Palestina: A fin do colonialismo de asentamento de Israel?
Pensando nun futuro a longo prazo, unha entidade política como este –un Estado–, que ten que persistir na deshumanización do pobo palestino para xustificar a súa eliminación descansa en bases moi precarias
A idea de que o sionismo é colonialismo de asentamento non é nova. Nos anos 60, os académicos palestinos vinculados ao Centro de Investigación da OLP de Beirut xa comprenderon que en Palestina non se enfrontaban a un proxecto colonial clásico. Non catalogaban a Israel como unha simple colonia como o foron as británicas ou as americanas senón que o analizaron como un fenómeno existente noutras partes do mundo e que se definiu como colonialismo de asentamento. É curioso que durante 20 ou 30 anos a noción de sionismo como colonialismo de asentamento desaparecese do discurso político e académico. Reapareceu cando estudosos doutras partes do mundo, sobre todo de Suráfrica, Australia e América do Norte, coincidiron en que o sionismo é un fenómeno similar ao movemento dos europeos que crearon os Estados Unidos, Canadá, Australia, Nova Zelandia e Suráfrica. Esta idea axúdanos a comprender moito mellor a natureza do proxecto sionista en Palestina desde finais do século XIX até hoxe, e dános unha perspectiva do que cómpre esperar no futuro.
Coido que esta idea particular que xurdiu nos anos 90 e que relacionou tan inequivocamente as accións dos colonos europeos –especialmente en lugares como América do Norte e Australia– coas accións dos colonos que chegaron a Palestina a finais do século XIX, sintetizou as pretensións dos colonos xudeus que colonizaron Palestina e a natureza da resistencia local palestina á colonización. Os colonos seguiron a lóxica primordial adoptada polos movementos coloniais de asentamento, a saber: que para crear unha comunidade colonial de asentamento con éxito fóra de Europa hai que eliminar os nativos do país que se colonizou. O que significa que a resistencia indíxena a esta lóxica era unha loita contra a eliminación e non só pola liberación. Isto é relevante cando se reflexiona sobre a operación de Hamás e outras operacións de resistencia palestinas desde 1948.
Os propios colonos, como foi o caso de moitos dos europeos que chegaron a América do Norte, Centroamérica ou Australia, eran persoas refuxiadas e vítimas da persecución. Algúns menos desafortunados só buscaban unha vida mellor e máis oportunidades. Pero a maioría eran parias de Europa que querían crear unha Europa noutro lugar, unha nova Europa en lugar da Europa que non os quería. Na maioría dos casos elixiron lugares onde xa vivían outras persoas, os pobos indíxenas. E por iso, o grupo máis influente era o dos líderes e ideólogos que proporcionaban xustificacións relixiosas e culturais para colonizar terras alleas. A iso engadíase a necesidade de depender dun Imperio para emprender a colonización e mantela, aínda que chegado o momento os colonos se rebelasen contra o imperio que os axudou e exixisen e alcanzasen a independencia, para acabar renovando posteriormente a súa alianza co imperio. A relación anglo-sionista que se converteu en alianza anglo-israelí é un bo exemplo.
A idea de que se pode expulsar pola forza a xente que habita a terra que un ambiciona enténdese probabelmente mellor –aínda que non o xustifique– no contexto dos séculos XVI, XVII e XVIII, porque ía ligada ao respaldo absoluto ao imperialismo e ao colonialismo. Alimentábase da deshumanización común dos pobos non occidentais, non europeos. Se se deshumaniza a xente é máis doado eliminala. O que fixo tan singular o sionismo en tanto que movemento colonial de asentamento é que apareceu na escena internacional cando en todo o mundo a xente comezara a cuestionar o dereito a eliminar os pobos indíxenas, a eliminar os nativos. Así é como se entende a teimosía e a enerxía que os sionistas, e máis tarde o Estado de Israel, investiron para encubrir o verdadeiro obxectivo dun movemento colonial de asentamento como o sionismo, que era a eliminación dos nativos.
Pero hoxe en Gaza están a eliminar a poboación nativa ante dos nosos ollos, así que, como é que renunciaron a 75 anos de tentar ocultar as súas políticas de eliminación? Para entendelo debemos ter en conta a transformación da natureza do sionismo en Palestina ao longo dos anos.
