Paremos o saqueo!
Os bancos –xunto coas distribuidoras de alimentación e as enerxéticas– son o máximo expoñente do banquete de beneficios que está tendo o capital á conta de estender a pobreza entre as clases populares. Para denunciar esta situación, a CIG fixo unha ocupación simultánea de oficinas do Banco Santander, BBVA e Abanca nas sete cidades reclamando políticas de intervención pública en sectores estratéxicos e a creación dunha banca pública ao servizo do pobo e dos sectores produtivos.
As continuas subas levaron a que hoxe o prezo do diñeiro estea no tipo máis alto dende 2008 e que o custo medio dunha hipoteca aumentase máis do 15% con respecto a 2021; sendo ademais Galiza un dos tres territorios nos que máis medra ao mes a contía a pagar nos préstamos, até o punto de que o 45% do salario se destina ao pago da hipoteca, cando a recomendación é que non sexa máis do 25-30%. A isto engádese o dato dramático de que no noso país se triplicou o número de persoas sen fogar, e os impagos das hipotecas rexistraron a maior suba desde 2014.
Unha realidade, denuncia o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, que evidencia que os Gobernos están a errar nas súas políticas, permitindo que, coa escusa da inflación, “os bancos e a política monetaria sigan marcando a vida do conxunto do pobo e das clases traballadoras”.
O rescate millonario á banca en 2012 saldouse con durísimo plan de reformas e axustes que aínda continúan. Coa escusa da crise executouse unha reestruturación e concentración financeira que levou á privatización e malvenda das caixas de aforros galegas. Na actualidade, o sector está dominado por cinco grandes grupos que controlan case o 70% do mercado.
Os beneficios da banca medran de maneira espectacular, batendo récord de ganancias ano tras ano. Só no primeiro semestre de 2023 lograron 12.385 millóns de euros. Boa parte destes cartos irán aos petos dos accionistas, mentres se agrava o peche de oficinas, a perda de servizos á clientela, a exclusión financeira de amplos sectores da sociedade e a destrución de emprego mediante novos ERE.
O ‘código de boas prácticas’ ideado polo Executivo español non resolve en absoluto os problemas das familias para afrontar o aboamento das cotas hipotecarias, en todo caso, matiza Carril, “axuda á capacidade para soportar a morosidade e salvar a conta de resultados dos bancos”. E mentres os prezos dos alugueiros acadan cifras desorbitadas, a Xunta afonda na emerxencia habitacional revisando á alza os prezos máximos da venda e do alugueiro da vivenda protexida, subíndoos entre 87 e 120 euros/m2.
Conxelación das hipotecas
Neste contexto, a CIG reclama a conxelación das cláusulas das hipotecas variábeis e que non se apliquen as revisións á clase traballadora e ás clases populares mentres non baixen os tipos ao mesmo nivel que subiron; a conxelación dos prezos dos alugueiros; e prohibir todos os desafiuzamentos de vivendas en marcha, estendendo esta práctica durante 2024 e 2025, tal e como xa demandamos hai máis dun ano.
Así mesmo, a Xunta debe incrementar o parque público de vivendas sociais e facilitar as condicións de acceso para garantir o dereito a unha vivenda digna, especialmente ás persoas vulnerábeis e sen recursos.
Cómpre pois seguir na mobilización para forzar os Gobernos a que actúen de forma implacábel para que estes extraordinarios beneficios revertan no benestar social, no desenvolvemento económico e na creación de emprego digno na nosa terra; e que se estabelezan impostos suficientes e efectivos para facer fronte a esta carreira de medre imparábel de ganancias do capital.