Paradas no soporte informático do Sergas pola convocatoria de folga en Tecnocom
Os traballadores/as, que desenvolven a súa actividade en xornadas de 24 horas, sete días á semana, cobran entre 700 e 850 euros e reclaman que a empresa negocie as compensacións por traballar en festivos, xornadas de verán e demais e o mantemento das quendas que se realizaban antes da súa modificación unilateral por parte da empresa.
Tras o persoal de Tecnocom reclamar a compensación por un festivo traballado, a empresa procedeu a unha modificación unilateral das quendas. Isto derivou na presentación dun conflito colectivo a raíz do que ambas partes acordaron abrir un período de negociación.
Porén Tecnocom limitouse a propor unha nova modificación de quendas sen querer entrar en ningún momento a tratar como se compensan os festivos ordinarios e os festivos especiais (por exemplo, Nadal, Ano Novo…) ou a xornada de verán. A negativa da empresa a sentarse a negociar estes aspectos concretos foi a que obrigou aos traballadores a acordar a convocatoria desta folga.
A CIG témese que estas modificacións de quendas poidan estar motivadas como represalia pola solicitude de compensación dos festivos. Non consta que haxa ningunha reclamación presentada polo servizo prestado polos traballadores/as nin tampouco que o Sergas fixera ningún tipo de requirimento neste sentido.
Os traballadores/as lamentan que os principais afectados por estes paros sexan os profesionais do Sergas e por extensión os pacientes. Unha situación da que a CIG responsabiliza á empresa pola súa actitude inmobilista.