Nas primeiras fases do proxecto colonialista de asentamento sionista os seus dirixentes aplicaron políticas de eliminación asegurando, nun intento de cadrar o círculo, que era posíbel construír unha democracia e ao mesmo tempo eliminar a poboación nativa. Existía unha forte arela de pertencer á comunidade de nacións civilizadas e os seus dirixentes deron por sentado, sobre todo despois do Holocausto, que as políticas eliminatorias non excluirían a Israel desa pertenza.
Para cadrar este círculo, os dirixentes insistiron en que as súas operacións de eliminación do pobo palestino eran represalias ou respostas ás accións palestinas. Pero axiña, cando estes dirixentes decidiron pasar a operacións eliminatorias máis contundentes abandonaron o falso pretexto da “represalia” e simplemente deixaron de xustificar o que facían.
A este respecto, existe unha correlación entre a forma en que se desenvolveu a limpeza étnica en 1948 e as actuais operacións israelís en Gaza. En 1948 os dirixentes xustificábanse por cada masacre cometido –como o infame masacre de Deir Yassine do 9 de abril dese ano– como se se tratase dunha reacción a unha acción palestina (podería ser tirar pedras ao autobús ou atacar un asentamento xudeu) pero tiña que se presentar interna e externamente como algo que tivese xustificación, como autodefensa. De feito, por iso o exército israelí se chama Forzas de Defensa Israelís. Pero ao tratarse dun proxecto colonial de asentamento non pode depender sempre de “represalias”.
As forzas sionistas comezaron a limpeza étnica durante a Nakba en febreiro de 1948; durante un mes todas as operacións se presentaron como represalias pola oposición palestina ao Plan de Partición de Nacións Unidas de novembro de 1947. O 10 de marzo de 1948 os dirixentes sionistas deixaron de falar de represalias e adoptaron un plan deseñado para limpar etnicamente Palestina. Desde marzo de 1948 até finais dese ano, a limpeza étnica de Palestina que implicou a expulsión da metade da súa poboación, a destrución da metade dos seus lugares e a des-arabización da maioría das súas cidades, levouse a cabo como parte dun programa de limpeza étnica definido, sistemático e deliberado.
Do mesmo xeito, tras a ocupación de Cisxordania e a Franxa de Gaza en xuño de 1967, cada vez que Israel quería transformar radicalmente a realidade ou emprender unha operación de limpeza étnica a grande escala, prescindía da necesidade de xustificalo.
Hoxe estamos a asistir a un patrón similar. Ao primeiro, as accións presentáronse como represalias pola operación 'Tufun al Aqsa', pero agora trátase da guerra denominada “Espada de guerra”, cuxo obxectivo é volver situar Gaza baixo o control directo de Israel previa limpeza étnica da súa poboación mediante unha campaña de xenocidio.
A gran pregunta é, por que políticos, xornalistas e académicos de Occidente caeron na mesma trampa que caeron en 1948? Como é posíbel que aínda acrediten en que Israel se está defendendo na Franxa de Gaza, que está a reaccionar ás accións do 7 de outubro? Ou talvez non caian na trampa. Se cadra son conscientes de que o que Israel está a facer en Gaza é utilizar o 7 de outubro como pretexto.
En todo caso, a reclamación por parte de Israel dun pretexto cada vez que agride o pobo palestino serviulle para manter un escudo de inmunidade que lle permite executar as súas políticas criminais sen medo a reacción ningunha da comunidade internacional. O pretexto serviu para acentuar a imaxe de Israel como parte do mundo democrático e occidental e, por tanto, para quedar fóra de toda condena e sanción. Todo este discurso de autodefensa e represalias é determinante para o escudo de inmunidade do que goza Israel por parte dos gobernos do Norte Global.
Porén, como en 1948, tamén hoxe Israel prescinde do pretexto a medida que prolonga a súa operación e é entón cando mesmo aos seus máis importantes valedores lles resulta difícil apoiar as súas políticas. A magnitude da destrución, as matanzas xeneralizadas en Gaza, o xenocidio, alcanzaron un grao tal que aos israelís lles resulta cada vez máis difícil acreditar en que o que están a facer é realmente autodefensa ou reacción. Así pois, poida que no futuro cada vez a máis xente lle resulte difícil aceptar esta explicación israelí do xenocidio en Gaza. Para a maioría da xente está claro que o que se necesita é un contexto e non un pretexto. Histórica e ideoloxicamente, está moi claro que o 7 de outubro se utiliza como pretexto para completar o que o movemento sionista non puido completar en 1948.
