Paro total e mobilización en Marfrío de Marín en demanda de melloras laborais e salariais
O 100% do cadro de persoal de Marfrío, empresa de alimentación con sede en Marín, secundou hoxe o paro parcial dunha hora en demanda de melloras laborais e salariais e participou na mobilización para reclamar un convenio colectivo digno -tras máis dun ano de negociacións sen acordo- que se desenvolveu na contorna das instalacións da compañía no espigón norte do Porto marinense.
A totalidade das operarias/os de fabricación de elaborados, de mantemento, de oficinas e do frigorífico abandonaron os seus postos de traballo entre as 11:00 a 12:00 horas convocadas/os polo comité de empresa para rexeitar a actitude inmobilista da dirección, que tras máis dun ano negociando sen acordo a renovación do convenio de empresa, incluso con mediación do AGA, “continúa sen querer evitar a perda de poder adquisitivo por parte do cadro de persoal nin avanzar en dereitos laborais”, explica Xavier Aboi da FGAMT-CIG de Pontevedra. Neste senso, denuncia o “elevado custe salarial” dunha dirección “que está máis preocupada pola propaganda que por ter unha boa empresa na que se garanta o respecto polos traballadores/as”.
O paro continuará de 17:00 a 18:00 horas para que poida participar o persoal da quenda de tarde, e estenderase tamén ao mércores 7 e ao venres 9 no mesmo lugar e no mesmo horario, xornadas nas que tamén haberá mobilizacións diante da empresa. “Porque non se pode permitir que unha empresa que en tempos era a avanzadilla en dereitos sociais e laborais, que logo eran copiados por outras compañías do sector de alimentación, trate así ao seu persoal e non permita un convenio con dereitos que garanta o poder adquisitivo”, remata Aboi.