Paro do persoal das contratas para esixir responsabilidades polo accidente e que Repsol atenda as súas demandas
Os traballadores e traballadoras das subcontratas da refinería de Repsol acordaron parar en rexeitamento ao accidente ocorrido na refinería, que lle custou a vida ao compañeiro Unai Martínez, e deixou ferido a outro traballador; exisir que se esclareza o ocorrido e se depuren responsabilidades; e para demandarlle á petroleira que atenda as reivindicacións do colectivo de persoal das auxiliares.
A decisión tomouse na asemblea celebrada este mércores a primeira hora nas portas do complexo de Repsol e nela elaborouse unha táboa reivindicativa con dez puntos para trasladarlle á empresa principal, á que tamén lle reclaman participar na comisión de investigación que está en marcha para aclarar as causas do sinistro e que esta sexa pública e transparente.
O persoal acordou dividirse en piquetes para apostarse diante da porta principal en Bens, na porta de butano (Nostián) e un terceiro grupo no Porto Exterior, que se manterán até as seis e media da tarde, cando está convocada unha nova asemblea na entrada da refinería para informar das novidades e acordar novas medidas, entre as que barallan a folga. A asemblea terá lugar despois da reunión da comisión coordinadora prevista para as seis.
Máis medios e revisión dos sistema de seguridade
O persoal reivindica medios de evacuación e emerxencias cualificados e con dispoñibilidade e unha revisión dos sistema de alarma xeral e parcial; dos protocolos de sistemas de limpeza e purgado das unidades para realizar os traballos na parada técnica e a revisión das zonas de traballo. Neste senso, demándase que Repsol dispoña dunha ambulancia medicalizada 24 horas e que se faga unha revisión dos protocolos de seguridade e dos EPI; así como que se garanta a comunicación directa á familia de calquera accidente.
Xunto a isto que se revisen os complementos de parada e o abono que as empresas fan ao seu persoal, e que Repsol esixa ás súas subcontratas que abonen os pluses de perigosidade, penosidade e toxicidade.
Así mesmo, que se revise o volume de traballo que se oferta a cada empresa para fraccionar os traballos a efectuar co obxectivo de conseguir un maior número de profesionais cualificados/as; e a subrogación dos contratos de empresas contratistas en mantemento.
Nesa táboa de reivindicación tamén se demanda a constitución dunha asemblea permanente entre a dirección de Repsol e a representantes dos traballadores e traballadoras de todas as centrais sindicais que desenvolvan a súa actividade no complexo.
Solidariedade do persoal do naval da ría de Ferrol
Na mañá deste mércores, traballadores e traballadoras dos estaleiros de Fene e Ferrol tamén quixeron amosaron a súa repulsa polo gravísimo accidente do pasado sábado en Repsol, gardando un minuto de silencio en apoio e solidariedade coa familia do traballador falecido e o traballor ferido e pedir responsabilidades polo sucedido. En Fene, ademais, aproveitouse para facer asemblea do persoal de Nervión, auxiliar na que traballaba Unai Martínez.