Paro total na primeira xornada de folga no local de Pizzerías Cambalache no Marineda
A primeira xornada de folga dos traballadores e traballadoras do estabelecemento que Pizzerías Cambalache ten no CC Marineda rexistrou un paro total. Para dar máis visibilidade á súa loita e informar dos motivos da convocatoria, o persoal concentrouse o sábado pasado na entrada do local cunha faixa na que se podía ler "Basta de abusos na hostelaría. Non ao desmantelamento de Cambalache".
O persoal en folga tamén estivo repartindo propaganda coincidindo co horario de apertura previsto do centro de traballo e, explica o presidente do comité, Iago Barros, aproveitaron para facer unha asemblea de traballadores/as no exterior do centro comercial.
A CIG-Servizos valora moi positivamente o papel protagonista que nun sector "tremendamente desindicado está a ter o persoal desta empresa, asumindo un exemplo que de certo está a provocar moitas adhesións e simpatías entre o persoal da hostalería coruñesa".
Os traballadores e traballadoras apuntan que durante a semana que precedeu a folga, a empresa acelerou as negociacións, mais as ofertas trasladadas "seguen a ser insuficientes".
Demandan que a sobrecarga de traballo que están a asumir, a causa do desmantelamento da empresa practicado polo xerente Carlos Pérez Sampedro, sexa compensado economicamente a curto prazo, e resolto cun reforzo do persoal, mellores contratos e máis formación no medio e longo prazo.
Así as cousas, e de non producírense avances significativos, a folga e as concentracións repetirase todos os sábados do mes de decembro.