Paro en Fene para reclamarlle ás auxiliares de Navantia que cumpran co convenio do metal
A entrada do estaleiro de Fene foi este mércores o obxecto da acción reivindicativa para reclamar o cumprimento do convenio colectivo de siderometal da Coruña e que se apliquen os pluses salariais que lle corresponden aos traballadores e traballadoras por realizar a súa actividade dentro das instalacións de Navantia.
Os piquetes bloquean a entrada do persoal tanto de reparacións como de obra nova das empresas Windar (off shore e monopiles), Gabadi, Moncina e Pérez Torres. O secretario comarcal da CIG-Industria, Vicente Vidal, apunta que no caso de Masa, os/as operarios/as entraron con normalidade posto que a compañía xa remitiu o compromiso asinado de encadrar o seu persoal na actividade que están facendo dentro do estaleiro "que é de aceiros e non de servizos, como estaba pagando a empresa".
Dentro desta campaña polo cumprimento do convenio do metal na industria auxiliar de Navantia, a representación social está mantendo tamén unha rolda de reunións coas compañías para resolver esta problemática. Na xornada de mañá está prevista unha xuntanza con Pérez Torres e o día 25 o encontro será coa dirección de Windar.
Ademais para o próximo martes hai concretada unha reunión ás 12h coa asociación de empresas do naval público da ría de Ferrol para tratar esta situación e clarificar de vez que compañías están encadradas na actividade de aceiros.
En todo caso, Vidal advirte que a presión continuará sobre aquelas empresas que non están a cumprir como mínimo o convenio do metal e aquelas que non aplican os pluses salariais recollidos no marco laboral para o persoal que desenvolve o seu traballo nos estaleiros de Navantia.