Paremos a precariedade: derrogación das reformas laborais!
O clamor popular nas rúas, o pasado Primeiro de Maio, e os resultados electorais confirman a inaprazábel e urxente necesidade de que se derroguen as reformas laborais. Por iso a CIG convoca para o vindeiro día 6 de xuño asembleas e mobilizacións, en todas as comarcas, para exixir ao próximo Goberno do Estado que atenda estas demandas, porque agora xa non ten razóns nin xustificacións para non anulalas. Neste sentido, no decurso das concentracións farase entrega dun escrito dirixido ao presidente do Goberno e á ministra de Traballo, Migración e Seguridade Social.
Mobilizacións 6 de xuño
- Lugo: Subdelegación do Goberno 12:30h.
- Pontevedra: Subdelegación do Goberno 12h.
- Vilagarcía: Diante do INEM 12h.
- Compostela: Praza de Galiza 12h.
- Vigo: Manifestación desde Os Capuchinos (12h) e concentración diante da ONCE.
- A Coruña: Delegación do Goberno 12:30h.
- Ferrol: Edificio Xunta (Praza Amada García) 12h.
- Ourense: Subdelegación do Goberno 11:30h.
Cada día que pasa sen que se derrogue a reforma laboral amosa un PSOE satisfeito coas políticas antiobreiras do PP. Levamos anos loitando para recuperar os dereitos arrebatados á clase traballadora galega. Dereitos que foron conquistados tras anos, mesmo décadas, de loita, para poder vivir e traballar dignamente, e que nos foron roubados en cuestión de días.
Durante estes anos, coa escusa da crise, impuxéronse políticas que favoreceron a extensión de baixos salarios, aumentando gravemente a exclusión social e as discriminacións de xénero. Unha situación que se prolongou no tempo consolidando a precariedade e a pobreza laboral.
Negativa do PSOE a derrogar as reformas
A negativa do PSOE a derrogar as reformas agrava as consecuencias da combinación explosiva que representa o sistema económico marcado pola UE –expresión da ditadura dos mercados e das grandes empresas– e o modelo de relacións laborais nacido das reformas de 2010 e 2012, que supuxeron un golpe de estado aos dereitos laborais, sociais, da negociación colectiva e do sistema público das pensións.
Vivimos unha situación de auténtica crise, desemprego, emigración, avellentamento da poboación. O desmantelamento industrial é o exemplo máis duro das consecuencias destas políticas: Alcoa, Ferroatlántica, Poligal, auxiliares do naval de Ferrol, Citroen, auxiliares do automóbil, centros de chamadas de Bosch e Unitono, Maderas Iglesias, Levantina, DIA, Pili Carrera ou o servizo de recollida de SOGAMA, son algúns exemplos.
Mobilización para forzar ao goberno
Por iso a CIG, como primeira forza sindical, reitera que a mobilización é o único camiño para recuperar os dereitos para avanzar. As solucións non virán por concesión do poder económico e político que nos impón esta dura situación. Tampouco a través do diálogo social practicado por UGT e CCOO, como se ten demostrado ao longo dos anos e como recentemente fixeron co asinamento do IV Acordo Marco de Negociación Colectiva, que axuda a perpetuar a reforma laboral e o empobrecemento dos salarios.
Só coa loita poderemos forzar un cambio de políticas para que en Galiza teñamos industria, emprego, salarios e pensións dignas. Así o considera o secretario xeral, Paulo Carril, quen clama contra a precariedade e subliña que “son tempos de loita e compromiso, de practicar a solidariedade, de apostar por nos organizar e ter o convencemento de que, coa inmensa forza da mobilización social, faremos andar as rodas da historia”.