Paro total na fábrica de FerroGlobe de Arteixo e na mina de Serrabal en demanda dun convenio xusto
Os traballadores e das traballadoras da fábrica de FerroGlobe (antiga Ferroatlántica) de Arteixo e de Ramsa están secundando este mércores unha xornada de folga en resposta ao bloqueo da negociación colectiva. O paro rexistra un seguimento do 100%, xa que só entrou o persoal designado como servizos mínimos, polo que a produción tanto na fábrica de Sabón como nas minas está totalmente paralizada.
No caso da fábrica de Arteixo (onde o paro se desenvolve das 06h deste mércores ás 06h do xoves), a CIG critica os abusivos servizos mínimos impostos pola empresa para a quenda desta noite, xa que pretende adiantar a posta en marcha dos fornos e así ter as instalacións a plena produción cando entre o persoal da mañá.
Na mina de cuarzo de Serrabal (no Concello de Vedra) a folga esténdese das 07h ás 22h (ás dúas quendas de traballo) e aínda que se achegaron varios camións para cargar material, estes tiveron que dar a volta debido ao seguimento total da folga.
A empresa teima na conxelación salarial
A folga enmárcase no calendario de mobilizacións iniciado o mes de maio polo persoal ante a falta de avances na negociación colectiva e a negativa da empresa a asumir un incremento dos salarios vinculado, cando menos, ao IPC. Ao contrario, denuncian que despois de numerosas reunións, FerroGlobe teima no conxelación dos salarios para 2023 e nunhas propostas irrisorias que non garanten o mantemento do poder adquisitivo.
Critican esta postura inmobilista nun momento no que a compañía ten "uns excelentes resultados económicos" e cando a alta dirección repartiu "bonus estratosféricos".
A próxima semana está convocada unha nova reunión coa empresa e o comité non descarta continuar coas medidas de protesta se non se producen avances significativos e FerroGlobe insiste nas súas proposta de miseria.