Palestina: O último capítulo do xenocidio

Chris Hedges - 07 Abr 2025

O ataque xenocida de Israel contra Gaza é o desenlace inevitábel do seu proxecto colonial de estabelecemento de colonos e Estado de apartheid. A apropiación de toda a Palestina histórica -con Cisxordania axiña anexionada por Israel- e o desprazamento de todos os palestinos foi sempre o obxectivo sionista

 Este é o último capítulo do xenocidio. O réxime de Netanyahu está a transformar a toda velocidade Gaza nun dantesco crisol de miseria humana, onde os palestinos son asasinados por centos e, axiña, de novo, por milleiros e decenas de miles, ou serán obrigados a partir para nunca volver.

 O último capítulo marca o final das mentiras israelís. A mentira da solución dos dous Estados. A mentira de que Israel respecta as leis da guerra que protexen os civís. A mentira de que Israel bombardea as escolas e os hospitais só porque Hamás os emprega como bases de operacións. A mentira de que Hamás usa civís como escudos humanos mentres Israel obriga de forma rutineira a palestinos presos a entrar diante das tropas israelís en túneles e edificios que poderían ter bombas trampa. A mentira de que Hamás e a Yihad Islámica Palestina son responsábeis da destrución de hospitais, edificios de Nacións Unidas ou masacres de palestinos (provocadas por foguetes palestinos errados). A mentira de que o bloqueo da axuda humanitaria en Gaza se debe a que Hamás secuestra os camións ou introduce armas neles de forma clandestina. A mentira dos bebés palestinos decapitados ou a violación en masa de mulleres israelís. A mentira de que o 75% das decenas de miles de vítimas asasinadas en Gaza eran "terroristas" de Hamás. A mentira de que Hamás é responsábel da ruptura do cesamento do fogo porque supostamente o aproveitou para se rearmar e recrutar novos combatentes.

 A faciana xenocida de Israel saíu á luz. Ordenou a evacuación do norte de Gaza onde palestinos desesperados acampan no medio dos cascallos do que foron os seus fogares. O que vén a continuación é a fame negra masiva (a Axencia de Nacións Unidas para os Refuxiados Palestinos, a UNRWA, declarou o 21 de marzo que só quedaba fariña para seis días), a morte por enfermidades causadas pola inxestión de auga e comida contaminada, decenas de mortos e feridos cada día baixo o implacable ataque con bombas, mísiles e balas. Nada funcionará: panadarías, plantas de tratamento de auga e saneamento, hospitais (Israel dinamitou o danado hospital turco-palestino o 21 de marzo), escolas, centros de distribución de axuda ou clínicas. Menos da metade dos 53 vehículos de emerxencia da Media Lúa Vermella Palestina están operativos debido á escaseza de combustíbel. Axiña non o estará ningún.

 A mensaxe de Israel é inequívoca: Gaza será completamente inhabitábel. Abandonádea ou morrede.

 Desde que a semana pasada Israel rompeu a tregua con fortes bombardeos máis de 700 palestinos foron asasinados, incluíndo 200 nenos. 400 deles morreron nun período de 24 horas. Isto é só o comezo. Nin unha soa potencia occidental, incluídos os EUA, que proporciona as bombas para o xenocidio, ten a intención de detelo. As imaxes procedentes de Gaza durante os case 16 meses de incesantes ataque foron arrepiantes, pero o que está por vir será peor. Rivalizará cos crimes de guerra máis atroces do século XX, incluíndo a fame negra masiva, o tremendo masacre e a destrución total do gueto de Varsovia polos nazis en 1943.

 O 7 de outubro marcou a liña divisoria entre unha política israelí que defendía a deshumanización e asoballamento do pobo palestino e unha política que reclama o seu exterminio e expulsión da Palestina histórica. O que estamos a presenciar é o equivalente histórico do momento desencadeado pola aniquilación duns 200 soldados capitaneados polo xeneral Custer en xuño de 1876 na Batalla de Little Bighorn. Tras aquela humillante derrota, os nativos norteamericanos foron sistematicamente asasinados e os sobreviventes obrigados a ir a campos de prisioneiros de guerra, máis tarde chamados reservas, onde miles morreron de enfermidades, viviron baixo a ollada desapiadada dos seus ocupantes armados e caeron nunha vida de miseria e desesperación. Espérase o mesmo para os palestinos de Gaza, abandonados, sospeito, nun dos buracos infernais do mundo e esquecidos.