En 1948 o movemento colonial de asentamento do sionismo utilizou unha serie de circunstancias históricas (ás que me referín detalladamente no meu libro A limpeza étnica de Palestina) para expulsar a metade da poboación de Palestina. Como xa mencionei, no proceso destruíron a metade das aldeas palestinas, demoleron case todas as cidades e, aínda así, a metade da poboación palestina permaneceu no interior de Palestina. As que se converteron en persoas refuxiadas fóra das súas fronteiras seguiron resistindo, incumpríndose así a aspiración do colonialismo de asentamento de eliminar o nativo. Desde 1948 até hoxe, Israel utilizou e incrementou todo o seu poderío para consumar esa eliminación.
A eliminación total do nativo non implica só unha operación militar para ocupar un lugar, masacrar a xente ou expulsala. A eliminación hai que xustificala e convertela nunha inercia, e a forma de o facer é deshumanizar permanentemente a quen se quere eliminar. Non se pode matar masivamente a xente ou 'xenocidar' outros seres humanos a menos que sexan deshumanizados. Por iso a deshumanización dos e as palestinas é unha mensaxe que se inocula explícita e implicitamente aos xudeus israelís a través do seu sistema educativo, do seu sistema de socialización no exército, polos medios de comunicación e no discurso político. Para completar a eliminación é imprescindíbel transmitir e manter esta mensaxe.
Estamos a ser testemuñas, pois, dun novo intento particularmente cruel de completar a eliminación. E, porén, non todo é inútil. De feito, ironicamente, o que expón esta particular destrución inhumana de Gaza é o fracaso do proxecto colonial de asentamento do sionismo. Pode soar absurdo porque estou a describir un conflito entre un pequeno movemento de resistencia, o Movemento de Liberación Palestino, e un poderoso Estado cunha maquinaria militar e unha infraestrutura ideolóxica concentradas exclusivamente na destrución do pobo autóctono de Palestina. O movemento de liberación non ten apoios determinantes mentres que o Estado ao que se enfronta conta cunha poderosa alianza que o apoia –desde os EUA ás corporacións multinacionais, as empresas de seguridade da industria militar, os medios de comunicación masivos e a academia dominante–; estamos a falar de algo que resulta desesperado e desalentador fronte á inmunidade internacional coa que contan as políticas de eliminación practicadas desde as primeiras etapas do sionismo até hoxe. Este parece probabelmente o peor capítulo do proxecto de Israel ao levar a súa política de eliminación a unha nova cota cun impulso moito máis concentrado para asasinar a miles de persoas nun curto período de tempo e como nunca antes se atreveu a facer.
Así que, como pode ser ao mesmo tempo un momento de esperanza? En primeiro lugar, pensando nun futuro a longo prazo, unha entidade política como este –un Estado–, que ten que persistir na deshumanización do pobo palestino para xustificar a súa eliminación descansa en bases moi precarias. A súa debilidade estrutural xa era evidente antes do 7 de outubro e débese en parte a que se prescinde do proxecto de eliminación quedan moi poucas cousas que unan o grupo de persoas que se definen a si mesmas como a nación xudía de Israel.
Se se exclúe a necesidade de loitar e eliminar o pobo palestino, o que queda son dous bandos xudeus enfrontados, tal como vimos encarándose nas rúas de Tel Aviv e Xerusalén até o 6 de outubro de 2023. Enormes manifestacións de xudeus laicos (os que se describen a si mesmos como xudeus laicos –na súa maioría de orixe europea–) que cren que é posíbel crear un Estado democrático plural mantendo ao mesmo tempo a ocupación e o apartheid contra a poboación palestina do interior de Israel, enfrontados a un novo tipo de sionismo mesiánico desenvolvido nos asentamentos xudeus de Cisxordania –o que chamei noutro lugar o 'estado de Xudea'–, que se instalou de súpeto entre nós coa pretensión de que agora poden crear unha especie de teocracia sionista sen consideración ningunha pola democracia, e convencidos de que esa é a única perspectiva para un futuro Estado xudeu.
