Paro total na recollida do lixo de Vigo ao inicio da folga indefinida por un convenio digno

O cadro de persoal de FCC mobilizouse hoxe diante do Concello, mentres que para este martes ten convocada unha manifestación ás 11:30 horas
- 25 Mai 2026

O 100% do persoal de FCC, concesionaria do servizo de recollida do lixo e limpeza viaria do Concello de Vigo, está a secundar a folga indefinida que comezou este domingo para reclamar un convenio colectivo digno. Varios centos de persoas traballadoras mobilizáronse hoxe diante do consistorio, mentres que para este martes teñen convocada unha manifestación dende a sede da empresa ás 11:30 horas.

 

A protesta de hoxe desenvolveuse na Praza do Rei de 11:00 a 12:00 horas ao berro de “Convenio digno, o lixo en loita”, “Si, si, si, os do lixo están aquí” e “Alcalde, escoita, o lixo está en loita” e coincidiu coa segunda xornada da folga indefinida que se iniciou ás 6:00 horas do domingo tras fracasar a terceira xuntanza entre FCC e o comité de empresa para intentar desbloquear o conflito laboral aberto no marco da negociación do convenio ao insistir a compañía na pretensión de recortar a xubilación parcial e ofrecer unha suba salarial insuficiente.

As posturas seguen moi distanciadas porque a proposta da compañía non consolida a xubilación parcial, “xa que esta sería sen dispensa, polo que de facto iríamos até os 63 anos e medio e non aos 63 co 100% da prestación como na actualidade, que é un dereito que temos consolidado dende hai 20 anos”. Ademais, a concesionaria pretenden unha suba de soldos que está moi lonxe do IPC, como reclama a parte social: 0% para este ano, 1, 5% para 2027 e 2028 e 2% en 2029, e sen revisión salarial, o que suporía que as nóminas se incrementarían moi por debaixo do que o fai o custe da vida.

En consecuencia a parte social optou por facer efectiva a convocatoria de folga, que esta a ser secundada pola totalidade do persoal, xa que nicamente traballan os servizos mínimos en hospitais, residencias e mercados (oito persoas na quenda de mañá, tres na de tarde e oito na de noite, xunto cun mecánico por quenda). A pesar da contundente resposta das persoas traballadoras a empresa aínda non se puxo en contacto coa representación sindical para retomar as conversas.

Polo que para este noite está prevista unha asemblea na nave da empresa na estrada de Camposancos ás 22:00 horas, mentres que este martes día 24 hai convocada unha manifestación ás 11:30 horas dende as oficinas da empresa, na rúa Tarragona, até o Concello.