 "Residentes de Gaza, este é o voso último aviso", ameazou o ultradereitista ministro israelí de defensa Israel Katz: “O primeiro Sinwar destruíu Gaza e o segundo destruiraa por completo*. Os ataques da Forza Aérea contra os terroristas de Hamás foron só o primeiro paso. Agora será moito máis duro e vostedes sufrirán as consecuencias. Axiña comezará de novo a evacuación da poboación das zonas de combate... Devolvan os reféns e eliminen a Hamás e abriránselles outras opcións, incluída a de marchar a outros lugares do mundo para quen o desexe. A alternativa é a destrución absoluta".

 O acordo de cesamento do fogo entre Israel e Hamás foi deseñado para se executar en tres etapas. A primeira, que duraría 42 días, prevía a fin das hostilidades. Hamás liberaría 33 reféns israelís capturados o 7 de outubro, incluíndo mulleres, maiores de 50 anos e enfermos, a cambio da liberación de máis de 2.000 homes, mulleres e menores prisioneiros de Israel (ao redor de 1.900 foran liberados a data de 18 de marzo). Hamás liberou un total de 147 reféns, oito deles mortos. Israel afirma que aínda retén a 59 israelís, 35 deles xa falecidos, segundo Israel.

 O exército israelí abandonaría as áreas poboadas de Gaza o primeiro día da tregua. O sétimo día os palestinos desprazados terían permiso para regresar ao norte da Franxa. Israel permitiría a entrada diaria de 600 camións de axuda humanitaria.

 Na segunda etapa, que tería que se negociar o décimo sexto día da tregua, liberaríanse o resto dos reféns. Israel completaría a súa retirada de Gaza mantendo a presenza en certos lugares do corredor Filadelfia, que se estende ao longo da fronteira de doce quilómetros entre Gaza e Exipto. Ademais traspasaría o control do cruzamento fronteirizo de Rafah a Exipto.

 Na terceira etapa darían comezo as negociacións para o final permanente da guerra e a reconstrución.

 Polo xeral, Israel asina acordos, incluídos os de Camp David e os de Oslo, divididos en etapas e cunha cronoloxía concreta. Consegue o que quere na primeira fase (neste caso a liberación dos reféns) e logo incumpre os acordos programados para as etapas posteriores. Este patrón nunca cambiou.

 Israel negouse a cumprir o pactado para a segunda fase do acordo. Bloqueou a entrada de axuda humanitaria en Gaza hai dúas semanas, violando o acordo. Ademais asasinou polo menos a 137 palestinos durante a primeira fase da tregua, entre eles nove persoas (tres delas xornalistas) cando drons israelís atacaron un equipo de asistencia o 15 de marzo en Beit Lahiya, ao norte de Gaza.

 Os intensos bombardeos de Israel renováronse o 18 de marzo mentres a maioría dos palestinos durmían ou preparaban o suhoor, a comida que se toma antes do amencer durante o mes sacro do Ramadán. Israel non deterá agora os seus ataques, aínda que se libere os reféns restantes, a suposta razón para renovar os bombardeos e o asedio de Gaza.

 A Casa Branca de Trump alenta a matanza. Arremete contra quen critica o xenocidio cualificándoo de "antisemita" que debe ser silenciado, criminalizado ou deportado, mentres canaliza miles de millóns de dólares en armas cara a Israel.

 O ataque xenocida de Israel contra Gaza é o desenlace inevitábel do seu proxecto colonial de estabelecemento de colonos e Estado de apartheid. A apropiación de toda a Palestina histórica -con Cisxordania axiña, supoño, anexionada por Israel- e o desprazamento de todos os palestinos foi sempre o obxectivo sionista.

 Os maiores excesos de Israel tiveron lugar durante as guerras de 1948 e 1967, cando se apoderou de enormes porcións da Palestina histórica, asasinou a miles de palestinos e limpou etnicamente por centos de miles. Entrambas as guerras continuou o roubo a cámara lenta de terras, os ataques criminais e unha sostida limpeza étnica en Cisxordania e Xerusalén Leste.

 Ese baile calculado terminou. Isto é o final. O que estamos a presenciar empequenece todos os ataques históricos contra os palestinos. O demente soño xenocida de Israel -o pesadelo palestino- está a piques de se cumprir. Destruirá para sempre o mito de que nós, ou calquera nación occidental, respectamos o Estado de dereito ou somos os protectores dos dereitos humanos, a democracia e as chamadas "virtudes" da civilización occidental. A barbarie de Israel é a nosa. Poida que nós non o entendamos, pero o resto do mundo si.

 

[Artigo tirado do sitio web La Haine, do 31 de marzo de 2025]