Papeis de Panamá: Os patios traseiros do capitalismo

Henri Wilno - 13 Abr 2016

A forza de falar das finanzas en xeral, algúns esquecen a miúdo a burguesía. Os papeis de Panamá lembran que, en última instancia, as ganancias chegan ao peto de individuos concretos que, a miúdo, non dubidan en utilizar todos os fíos para escaparen aos impostos. En realidade, este asunto é ben revelador da realidade do sistema capitalista en si mesmo

 Cada día fornece novas revelacións sobre os papeis de Panamá: para manter a atención do seu público, os xornais que teñen os documentos dan en destilar as informacións.

O punto de partida

 Unha fonte anónima informou a un xornal alemán dos arquivos dun gabinete de avogados panameño, Mossack Fonseca, especializado na montaxe de sociedades pantalla offshore (extraterritoriais). Como se produciu en casos precedentes (ver máis adiante), este xornal púxose de acordo con outros de diferentes países (en Francia, Le Monde) para explotar e publicar os ficheiros.

Non é a primeira vez

 Por limitármonos ao período recente e aos casos cunha dimensión internacional, foron revelados diferentes asuntos que implicaban mecanismos de fraude ou de evasión fiscal (receitas para reducir os seus impostos á vez que non se viola directamente a lei: grandes empresas e ricos particulares empregan para facelo baterías de conselleiros fiscais). Esta recapitulación foi establecida sobre a base de informacións publicadas por Le Monde.

- A UBS (Unión de Bancos Suízos) en 2008. A xustiza americana foi informada de que ducias de miles de ricos americanos colocaron neste banco por volta de 20.000 millóns de dólares. A UBS axudou a estas persoas a defraudar ao fisco pero ademais fora aos Estados Unidos para incitalos a facelo. Mais a fraude ten que ver tamén (entre outros) con franceses: en xullo de 2015, o fisco francés recibiu un disco no que aparecían 38.330 contas de clientes franceses.

- Os "offshores Leaks" en 2013. Algúns xornalistas (grosso modo, o mesmo grupo que o dos papeis de Panamá) investigaron unha "fuga" de 2,5 millóns de documentos asociados a 122. 000 sociedades offshore xestionadas por unha firma de Singapur e outra localizada nas Illas Virxes británicas. Dous territorios non demasiado "meticulosos". No que se refire a Francia, este asunto permitiu sacar á luz o papel de certos bancos (BNP Paribas e Crédit agricole) neste sistema de eludir o fisco. 130 franceses colocaran activos nestas sociedades offshore (entre eles o tesoureiro da campaña de François Hollande en 2012). Outros países víanse evidentemente afectados por estes ficheiros, entre eles China con persoas achegadas aos dirixentes do PC.

- Os "Luxemburg leaks" en 2014. O mesmo grupo de xornais, sobre a base dunha fuga do gabinete de auditoría PricewaterhouseCoopers, revelou os acordos fiscais confidenciais realizados no período de 2002 a 2010 entre o fisco luxemburgués e 340 multinacionais (Apple, Amazon, Ikea, etc.). Estes acordos permiten a estas firmas pagar menos impostos.

- Os listing HSBC (2015). Son documentos desviados por un antigo informático de HSBC e proporcionados ao fisco francés. Os mesmos xornalistas tiveron acceso a eles. Como nos casos UBS, HSBC axudaría aos seus clientes a escapar dos impostos, propoñéndolles o propio banco constituír a súa sociedade offshore. Máis de 5.700 millóns de euros serían así ocultados por contribuíntes franceses grazas a sociedades pantalla instaladas en Panamá ou nas Illas Virxes británicas.

Trátase dunha manipulación?

 Os nomes máis coñecidos que foron publicados non implican a americanos e hai poucos europeos entre eles. Pola contra, son ben visíbeis persoas achegadas a Putin e á dirección chinesa. Rusia defendeuse denunciando unha manipulación, tese retomada, nun primeiro momento en Francia por Jean-Luc Mélenchon.

 É lexítimo facerse esa formulación. Pero hai que poñerse de acordo no que sería unha manipulación:

- Engadíronse nomes? É moi improbábel: sábese, por exemplo, o costume dos oligarcas rusos de prepararse para o futuro levando unha parte das súas riquezas ao estranxeiro.

