Paro total en Maderas Iglesias para rexeitar o noveno ERE en nove anos
A totalidade do cadro de persoal de Maderas Iglesias, empresa dedicada á fabricación de tarima flotante con sede no Porriño, secundou o paro de dúas hora convocado polo comité de empresa para rexeitar o noveno ERE en nove anos, que vén de anunciar a dirección. Este xoves 31 desenvolverán unha manifestación en Vigo, dende a casa do propietario até a Xunta, xusto un día antes de que a representación dos traballadores/as manteña unha reunión no Igape para abordar o futuro da compañía, que atravesa unha situación económica crítica.
Coincidindo co paro, ao que se sumaron os 200 empregados/as de Maderas Iglesias e que tivo lugar entre as 13:00 e as 15:00 horas, celebrouse unha concentración ás portas da instalacións do Porriño. Alí organizaron unha asemblea, na que anunciaron a manifestación que o vindeiro xoves a partir das 11:30 horas percorrerá a distancia entre a casa do empresario (situada no Castro, detrás da antiga sede do Celta na Praza dos Cabalos) até a delegación da Xunta, pasando polo establecemento hoteleiro tamén propiedade do dono de Maderas Iglesias.
Para esa mesma xornada teñen convocada tamén unha nova folga, que se desenvolverá de 10:00 a 18:00 horas. Durante a asemblea tamén abordaron a xuntanza que prevista para o venres 1 de febreiro no Igape en Santiago, no que abordarán a situación dos traballadores/as (con parte dun salario e da extra de decembro sen cobrar), así como as posíbeis alternativas que fagan posíbel garantizar o futuro da empresa.