Pacientes da Mariña teñen que ingresar no HULA pola falta de persoal no Hospital de Burela
A CIG-Saúde denuncia que, a pesar de haber camas libres no Hospital da Mariña, estanse derivando cara ao Hospital de Lugo (HULA) pacientes positivos en Covid que requiren de ingreso, pola incapacidade do centro para asumir as necesidades asistenciais da comarca. Advirten que detrás da boa aparencia pola renovación das fachadas, dando a impresión de que está a apostar polo crecemento do hospital, agóchase un hospital desmantelado pola falta de persoal.
O delegado da CIG Adolfo Corral explica que, á falta de persoal médico de distintas especialidades que vén arrastrando de xeito crecente este centro hospitalario, súmase agora a falta do persoal de enfermaría necesario para manter operativo o hospital ao 100%.
Ante esta situación, a dirección do centro decide, "malia ter camas desocupadas, asumir só un máximo de 10 pacientes Covid e derivar cara ao HULA o resto de doentes; polo que esta semana, veciños e veciñas da Mariña xa sofren as consecuencias de ter que ingresar en Lugo logo de acadarse o máximo establecido de ocupación".
A política de precariedade laboral levou á fuxida de profesionais
O Hospital da Mariña leva máis de dous anos cun importante déficit de persoal, nomeadamente en enfermería, que lonxe de arranxarse estase agravando cada vez máis.
A CIG ten denunciado en reiteradas ocasións os abusos aos que a dirección somete ao persoal de enfermaría das listas de contratación, que provocaron unha fuxida masiva de efectivos cara a outros centros sanitarios onde lles ofertan mellores contratos e respectan seus dereitos. "A consecuencia directa desta política laboral da Xunta do PP é que a data de hoxe nos atopamos sen enfermeiras/os para cubrir as necesidades propias da comarca", reiteran.
"Dende CIG-Saúde levamos anos dicíndolle a esta dirección que dignifique a contratación, ofrecendo contratos estables cunha carteleira establecida, con dereito a vacacións e a que o persoal estea protexido laboralmente ante unha enfermidade ou un accidente. Demanda que non se atendeu en absoluto".
Por iso, responsabilizan da situación sanitaria do Hospital a esta equipa directiva "que segue cometendo os mesmos abusos e maltratos sen querer mudar as súas políticas de xestión da contratación. Unha equipa directiva que baixo o criterio da CIG-Saúde debera dimitir polo ben do Centro Hospitalario".
Situación insostíbel do Centro de Saúde de Viveiro
A CIG-Saúde da Mariña denuncia a insostible situación que vén sufrindo o Centro de Saúde de Viveiro pola ausencia, desde hai moitos meses, de máis da metade da dotación de persoal facultativo. Esta situación xa foi denunciada recentemente, ao chegarse a situacións tan inasumíbeis como a de estar só dous facultativos en quenda de mañá, máis outro para a atención urxente. "Isto significa que só había tres facultativos para atender a case 16.000 pacientes, o que constitúe unha ratio inaceptable de máis de 5.000 persoas por profesional", subliña Corral.
Esta precariedade asistencial "viuse nestes últimos días aínda máis agravada ao ter constancia que nalgúns días o centro de saúde contou unicamente coa presenza dun facultativo para a atención da totalidade da poboación de Viveiro. Situación que podemos cualificar coma caótica e conducente, segundo vai progresando a casuística tanto de pacientes coma de presenza de profesionais, ao peche do centro sanitario".
CIG-Saúde tamén denuncia que gran parte dos e das pacientes está a sufrir anulacións e adiamento de citas, até en 16 días, sen previo aviso "ou, no mellor dos casos, cunha chamada telefónica no mesmo día que tiñan que acudir á consulta".
Este desmantelamento do Centro de Saúde de Viveiro, próximo ao peche das súas portas, "é consecuencia directa da incompetencia xestora do SERGAS e da Xerencia. Sendo conscientes de que esta sexta onda da pandemia está a aumentar tanto a presión asistencial como o número de baixas de profesionais contaxiadas, tamén acreditamos que este sindicato leva anos advertindo do caos que se aveciñaba pola desidia e abandono ao que o SERGAS relegou a Atención Primaria", conclúen.