insufríbeis e excesivos, que provocan que ao final acabemos enfermando".
Fernández lembrou que no último ano houbo máis de 100 despedimentos na plataforma da Coruña e, tan só no mes de decembro, a empresa botou á rúa a máis de 50 persoas. Este persoal formaba parte dunha nova campaña de Orange para a que Teleperformance calculou mal o persoal que precisaba e logo de ter a 80 persoas realizando unha formación non remunerada durante cinco semanas, "ao pouco de seren contratadas, a dirección comunicoulles o seu cese alegando que non superaran o período de proba".
Xornadas de 25 horas ou menos
Pero ademais, as últimas contratacións realizadas en Teleperformance foron todas de xornadas de 25 horas ou menos, incrementando así a precariedade laboral, e mesmo a empresa retirou sen avisar as ampliacións de xornada que estaba a facer nalgunhas campañas. Xunto a isto, a empresa aplicou modificacións dos plans de incentivos, endurecéndoos de tal maneira que case ninguén pode cobralos, e presiona as traballadoras e traballadores para que non collan os permisos retribuídos que teñen recoñecidos no convenio colectivo e para que recuperen as horas.
Diante desta situación e ante a ameaza da novos despedimentos, a pesar de que a empresa ten un novo contrato para realizar un servizo que até agora realizaba a plataforma que DxC Technology ten na Coruña, o comité acordou convocar esta xornada de paros e concentracións.