A parada da Fundición supón un incumprimento unilateral do acordo por parte de Alcoa
Na asemblea de traballadores e traballadoras celebrada este venres, a representación da CIG defendeu a necesidade iniciar as medidas oportunas fronte a Alcoa e exixir unha actuación contundente das administracións ante a decisión da empresa de parar Fundición. Para a CIG o cese da actividade en Fundición constitúe un incumprimento unilateral de Alcoa, pois nunca estivo contemplado no acordo, polo que lamenta que o resto do comité se limite a buscar unha saída xurídica por defecto de forma.
"A parada de Fundición nunca se contemplou nas negociacións, máis ben ao contrario, foi a propia Alcoa a que incluíu, por vontade propia, un mínimo de 'tocho' a producir e quixo recollelo no acordo como garantía e aval da súa boa intención. Até falaban de recolocar alí algúns traballadores e traballadoras. Afirmar, polo tanto, que Alcoa está incumprido de forma unilateral o acordo é ser obxectivo", aseveraron.
A sección sindical da CIG rexeitou que Alcoa e os Gobernos español e galego "pretendan distraernos e asustarnos con argucias semánticas ou consecuencias legais, posto que o incumprimento é un feito". Neste senso, lamentan que CCOO e UGT non apoiaran a proposta de presentar unha reclamación colectiva polo incumprimento dese artigo, obviando a realidade do complexo de San Cibrao. "Iniciar esta reclamación non suporía romper o acordo, senón pelexar para garantir o seu cumprimento íntegro e defender o noso futuro industrial", apuntan.
Sen data de rearranque de Fundición nin para recuperar a produción de alúmina
Advirten que coa súa decisión Alcoa está parando totalmente a produción primaria de aluminio no Estado sen data certa de cando vai rearrancar a fundición, e sen concretar tampouco cando recuperará a produción normal da planta de alúmina, ao limitarse a dicir que está nunha situación complicada polo alto prezo do gas e o baixo prezo da alúmina.
Por iso, os delegados e delegadas da CIG consideran que o máis grave da parada de Fundición non é a parada, senón "o síntoma que iso representa e os motivos que Alcoa esgrime: falta de clientes e inviabilidade financeira. Mal precedente cando por outro lado a vicepresidenta de operacións en Europa nos están repetindo que Alumina está unha situación extremadamente difícil e que se a situación das fábricas de aluminio en Europa é preocupante e a de San Cibrao aínda o é moito máis".
Sobre estas cuestións sinalan á culpabilidade de Alcoa na falta de clientela e exíxenlle que busque pedidos porque "para iso o puxo no acordo". "A perda de clientes é unha consecuencia de deixar de prestar o servizo adecuado", alertan. De feito, na xuntanza do pasado martes, a empresa non aclarou se conta con outra clientela a nivel mundial que lle permita manter arrancada Fundición nin tampouco quen abastecerá a clientela de alimentación e farmacia se non o fai a fábrica de San Cibrao.
Responsabilidade das administracións
A respecto dos custes enerxéticos (electricidade e gas natural), a representación da CIG apela a responsabilidade das administracións, "ás que debemos exixirlles que se poñan do noso lado. Que nos apoien na reclamación a Alcoa para que cumpra ese artigo do acordo e que traballen para garantir o futuro da última planta de aluminio primario do Estado".
A CIG tamén instou ao resto do comité a reclamar de forma unánime ao Goberno español e á Xunta de Galiza que amplíen as medidas para dispor dunha enerxía competitiva a nivel europeo, pondo en marcha medidas como elevar o límite da compensación por CO2; dar estabilidade no tempo á esta norma desligándoa da aprobación dos presupostos xerais do Estado; articular uns criterios de interrompibilidade para a industria electrointensiva; promover a creación dunha tarifa eléctrica galega para este tipo de industrias; amplíar a liña de axudas ás empresa gasintensivas como consecuencia da guerra de Ucraína incluíndo tamén as derivadas da guerra de Palestina; ou acelerar, dentro da lei, as concesións das PPA’s e da ampliación da DBR.