- Borráronse nomes, neste caso, os de defraudadores americanos? Hai varias razóns para poñer en dúbida unha manipulación así. Mossack Fonseca non é máis que unha das sociedades que se dedican a este tipo de prácticas: é posíbel que en función das redes coas que están en contacto, os americanos privilexien outras firmas (só en Panamá, Mossack Fonseca ten alguén da súa talla que lle fai a competencia: Morgan & Morgan). Por outra banda, os americanos teñen paraísos fiscais a domicilio como Delaware e Wyoming coa posibilidade de montaxes que permiten disimular a súa identidade real. A ONG Tax Justice Network clasifica así os Estados Unidos entre os territorios máis opacos. Hai paraísos fiscais anglófonos moi preto dos Estados Unidos, no Caribe. En definitiva, a manipulación por subtracción de nomes non é imposíbel, senón pouco probábel. Pero a pregunta continuará existindo mentres os ficheiros non sexan feitos públicos.

Como funciona o sistema?

 Mossack Fonseca creou e administrou máis de 214.000 sociedades pantalla. Para que serven? Imaxinemos que alguén ten rendas que non desexa declarar, ben porque non son limpas, ou sinxelamente porque considera que pagar os impostos é cousa de inxenuos; Mossack Fonseca axudarao a montar unha sociedade nun paraíso fiscal e esta sociedade abrirá unha conta (non forzosamente nun banco do mesmo país) na que poderá disimular as rendas que chegarán a ela por camiños escabrosos. Hai en Europa (mesmo en París) gabinetes especializados que poden axudar a abrir unha sociedade offshore pasando por unha firma como Mossack Fonseca.

 Mossack Fonseca (ou outra firma dese tipo) poderá mesmo proporcionarlle testaferros para que o seu nome non apareza como administrador desta sociedade e mesmo falsos accionistas locais para aumentar a opacidade: así a persoa que encarga todo isto será verdadeiramente invisíbel, e así será moi difícil para o fisco incriminalo, aínda que haxa sospeitas. Para complicar aínda máis as cousas, pode crear varias sociedades offshore ou unha fundación (as posibilidade de disimulo son aínda maiores).

Unha descuberta?

 Todos estes mecanismos son perfectamente coñecidos polos dirixentes e administradores fiscais de todos os países. Outra cousa é a vontade política de lles poñer fin. Os bancos franceses, que multiplicaron as súas redes nos paraísos fiscais, son unha das súas engrenaxes, en particular a Société Générale (que figura entre os bancos máis ligados a Mossack Fonseca) cuxo patrón Frédéric Oudea chegou mesmo a mentir cando testificaba baixo xuramento ante o Senado en 2012.

 "Prohibirei aos bancos franceses que teñan actividades nos paraísos fiscais". A promesa de François Hollande figuraba no 7º posto dos seus 60 compromisos por Francia en 2012: nada relevante se fixo. Hai que saber tamén que a lista oficial deses paraísos fiscais é moi restrinxida, até o punto de que Panamá xa non formaba parte dela!

 Ademais, houbera xa unha fuga de extractos dos ficheiros de Mossack Fonseca, que fora vendida ás autoridades fiscais americanas, alemás e británicas. Os alemáns emprenderon accións (un banco tivera que pagar en 2015 unha multa de 17 millóns de euros por axudar a algúns dos seus clientes a defraudar). Francia forma tamén parte dos países aos que se lles ofreceu a compra de documentos. Que decidiron os ministros e os responsábeis dos impostos? Misterio. En calquera caso ningún banqueiro foi daquela inquietado. Tras as recentes revelacións, o ministro de Finanzas, Michel Sapin acabou convocando o patrón da Société Générale pero pareceu que se contentaba cun vago compromiso de clarificación. Non facer nada que desguste os banqueiros, esa é a política do goberno.

 Os nomes desvelados ilustran unha vez máis o cinismo dos poderosos: os superricos escapan dos impostos e como consecuencia os demais pagan máis. En Francia, por exemplo, segundo o economista Gabriel Zucman, hai 17.000 millóns de euros de evasión fiscal ilegal offshore.

 A forza de falar das finanzas en xeral, algúns esquecen a miúdo a burguesía. Os papeis de Panamá lembran que, en última instancia, as ganancias chegan ao peto de individuos concretos que, a miúdo, non dubidan en utilizar todos os fíos para escaparen aos impostos. Non vai faltar, certamente, algunha voz que diga que son as "ovellas negras" as que están en cuestión, cando en realidade este asunto é ben revelador da realidade do sistema capitalista en si mesmo.

 

[Artigo tirado do sitio web ‘Viento Sur’, do 13 de abril de 2016]