Ambas as visións só comparten unha cousa en común: a ambos os bandos non lles importa o pobo palestino, ambos cren que a supervivencia de Israel depende de que se manteña a súa política de eliminación dos palestinos. Pero iso é insostíbel. Vaise desintegrar por implosión desde dentro porque no século XXI un Estado e unha sociedade non se poden manter unidos sobre a base de que o seu sentimento compartido de pertenza é formar parte dun proxecto de eliminación xenocida. Poida que funcione para algún pero non para todos.
Antes do 7 de outubro xa vimos indicios respecto diso: israelís que teñen oportunidades noutras partes do mundo grazas á súa dobre nacionalidade, ás súas profesións e á súa capacidade financeira, están a considerar seriamente trasladar o seu diñeiro e a si mesmos fóra do Estado de Israel. O que irá quedando será unha sociedade economicamente débil dirixida por esa fusión de sionismo mesiánico, racismo e políticas eliminatorias cara aos e as palestinas. Si, poida que ao principio o equilibrio de poder beneficie ao lado da eliminación e non ao das súas vítimas, pero o equilibrio de poder non é só local senón rexional e internacional, e canto máis opresivas sexan as políticas eliminatorias –e é terríbel dicilo pero así é– menos se poderán enmascarar como “respostas” ou “represalias” e máis se verán como unha brutal política de xenocidio. Por tanto, é menos probábel que a inmunidade da que goza hoxe Israel se manteña no futuro.
Penso honestamente que o que estamos a vivir neste tempo tan escuro –e é un tempo escuro porque a eliminación dos palestinos e palestinas alcanzou outro nivel– non ten precedentes. En termos do discurso de Israel e da intensidade e o propósito das súas políticas eliminatorias, non existiu un período así na historia; trátase dunha nova fase de brutalidade contra o pobo palestino. Nin sequera a Nakba, que foi unha catástrofe inimaxinábel, se pode comparar co que estamos a ver agora e co que imos ver nos próximos meses. Ao meu ver, estamos nos catro primeiros meses dun período de dous anos que será testemuña dos peores horrores que Israel poida inflixir ao pobo palestino.
Mais mesmo neste tempo escuro debemos comprender que os proxectos coloniais de asentamento que se desintegran sempre utilizan os peores medios para tentar sobrevivir. Así ocorreu en Suráfrica e en Vietnam do Sur. Non estou a falar como activista político: dígoo como estudoso de Israel e Palestina e confiando nas miñas capacidades académicas. Baseándome nunha serena análise de experto, afirmo que estamos a asistir ao final do proxecto sionista, non hai dúbida.
Este proxecto histórico chegou ao seu final e será un final violento: este tipo de proxectos adoitan derrubarse violentamente, e por tanto trátase dun momento moi perigoso para as súas vítimas, que son sempre as e os palestinos xunto cos xudeus, porque tamén os xudeus son vítimas do sionismo. Polo tanto, o proceso de colapso non é só un momento de esperanza, é tamén o abrente que xurdirá despois da escuridade, e é a luz ao final do túnel.
Porén, dun colapso así emerxe de súpeto un baleiro; é como un muro que se vai erosionando lentamente polas fendas que se abren no seu interior e que se derruba nun breve intre. Hai que se preparar para cando se derrube, para a desaparición dun Estado ou a desintegración dun proxecto colonial de asentamento. Vimos o que ocorreu no mundo árabe, cando o caos do baleiro non se encheu con ningún proxecto construtivo e alternativo; en tal caso o caos continúa.
Unha cousa está clara: quen pense na alternativa ao Estado sionista non debe buscar en Europa ou Occidente modelos que substitúan o Estado que colapsa. Hai modelos moito mellores que son locais e que forman parte do legado do pasado recente e do máis afastado do Mashreq (o Mediterráneo oriental) e do mundo árabe no seu conxunto. O longo período otomán conta con modelos e legados que nos poden axudar a aproveitar ideas do pasado para mirar cara ao futuro.
Eses modelos poden contribuír a construír un tipo de sociedade moi diferente, unha que respecte as identidades colectivas e os dereitos individuais, e que constrúa desde cero un novo modelo que se beneficie da aprendizaxe dos erros da descolonialización en moitas partes do mundo, como no mundo árabe e en África. De ser así, é de esperar que se cree unha entidade política diferente que terá un enorme impacto positivo en todo o mundo árabe.
[Artigo tirado do sitio web Viento Sur, do 20 de febreiro de 2023]