Pactan unha reforma das pensións regresiva que non garante unhas pensións dignas
O Goberno español, os sindicatos estatais e as organizacións patronais pactaron onte unha nova reforma das pensións que non garante unhas contías dignas e consolida os recortes aplicados en 2011 polo PSOE, CCOO e UGT e a patronal que supuxeran unha redución xeneralizada das prestacións. Dende a CIG rexeitan tanto as formas como o fondo dun acordo que non reforza o sistema público e mantén a ampliación da idade de xubilación e do período de cálculo e a supresión na práctica da xubilación parcial.
Trátase da primeira parte dunha negociación que terá continuidade nos próximos meses, e que anticipa un novo retallamento de dereitos en base ás esixencias da Unión Europea para acceder aos fondos de reconstrución Next Generation. De feito, aínda que se elimina o denominado factor de sustentabilidade, acordaron que antes de rematar 2021 haberá unha nova fórmula (que chaman factor de equidade interxeracional) que busca ter efectos similares, supoñendo un novo recorte nas pensións das xeracións do coñecido como baby boom.
Dende a central sindical denuncian que a reforma acordada “é insuficiente e mesmo regresiva” porque seguirá en vigor na súa integridade a “brutal reforma” de 2011 que ten levado a unha caída importante nas contías das pensións (de arredor dun 25%), xa que supuxo unha ampliación progresiva da idade de xubilación até os 67 anos e do período de cálculo (que pasou dos 15 aos 25 anos) e suprimiu na práctica a xubilación parcial.
Con esta nova modificación non se garante o poder adquisitivo das prestacións, “xa que debera fixarse por lei que a pensión mínima sexa igual ao salario mínimo interprofesional, e este debe de ser o 60% do salario medio, dacordo coa Carta Social Europea, revalorizable co IPC real”, tal e como sinala o secretario xeral da CIG, Paulo Carril.
Dificulta atopar un emprego
“Penalizar a xubilación anticipada, atrasar máis a xubilación e fomentar a vida laboral constitúe un retroceso inxustificábel e inxusto porque demora a entrada da xente nova ao mundo do traballo, dificultando atopar un emprego”. Ademais, prexudicará a moitos sectores da clase traballadora, que ficarán condenados a prolongar a súa vida laboral en actividades penosas e de grande esforzo físico.
Por iso Carril considera que o chamado “diálogo social” amósase unha vez máis como unha vía contraria aos intereses da clase traballadora e da defensa do sistema público de pensións, ao tempo que se amosa moi crítico coas formas dun acordo que se produciu “á marxe da discusión nos ámbitos institucionais de representación onde estamos os sindicatos máis representativos, segundo os artigos 6 e 7 da Lei Orgánica de Liberdade Sindical (LOLS), que somos a CIG e máis ELA, ademais de CCOO e UGT”.
Propostas da CIG para fortalecer o sistema de pensións
As propostas que ten achegado a CIG para fortalecer as pensións públicas pasan por aumentar os ingresos, xa que é o principal problema que ten o sistema na actualidade. Moitas destas alternativas foron recollidas na ILP das 100 medidas para a creación de emprego en Galiza, así como nas achegas da central sindical en materia laboral e social.
A CIG é defensora do sistema público de reparto e reivindica todas aquelas medidas que fortalezan o seu carácter solidario e de xustiza social, rexeitando toda reforma parcial que tenda a desmantelalo ou debilitalo. Os poderes públicos, o Estado, debe garantir a estabilidade e a suficiencia económica do sistema, xa que o dereito a unha pensión digna ten que ser un dereito fundamental para toda a cidadanía, así como un elemento redistributivo e de igualdade social.
A creación de emprego estábel, en condicións dignas, con salarios xustos, constitúe o mecanismo prioritario para dotar de recursos suficientes o sistema de pensións, presente e futuro. Cómpre pois, políticas que dean prioridade á creación de emprego de calidade e ao aumento dos niveis salariais, ao contrario xustamente das que se fixeron nos últimos. A Xunta ten que promover un plan estratéxico de apoio aos nosos sectores produtivos, que fomente a creación de emprego na nosa terra e remate coa lacra da emigración que levamos tanto tempo padecendo.
As cotizacións sociais debe servir para financiar o nivel contributivo das pensións, incluíndo dentro das mesmas a pensión de orfandade e viuvez, mentres que o nivel non contributivo e asistencial debe financiarse a través do orzamentos do Estado. En calquera caso, o Estado sempre será o responsábel, vía transferencias orzamentarias, de cubrir calquera déficit que se poda producir no sistema, incluídas as pensións contributivas.
Derrogación das reformas
Para a CIG é fundamental a derrogación das contrarreformas laborais e da negociación colectiva (Lei 35/2010, RDL 20/2012, Lei 3/2012), así como a derrogación das reformas das pensións do 2011 e 2013. Neste sentido, é urxente rematar coas diferentes formas de tarifas planas e bonificacións das cotizacións á Seguridade Social.
A derrogación das últimas reformas fiscais, a loita contra a evasión, a fraude e os paraísos fiscais son as bases para un cambio radical das políticas fiscais, camiñando a unha verdadeira progresividade nos impostos, o que lle permitiría ao Estado ter recursos suficientes para manter o sistema público de pensións, así como os demais servizos e sistemas de protección públicos. En todo caso, compre rematar coas desgravacións fiscais para os plans de pensións privados.