Paro total tamén no cuarto día de folga na recollida do lixo de Carballo
A cuarta xornada de folga na UTE Carballo (Urbaser SA e Servicios Gallegos de Lacería SL) está a rexistrar tamén un paro total xa que só entrou traballar o persoal afectado polos servizos mínimos. Despois desta primeira xeira de folgas, o persoal reunirase en asemblea ao longo deste martes para valorar o resultado e decidir que accións desenvolver nas próximas semanas.
Aínda que os efectos da folga son evidentes, coa acumulación de lixo sen recoller nas rúas, e malia coincidir coas festas patronais, o Concello de Carballo non mantivo ningún tipo de contacto co persoal para tentar mediar e buscar unha solución ao conflito. E neste sentido, hai que subliñar que a empresa mantén as negociacións bloqueadas, sen data de reunión da mesa e sen trasladar ningunha proposta nova que permita avanzar nun acordo de convenio colectivo.
A CIG lembra que os traballadores e traballadoras do servizo de recollida do lixo, a canceira e o punto limpo (os tres servizos que xestiona UTE Carballo) estanse mobilizando en demanda dunhas condicións salariais e sociais dignas, pois na actualidade están cobrando o salario mínimo interprofesional, pero a empresa limitouse a presentar unhas táboas nas que os soldos no ano 2024 quedarían pouco máis de 20 euros mensuais por enriba do SMI.
Diante disto, o éxito das folgas demostra a disposición do persoal a seguir loitando por un convenio digno e uns salarios xustos.