Paralizada a actividade en Inoxidables de Rábade no primeiro día da folga indefinida
A totalidade do persoal operario de Inoxidables de Rábade (situada no Concello de Outeiro de Rei) está secundando a primeira xornada da folga indefinida para esixir melloras salariais e laborais. As e os traballadores están secundando paros laborais de dúas horas en cada unha das quendas e concentracións diante das portas da fábrica para reclamar a dirección que sente negociar a táboa reivindicativa.
O responsábel da CIG-Industria de Lugo, Alfonso Losada, explica que a representación social leva máis de ano e medio tentando negociar coa empresa unha serie de melloras económicas e laborais que permitan recuperar dereitos perdidos, pero a dirección "non quixo entrar a valorar en ningún momento as nosas demandas". Entre estas atópase a recuperación do incentivo de 500€ cada tres meses que a empresa retirou de maneira unilateral hai uns anos, revisar as categorías ou acadar a equiparación e igualdade salarial entre postos da mesma categoría tanto dentro da factoría de Rábade como con outras plantas do grupo.
Xunto a isto, o persoal demanda a incorporación dun plus de penosidade, toxicidade e perigosidade polos ritmos frenéticos de traballo e polos produtos químicos que teñen que manipular. Na táboa reivindicativa tamén se contemplan medidas relacionadas co calendario laboral e de vacacións de 2018, o comedor ou para atallar os problemas de ruídos, luminosidade, ventilación e a adaptación térmica da nave. "Pero de todo isto, denuncia Losada, a empresa fixo ouvidos xordos e limitouse a realizar un estudo sobre o exceso de ruído, mais sen adoptar ningunha medida correctora".
Unha empresa con beneficios
Neste senso, lembra que hai uns anos a empresa atravesou unha situación económica complicada, que usou para aplicar expedientes de regulación temporais e recortar salarios e condicións do persoal, "pero agora que hai carga de traballo abundante e se dispararon os beneficios, os traballadores/as non teñen ningunha mellora". Segundo o Base de datos Ardán 2018, Inoxidables de Rábade (que fabrica tubo de aceiro inoxidable) atópase no posto 32 de facturación da provincia de Lugo, cun importe superior os 17.000.000€.
Ante a falta de respostas por parte da dirección, a asemblea de persoal acordou iniciar folga indefinida dende este mércores, con paros laborais de dúas horas por quenda e concentracións diante da fábrica. Porén, adianta o sindicalista, non se descarta intensificar as medidas de presión a partir da próxima semana "se a empresa continúa facendo caso omiso das demandas sociais".